A curva acadou o seu máximo ao redor do día 30 de marzo, iniciando dende entón un descenso
Despois de 29 días de confinamento, a evolución da epidemia de coronavirus comeza a ser claramente positiva. Atrás ficou o pico da enfermidade e atopámonos nestes momentos nun lento descenso do número de casos graves e ingresos en UCI e con cada vez máis altas. Con todo, cada día engádense novos nomes ás cifras de falecementos, que xa suman 360 en Galicia.
A evolución positiva obsérvase claramente nos dous seguintes gráficos. O primeiro amosa a evolución diaria do número de casos activos (en hospital ou domicilio), do número de altas e do número de falecementos. No que respecta aos casos activos, a curva acadou o seu máximo ao redor do día 30 de marzo, iniciando dende entón un descenso. Porén, cada día seguen a rexistrarse máis positivos que altas, polo que a epidemia está lonxe de estar controlada.
A incorporación dos datos de mortes nas residencias este último xoves fai difícil realizar unha comparación entre as cifras das últimas dúas semanas.
Tamén os datos de falecementos semellan ter acadado o seu máximo hai uns días. De feito, semellaban ter chegado a ese punto na primeira semana de abril. Porén, a incorporación dos datos de mortes nas residencias este último xoves fai difícil realizar unha comparación entre as cifras das últimas dúas semanas.
O segundo gráfico é o que amosa a evolución do número reprodutivo básico, que informa da capacidade do virus para estenderse (representa o número medio de persoas ás que contaxia cada caso positivo). Este indicador segue descendendo, situándose xa en 0,67. Cando baixa de 1, iso significa que a infección está remitindo, e na medida en que se achegue a 0 revelará que a doenza pasará a estar controlada. No conxunto de España o número reprodutivo básico está en 0,8.
O número de enfermos e enfermas de coronavirus nas UCI chegou ao seu máximo o venres 3 de abril, con 177 persoas, e dende entón xa se reduciu ata as 140
Mellora nos hospitais
Dende o inicio da crise repetiuse que o indicador máis importante, xunto co do número de falecementos, era o do número de persoas ingresadas nas UCI e no resto de unidades hospitalarias. O colapso do sistema sanitario tería consecuencias fatais e por iso todos os esforzos para "aplanar a curva" ían destinados a evitar que o pico da enfermidade fose demasiado intenso, superando a capacidade do sistema.
Ese perigo semella ter sido superado, de momento. Dende hai unha semana vén descendendo o número de enfermos e enfermas de coronavirus nas UCI. Chegou ao seu máximo o venres 3 de abril, con 177 persoas, e dende entón xa se reduciu ata as 140. Tamén foi descendendo nos últimos días o número de persoas con coronavirus ingresadas noutras unidades hospitalarias (en planta). O máximo acadouse o pasado 5 de abril con 939 persoas, e hoxe a cifra é de 742.
A inmensa maioría dos casos activos de coronavirus permancen nos seus domicilios con síntomas leves ou sen síntomas. Son un total de 4.951 persoas en illamento domiciliario, un 85% do total, unha porcentaxe que foi medrando nas últimas semanas. O 26 de marzo o 32% dos casos confirmados de coronavirus en Galicia estaban no hospital, hoxe son o 15%.
Dende hai catro días o número de casos activos medra entre un 1% e un 2% cada día
Curvas en descenso
Así, a evolución diaria de todos os indicadores amosa unha melloría dende a última semana de marzo. Lonxe quedan os días en que o número de casos activos ou o de persoas ingresadas nas UCI aumentaban máis dun 20% con respecto ao día anterior. Dende hai catro días o número de casos activos medra entre un 1% e un 2% cada día e na última semana o número de hospitalizacións cae en lugar de subir.
O número de probas con resultado positivo foi descendendo rapidamente, dende o 20% ou o 30% ata o actual 8%
A redución no ritmo de aumento dos casos activos produciuse a pesar de que Galicia incrementou o seu ritmo de realización de probas PCR. Dende o 1 de abril lévanse a cabo máis de dúas mil probas cada día, fronte ás mil e pouco que se realizaban na segunda quincena de marzo. Nas últimas dúas semanas o número de probas con resultado positivo foi descendendo rapidamente, dende o 20% ou o 30% ata o actual 8%.
Dende a última semana de marzo o ritmo de crecemento de casos de coronavirus en Ourense é moi superior ao do resto de Galicia
A excepción ourensá
Nas alentadoras cifras do conxunto de Galicia, chaman a atención os datos da área sanitaria de Ourense, que abrangue o conxunto da provincia. A pesar de ter unha poboación moi inferior á das áreas sanitarias de Vigo, A Coruña ou Compostela, o seu número de casos activos é moi semellante e mantén dende a última semana de marzo un ritmo de crecemento moi superior ao do resto de Galicia.
O cambio produciuse a partir do 25 de marzo e, sobre todo, na primeira semana de abril, un tempo no que Ourense pasou de ter cifras de casos confirmados semellantes aos de Pontevedra ou Santiago, a situarse como a segunda área sanitaria con máis positivos, por diante de Vigo e moi preto da Coruña. O aumento coincidiu co incremento da realización de probas nas residencias de maiores.
Cómpre ter en conta que Ourense é a provincia máis envellecida de Galicia. En Ourense a proporción de poboación maior de 65 anos supera o 31% e triplica á de menores de 20. En Lugo a porcentaxe é do 29%, na Coruña é do 24,57% e en Pontevedra do 22,5%.
A incidencia do coronavirus en Ourense é de 378 casos por 100.000 habitantes, mentres que A Coruña e Santiago roldan os 220 casos e o resto de Galicia está por debaixo dos 200 casos
A área sanitaria de Ourense abrangue unha poboación de 305 mil persoas, semellante á de Lugo (319 mil) e Pontevedra (293 mil), e moi inferior á de Vigo (575 mil), A Coruña (551 mil) e Compostela (447 mil). Porén, o seu número de casos de coronavirus sitúase á beira e mesmo por riba destas zonas máis poboadas.
Isto fai que a incidencia da enfermidade sexa en Ourense moi superior ao do resto de áreas do país. A incidencia do coronavirus en Ourense é de 378 casos por 100.000 habitantes, mentres que A Coruña e Santiago roldan os 220 casos e o resto de Galicia está por debaixo dos 200 casos. A incidencia ourensá mesmo duplica á de varias zonas de Galicia, como Pontevedra, Ferrol, Lugo ou Vigo.