Este martes, 24 de marzo, o balance oficial do Servizo Galego de Saúde sobre o impacto do coronavirus en Galicia indicaba que o número de casos positivos detectados eran 1.374, con 983 persoas no seu domicilio e as restantes, hospitalizadas. Das tratadas en hospitais, 337 estaban en unidades ordinarias e as restantes 54, en unidades de coidados intensivos, o servizo sanitario considerado máis crítico na loita contra a pandemia.
Malia ao protocolo oficial implantado polo Ministerio de Sanidade, segundo o cal "só se actualizarán os datos unha vez ao día", como lembra diariamente o propio Sergas aos medios, o presidente da Xunta aproveitou a comparecencia de prensa convocada para a tarde deste propio 24 de marzo -a través de internet e con posibilidade de preguntas por esta vía- para ofrecer novas cifras, que a estatística oficial reflectirá o mércores. Segundo indicou Alberto Núñez Feijóo, os positivos son xa 1.521 dos que 1.060 reciben asistencia domiciliaria, 393 están hospitalizadas en unidades ordinarias e outras 68, na UCI.
Feijóo elevou na tarde deste 24 de marzo a 1.521 os positivos detectados en Galicia, con 393 persoas hospitalizadas en unidades ordinarias e outras 68, na UCI
Alén deste balance, que se completaría -segundo a información trasladada por Feijóo- este 24 de marzo con 21 falecementos rexistrados e un total de 25 altas, na súa intervención ante a prensa o titular da Xunta tamén trasladou a "previsión do número total de camas" que manexa a Consellería de Sanidade para o momento de maior carga asistencial para atender persoas que contraian a covid-19. "Só para persoas afectadas pola pandemia" no seu "pico", sinalou, Sanidade prevé precisar "4.000 camas durante varios días, posiblemente durante máis dunha semana".
Para medir o peso desta cifra no conxunto do sistema sanitario cómpre poñelo en perspectiva co número total de camas hospitalarias de Galicia. "O aforamento total do Sergas son 6.200 camas", referiu Feijóo na propia comparecencia. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia, concretamente, dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde. O total de camas públicas "instaladas", segundo estes datos, son algo máis de 7.000.
As fontes estatísticas dispoñibles indican que Galicia dispón dunhas 9.000 camas de hospital, entre públicas e privadas
A elas cumpriría engadir neste caso as camas da sanidade privada, toda vez que en virtude do estado de alarma estas empresas quedaron "ás ordes" da sanidade pública. O propio Ministerio cifra estas camas nunhas 2.000, polo que o conxunto das dispoñibles en territorio galego roldarían as 9.000.
Esta cifra é semellante á que manexa o Instituto Galego de Estatística. Na súa última actualización deste indicador -datada en 2017- sinalaba que, mesmo tras os recortes dos últimos anos, Galicia dispón de 9.005 camas hospitalarias "en funcionamento" e dun total de 9.937 "instaladas".
A Xunta di concordar en que "os peores momentos" en canto a total de casos do virus en Galicia "están por chegar" e ten rexistrados 125 positivos entre persoal do Sergas
Sanidade manexa estas estimacións, feitas públicas por Feijóo, nun contexto no que o Goberno galego di concordar en que "os peores momentos" en canto a número total de casos e carga asistencial do sistema sanitario "están por chegar". Entre outras razóns, porque se está a incrementar o número de probas e "cantos máis test fagamos, máis posibilidades hai" de detectar novos casos, evidencia. Así e todo, di, a situación galega é polo momento "un pouco menos mala" que noutros territorios do Estado, se ben non desbota que as cifras galegas vaian alén da "media" estatal nas vindeiras semanas.
A evolución da asistencia do virus en Galicia dependerá tamén, en boa medida, do impacto dos contaxios entre o propio persoal sanitario. Ata o momento, Sanidade ten rexistrados 125 casos positivos entre persoal do Sergas -tanto persoal médico como de enfermaría e outros servizos- e fontes da Xunta resaltan que non todos estes positivos se deben ao "exercicio profesional", senón que algúns foron produto de viaxes a Madrid ou de contacto con persoas procedentes desa cidade.
Como en anteriores comparecencias, o presidente da Xunta volveu amosarse crítico coa xestión do Goberno de España nesta crise sanitaria, centrando outra volta os seus receos con especial intensidade no fornecemento de material como máscaras e outros equipos de protección. Non obstante, Feijóo admite que para todas as Administracións, incluída a Xunta, "non é nada doado "acceder ao mercado" destes produtos, no que están a "competir potencias mundiais".