As críticas da Xunta ao Goberno de España pola xestión da crise do coronavirus prodúcense dende hai días. Dende Alberto Núñez Feijóo asegurando que "non pode ser que o Goberno non funcione como un só" porque "a xente non entende de gobernos bipartitos" no día en que o Consello de Ministros aprobou o estado de alarma ata os últimos días cando o mesmo presidente da Xunta vén atribuíndo á xestión estatal a escaseza de material sanitario que poida existir en Galicia para afrontar a epidemia.
O cruzamento de declaracións e cifras de material sanitario en xeral e de máscaras de protección en particular está a incomodar entre o persoal sanitario e a súa representación sindical. Así, tras as últimas controversia, cando menos dous do sindicatos do sector, CIG-Saúde e CC.OO., reclamaron claridade sobre o número de equipos de protección cos que conta o Servizo Galego de Saúde na actualidade e a respecto de cantos disporá nos vindeiros días e semanas.
A Xunta asegura que ten "encargadas 8 millóns de máscaras", di que xa recibiu unhas 85.000 do Ministerio e asinou recentemente un convenio co Goberno vasco para acceder a 70.000
Este domingo 22, tras a videconferencia con Pedro Sánchez e o resto de presidencias autonómicas, Feijóo asegurou que "dende o decreto de alarma", que facultou o Estado para centralizar o fornecemento de material sanitario, "Galicia só tivo 10.000 máscaras cirúrxicas" procedentes do Ministerio de Sanidade. O propio domingo, nun comunicado, a Consellería de Sanidade detallaba que o día 13 -na véspera da declaración do estado de alarma-, recibira do Ministerio 15.250 máscaras e o día 20, outras 11.760. En total, 27.010 máscaras das que 25.520 son "cirúrxicas" e outras 1.760, do tipo FFP2 -cun filtro-.
O mesmo domingo o Ministerio de Sanidade aseguraba que, no seu reparto de material, asignara a Galicia 117.907 destas máscaras (un 2,91%) do total e este luns, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmaba á prensa que viñan de chegar a Galicia 58.040 máis, polo que o total das recibidas roldarían polo momento as 85.000. Das xa dispoñibles, 15.000 van para servizos dependentes dos concellos, especifica Rueda.
En rolda de prensa Feijóo asegurou que o Sergas dispón dunha reserva de medio millón de máscaras que, mantén, cubrirían as necesidades dunhas dúas semanas da epidemia
As máscaras remitidas polo Ministerio -e as que estarían pendentes de chegar- viríanse engadir, segundo as cifras divulgadas o domingo por Feijóo a unha reserva de arredor de medio millón de unidades que, dixo, ten o Sergas en reserva e que, atendendo aos seus cálculos, serían dabondo para dúas semanas. Ademais, asegurou, o Sergas ten "encargadas 8 millóns de máscaras" que, segundo o propio presidente, Sanidade prevé comezar a recibir dende o martes desta semana procedentes "maioritariamente da China".
Alén disto, a propia Xunta evidenciou o pasado día 12 que viña de asinar co Servizo Vasco de Saúde (Osakidetza) un convenio polo cal "accederá a un stock de 70.000 máscaras sanitarias" entre "os meses de marzo e xuño". Esas máscaras, explicaba o Goberno galego, eran parte dunha compra a gran escala de 500.000 máscaras mercadas pola sanidade vasca á empresa Nueva Sibol, tanto para uso propio como para facilitar "a outros servizos de saúde" no Estado.
O ministro nega "calquera bloqueo" e Feijóo admite "tensións" nos mercados
Nas súas declaracións do domingo, Feijóo deixaba tamén un recado ao Goberno central. Eses 8 millóns de máscaras, dixo, chegarán se o Estado non "intervén" nas "compras que consiga o Sergas". Peticións ou acusacións semellantes realizábanas, case ao mesmo tempo, dende outras presidencias autonómicas do PP.
Illa cualifica de "absolutamente falso" que o Ministerio "bloquee" a chegada ás autonomías de material mercado por cadanseus servizos de saúde
Diante destas acusacións máis ou menos abertas, o propio ministro de Sanidade, Salvador Illa, aseguraba que é "absolutamente falso" que exista "ningún bloqueo", nin "en aduanas" nin en territorio do propio Estado, de material contra o virus adquirido dende as autonomías. Ben ao contrario, mantén, o Goberno central "apoia todo tipo de compra que poida haber de material de protección". "O que si hai -advertiu- é un combate contra quen queren especular" con estes materiais en plena crise sanitaria.
CIG-Saúde reclama "coñecer a situación real" dos equipos de protección e CC.OO. ve "desafortunado" que Feijóo "alardee das reservas mentres moito persoal denuncia que non recibe material"
Porque esa especulación transnacional, advertiu Illa, si é unha dificultade real. A mesma, aínda que con outra palabras, era admitida tamén por Feijóo. "Estamos adquirindo equipamento nun mercado global no que hai unha tensión enorme" e onde "Estados de centos de millóns de cidadáns" están a "competir" polos mesmos produtos sanitarios, dixo.
Neste contexto, para a federación de Sanidade de CC.OO. en Galicia resulta especialmente "desafortunado" que Feijóo "alardee dunha reserva de medio millón de unidades destes equipamentos ao tempo que moito persoal denuncia que non recibe o material. CIG-Saúde, pola súa banda, pide que o persoal poida "coñecer a situación real do stock" de máscaras e outros equipos de protección. "A nosa intención é defender un uso racional do material de protección atendendo ás recomendacións científicas" e para iso, sinala CIG-Saúde, cómpre que o persoal "coñeza a situación real".