A realización dun maior número de probas do coronavirus en Galicia reflíctese un día máis no total de positivos da doenza detectados no país. Os datos actualizados pola Dirección Xeral de Sáude Pública pouco antes do mediodía deste 23 de marzo reflicten un total de 1.170 positivos activos en Galicia e por primeira vez, os casos hospitalizado superan os 300. Non obstante, a maior parte de persoas infectadas continúan recibindo tratamento a domicilio nunha xornada na que tamén destaca a saída da UCI do primeiro caso detectado en Galicia a comezos de mes.
Os positivos detectados en toda Galicia son xa 1.170 e as persoas falecidas chegan ás 19
A información divulgada polo Sergas reflicte un incremento de 285 casos detectados no conxunto do país a respecto da xornada do domingo. É un 32% máis, un aumento dez puntos superior ao da xornada previa que incide na liña da maior detección por mor do maior número de probas. Sanidade confirma tamén cinco falecementos máis dende o anterior balance oficial, ata 19 persoas.
As persoas ingresadas na UCI son 13 máis que o domingo e chegan ás 46
No que atinxe á presión asistencial da epidemia en Galicia, algo máis de sete de cada dez positivos detectados reciben atención domiciliaria, ata 854 persoas. Non obstante, este luns si destaca o incremento das persoas infectadas polo virus que precisan atención en unidades de coidados intensivos (UCI), que xa son 46 -trece máis que no día previo, isto é, un aumento de case o 40%. Galicia dispón de 274 prazas neste tipo de unidades.
Mentres, o incremento da presión nas unidades hospitalarias convencionais é menor. Este luns son un total as 270 persoas ingresadas nestas unidades, un avance de algo menos dun 20%.
Por áreas sanitarias, a que concentra un maior número de casos segue a ser a da Coruña, con ata 298, seguida moi de preto pola de Vigo, con 278. En Santiago os positivos detectados chegan aos 189 e en Pontevedra, aos 164. En Ourense os casos confirmados de coronavirus sitúanse neste balance en 142, en Lugo son 62 e en Ferrol, en 37. Foi na área lucense onde se rexistrou o último falecido ata o momento, un home de 81 anos que estaba ingresado no hospital Lucus Augusti.
Sae da UCI o primeiro diagnosticado en Galicia
"Está ingresado en planta e o seu prognóstico é estable", informan dende o CHUAC sobre o primeiro paciente de coronavirus en Galicia, cuxa evolución ven "unha esperanza na loita contra a pandemia"
No capítulo das altas, que xa son 19 en total tivo especial peso simbólico no balance deste luns a saída da UCI do primeiro paciente diagnosticado por coronavirus en Galicia, o home de 49 anos que viaxara á Coruña para acudir a unha entrevista de traballo cuxo positivo fora confirmado o pasado 4 de marzo. En declaracións recollidas pola TVG, o xefe da unidade de coidados intensivos do CHUAC, David Freire, ratificaba que esa alta se produciu na tarde do domingo e que é, "tamén, o primeiro paciente dado de alta na UCI" de todos os ingresados por esta causa en Galicia.
"Despois de extubalo e despois de dúas probas nas que deu negativo, está ingresado en planta e o seu prognóstico é estable", relata o doutor Freire. O persoal do CHUAC "celebramos esta noticia" porque, asegura, supón un "avance" no caso deste paciente en concreto, pero tamén unha "esperanza na loita contra a pandemia".
O Sergas reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Ademais, Sanidade ten activo un sitio web na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos e realizar un autotest con orientacións sobre os síntomas da doenza.