Este xoves, 19 de marzo, o número de casos positivos por coronavirus detectados en Galicia chegou ás 444 persoas. Esta cifra non supón que a enfermidade tornase máis virulenta nin que o ritmo de contaxio do covid-19 no país sexa necesariamente maior. Está tamén relacionada coa realización dun maior número de test, unha práctica especialmente recomendada pola Organización Mundial da Saúde para ter un maior control da epidemia pero que, como advertiu o director de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, cómpre ter en conta que tende a disparar as cifras globais.
A realización dun maior número de test incrementará as cifras de positivos coñecidos, pero tamén permitirá mellorar o seguimento e control da pandemia
Co exemplo de países como Corea do Sur como referencia, unha das vías para a realización de test rápidos é o mecanismo que permite realizalo achegándose nun vehículo a un punto indicado pola autoridade sanitaria e, sen baixar del, realizar a proba. Esta práctica está xa en marcha en Galicia e a comezos da vindeira semana, o Servizo Galego de Saúde prevé tela implantada en todas as áreas sanitarias. Sempre, subliñan dende o Sergas, única e exclusivamente con tida indicada polo persoal facultativo.
As áreas de Vigo, Ourense e Lugo teñen xa en marcha este sistema, Sanidade prevé activala na Coruña e Pontevedra este venres, día 20, e o luns 23 en Santiago e Ferrol. "Os pacientes realizan a proba do coronavirus sen baixar do vehículo" pero, reitera o Sergas, isto só sucede se "o facultativo prescribe a realización deste test". Non é posible daquela, evidencian, que calquera persoa se achegue a un hospital por iniciativa propia e sen mediación médica para facer a proba.
Este sistema, xa empregado noutros países, precisa unha menor cantidade de equipos de protección para a recollida de mostras, da que se encarga persoal de enfermaría e TCAE
Este sistema, coordinado dende os equipos de Medicina Preventiva de cada área, "permite axilizar tempos" pero tamén economizar os equipos de protección do persoal sanitario. Non en van, especifican, mentres que as probas a domicilio requiren dun equipo completo por visita, neste caso "os profesionais van utilizar un só equipo por quenda, sen necesidade de cambiarse con cada paciente. Estas probas dende o coche, especifican dende o hospital de Ourense, "complementan o traballo dos equipos de recollida a domicilio de mostras" para persoas que vivan en puntos afastados, teñan dificultades de mobilidade ou "a súa saúde así o aconselle".
As responsables de realizar esta recollida de mostras dende o coche, explican tamén dende o CHUO, "están formados por unha enfermeira e unha técnica de coidados auxiliares de enfermaría". Estas profesionais tamén acoden aos domicilios a recoller as mostras.
Evitar o colapso do sistema sanitario
Coñecer a magnitude real da epidemia do covid-19, pero tamén identificar os casos de infeccións con síntomas leves, é unha medida recomendada pola Organización Mundial da Saúde non só para frear a expansión do virus, senón tamén para tentar evitar o colapso do sistema sanitario. Así, a realización de test rápidos permite ordenar o illamento de persoas con sintomatoloxía escasa e evitar que contaxie persoas máis vulnerables que, de contraeren a enfermidade, terían máis posibilidade de teren que ser hospitalizadas.
Segundo os datos fornecidos polo Sergas este xoves, 19 de marzo, dos 444 positivos activos que actualmente se rexistran no país, ata 330 persoas reciben atención domiciliaria, 99 están hospitalizadas en unidades ordinarias e 15, en unidades de coidados intensivos (UCI). Previsiblemente, a realización extensiva de test rápidos incrementará as cifras das persoas que son illadas na casa para pasar a enfermidade.