O Sergas vén de incluír na súa web de información sobre o coronavirus un autotest que busca facilitar a resolución de todas as dúbidas que a cidadanía poida ter sobre a enfermidade e sobre a posible aparición de síntomas. O test ofrece distintos camiños para distintas situacións, tanto para quen teña síntomas coherentes coa doenza e estea preocupado de que se poida tratar do coronavirus, como para quen estea illado no seu domicilio como para quen xa deu positivo.
O test ofrece distintos camiños para distintas situacións, tanto para quen teña síntomas coherentes coa doenza e estea preocupado de que se poida tratar do coronavirus, como para quen estea illado no seu domicilio por precaución como para quen xa deu positivo
Así, o test comeza preguntando se a persoa ten tose, dificultade para respirar e/ou máis de 38 graos de febre. No caso de presentar algún destes síntomas, a páxina pregunta se a persoa estivo nalgunha zona de risco (entre elas as comunidades de Madrid e A Rioxa e todo o territorio de Italia, China e Corea do Sur) nos últimos 14 días. Así mesmo, pregunta se a persoa estivo en contacto con algunha persoa que deu positivo por coronavirus, entendendo o contacto como o feito de permanecer durante máis de 15 minutos "sen ningunha protección no mesmo lugar que esa persoa a menos de dous metros".
No caso de non responder afirmativamente a ningún dos dous supostos, a páxina informa que "os síntomas que presenta neste momento non se consideran relacionados co coronavirus segundo a evidencia científica dispoñible" e que a persoa "pode acudir ao seu centro de saúde para que o atendan, se o necesita", informando no centro "de que completou este autotest e que, segundo o protocolo, non cumpre os criterios". Porén, se presenta algún dos síntomas e si estivo nalgunha zona de risco ou en contacto con algunha persoa infectada, o test recomenda chamar "ao seu centro de saúde ou ao teléfono 900 400 116".
Se unha persoa presenta síntomas, pero non estivo en zonas de risco ou con persoas que deron positivo, o test recomenda acudir ao centro de saúde, descartando que se trate de coronavirus
Para as persoas que se atopan en situación de illamento nas súas vivendas, por ter estado expostas a algunha situación de risco relacionada co coronavirus ou por ter dado positivo nas análises pero non presentar síntomas graves, a web ofrece unha serie de consellos, comezando por non convivir "con persoas con condicións de saúde que supoñan unha vulnerabilidade: persoas de idade avanzada, diversidade funcional, enfermidades crónicas, inmunodeprimidas, embarazadas..." e por "permanecer preferiblemente nunha estancia ou habitación de uso individual ou, no caso de que isto non sexa posible, nun lugar no que se poida garantir unha distancia mínima de 2 metros co resto dos conviventes".
A web recomenda extremar as precaucións ás persoas que se atopan en situación de illamento nos seus domicilios
Tamén se recomenda "dispoñer dun baño para uso exclusivo do paciente" ou, na súa ausencia limpalo "con lixivia doméstica tras cada uso que faga o paciente". E destácase que a persoa non deberá recibir visitas durante o período de illamento.
Asi mesmo, para as persoas en situación de illamento ou que deron positivo e cuxo estado comezou a empeorar (é dicir, se a súa febre superou os 39 graos e non responde á medicación antitérmica ou se presenta grandes dificultades respiratorias) recoméndase chamar inmediatamente ao 061.