Terán efecto as medidas adoptadas para frear a propagación do virus? Serán suficientes estas precaucións? Significará a chegada da primavera unha axuda para o seu control? Serven para algo as luvas e máscaras de protección empregadas pola rúa por moitas persoas? A partir de que momento unha persoa infectada pode contaxiar o virus? Cando chegará o pico da enfermidade?
Ao igual que fixemos nas últimas semanas con expertos como Juan Gestal ou Francisco Caamaño Isorna, poñémonos en contacto con Agustín Montes, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública, coordinador do Programa de Doutoramento e integrante tamén do grupo de Epidemioloxía da USC para preguntarlle por estas e outras cuestións e sobre o momento actual da epidemia, cuxa incidencia e efectos varían rapidamente. Tamén sobre as precaucións que debemos adoptar e sobre a posible evolución futura da doenza á vista dos datos dos que dispoñemos actualmente.
"Hai que manter as precaucións no caso das persoas que xa superaron a enfermidade e que están asintomáticas, porque parece que durante 15 días poden aínda transmitila"
As medidas impulsadas polo Goberno central e a Xunta dende o pasado xoves son as axeitadas para frear a enfermidade? Son escasas? Son excesivas?
Si, estas son as medidas recomendadas a nivel internacional, medidas dirixidas á contención da infección na comunidade. As recomendacións básicas neste momento son o illamento social para evitar a transmisión e o diagnóstico precoz daquelas persoas que están enfermas.
A clave segue sendo 'frear a curva'? Evitar no posible que a infección chegue ás persoas máis vulnerables e tentar reducir ao máximo o número de contaxios nestas semanas para evitar un colapso do sistema sanitario?
Si, efectivamente, este é un tema de solidariedade social. Cando a curva epidémica ten un pico moi alto, iso podería levar a que o sistema sanitario estea sobrepasado e non haxa posibilidade física de atender a todos os pacientes graves que haxa na poboación. Pero non só desta enfermidade, senón de calquera outra doenza grave que necesite de ingreso hospitalario ou de atención urxente, sobre todo se se require de ingreso en UCI. As medidas de contención van provocar unha extensión no tempo de propagación da enfermidade, pero é importante para non chegar a eses niveis de saturación do sistema sanitario.
"Nos próximos 15 días veremos se as medidas adoptadas dan resultado, que seguro que si o darán. As previsións indican que o pico en Galicia pode chegar nas próximas 4 semanas"
As últimas investigacións sobre o virus apuntan a que os pacientes infectados pode transmitila mesmo sen presentar síntomas e que tamén as persoas que xa superaron a enfermidade poden contaxiala durante varios días. Isto fai moito máis difícil frear a súa propagación?
Si, a diferenza do SARS, que era un virus que tiña unha alta letalidade pero unha baixa capacidade infectiva, este coronavirus ten as características contrarias: facilidade na transmisión pero afortunadamente unha letalidade moito menor. Por iso é importante extremar a precaución no caso das persoas que estiveron en contacto con algún caso positivo un par de días anteriores a que esa persoa teña enfermado, que parece que é o período no que se pode contaxiar. Pero tamén hai que manter as precaucións no caso das persoas que xa superaron a enfermidade e que están asintomáticas, porque parece que durante 15 días poden aínda transmitila. Por iso recoméndase estender o confinamento e corentena destas persoas.
Estas últimas informacións sobre o virus van obrigar a prolongar as medidas de control máis do que se pensaba?
Nos próximos 15 días veremos se as medidas adoptadas dan resultado, que seguro que si o darán. As previsións indican que o pico en Galicia pode chegar nas próximas 4 semanas. O pico non chegará á vez en todas as comunidades nin en todos os países, pois depende do momento en que chegara a enfermidade, estando Madrid, País Vasco, A Rioxa ou Navarra nunha fase máis avanzada ca nós e chegando máis tarde o pico en Galicia. Se a xente se conciencia de que este é un problema no que todos temos que colaborar co noso autoenclaustramento en casa e segue as indicacións de seguridade, veremos como o problema se vai ir controlando, diminuíndo a transmisión da enfermidade.
"É posible que se hai uns días houbera unha aplicación máis coordinada das medidas de contención, se podería ter controlado algo mellor a propagación. Pero agora non é o momento de falar sobre ese tema"
As medidas adoptadas o pasado venres e sábado chegaron algo tarde, á vista da maneira en que se estenderon os contaxios no Estado Español? É o momento de que se dea este debate ou agora a prioridade debe ser frear a enfermidade?
Sempre hai moitas formas de enfocar un problema, e ocorre o mesmo cun problema de saúde pública. É posible que se hai uns días houbera unha aplicación máis coordinada das medidas de contención, se podería ter controlado algo mellor a propagación. Refírome a cando en Madrid se decretou a suspensión das clases e non se acompañou dun control dos movementos das persoas, o que provocou algúns desprazamentos en dirección a zonas costeiras, tamén en Galicia. Esa descoordinación pode ser que ocasionara un espallamento da enfermidade. Pero en todo caso, agora non é o momento de falar sobre ese tema, agora é o momento de tomar as medidas para o control da infección. Cando o consigamos e a enfermidade estea totalmente controlada, poderase analizar cales foron os erros, para aprender de cara ao futuro e non volver cometelos.
"Eu estou vendo moitas persoas pola rúa con máscaras de protección e con luvas de látex. Son medidas que non están indicadas para persoas sas. E mesmo poden ser contraproducentes"
A fin do inverno e a chegada da primavera poden axudar a controlar a enfermidade? O coronavirus é unha enfermidade estacional, como a gripe?
De momento aínda non podemos afirmalo con seguridade. Pódese pensar que a enfermidade pode ter un carácter estacional, como sucede coas gripes, e hai indicadores que así o estarían indicando, por exemplo o reducido número de contaxios comunitarios que se están producindo no hemisferio sur, onde están rematando o verán e están a piques que comezar o outono. Pero aínda non o podemos saber. Se fose así, o incremento das temperaturas e da insolación podería limitar a propagación da enfermidade e isto sería importante para contela.
É necesario ou útil o uso de máscaras de protección e luvas cando se camiña pola rúa?
Eu estou vendo moitas persoas pola rúa con máscaras de protección e con luvas de látex. Son medidas que non están indicadas para persoas sas. E mesmo poden ser contraproducentes, na medida en que unha persoa que usa unha máscara pode pensar que está protexida fronte á transmisión do virus e iso non é certo se esa máscara leva moitas horas colocada e está húmida. Ou se a persoa non a coloca correctamente ou a toca coas mans. É unha acción, ademais, insolidaria, na medida en que se está consumindo un recurso escaso para un uso innecesario e ineficiente e pode haber moitas persoas que si as necesitan e que non teñen acceso a elas, falo sobre todo de quen teñen que atender a persoas que si están infectadas ou a persoas maiores ou que son vulnerables á enfermidade.
"Cómpre lembrar a importancia de non colapsar o 061 e os teléfonos de emerxencia, que esta fin de semana si sufriron unha situación de saturación"
E exactamente igual co uso das luvas, que a unha persoa lle poden dar unha falsa impresión de seguridade. E é unha medida ineficiente, porque o virus non entra no corpo a través da pel e se con elas -despois de tocar algunha persoa ou superficie con presenza do coronavirus- nos tocamos as mucosas da cara -boca, ollos, nariz...- pois podemos estar transmitíndonos o virus. A medida importante que se ten que aplicar é o lavado frecuente de mans. Pódense utilizar as substancias hidroalcólicas, pero coa auga e o xabón que temos na casa é máis que suficiente.
Quere lanzar algunha outra mensaxe ou recomendación á cidadanía?
Creo que tamén cómpre lembrar a relevancia de non colapsar o 061 e os teléfonos de emerxencia, que esta fin de semana si sufriron unha situación de saturación. Para liberar eses servizos é importante a medida lanzada polo Sergas de crear unha web de información e cun autotest para resolver dúbidas sobre a posibilidade de ter a enfermidade. Ante a dúbida, é importante realizar primeiro ese autotest.