A maior intensidade nas probas -coa implantación de medidas como os test sen baixar do coche en Vigo ou Lugo- e o afloramento dos contaxios da última semana provocou que o cómputo de casos positivos por coronavirus en Galicia experimentase este xoves, 19 de marzo, un pronunciado incremento. Son xa 444 casos confirmados, 111 máis que vinte e catro horas antes, e o Servizo Galego de Saúde confirma un quinto falecemento, dun home septuaxenario na Coruña.
O total de positivos aumenta en 111 persoas e os casos máis graves que requiren atención na UCI incrementáronse en catro, de 11 a 15
Os datos divulgados este xoves -o Sergas subliña que xa se adaptou ao protocolo do Ministerio para difundir información actualizada só unha vez ao día- indican que, malia ao incremento xeral de positivos, os casos máis graves non aumentaron a maior ritmo que nos días previos. Así, mentres que o total de positivos aumentou en 111 persoas -un 33% máis-, as que precisan atención en unidades de coidados intensivos son 15 -catro máis que na xornada previa- e unha ampla maioría segue a recibir atención domiciliaria, un total de 330.
Alén da UCI, as unidades ordinarias de hospitalización si rexistran un maior incremento de casos. De 63 hospitalizacións por esta causa o pasado mércores o Sergas pasa a rexistrar 99 doentes. As altas son polo momento, escasas, as mesmas 4 dos últimos días. A área sanitaria con maior presión asistencial polo coronavirus segue a ser a da Coruña; non en van, 136 dos 444 casos están nesta área sanitaria.
Os incrementos atinxen a todas as áreas sanitarias e a segunda con máis casos é a de Vigo, que está a aplicar os devanditos test a bordo dos coches -no hospital do Meixoeiro- e xa detectou 84 positivos. En Santiago os casos de coronavirus chegan xa aos 64, en Pontevedra chegan a 59, en Ourense sitúanse en 46 e en Ferrol, polo momento, son 15.
Consellos en caso de ter síntomas
O Sergas reitera un día máis os consellos para previr o coronavirus e tamén para as persoas que teñan algún dos síntomas da enfermidade -tose, febre alta, dificultade para respirar-. Así, ademais de insistir na necesidade de respectar o illamento decretado polo estado de alarma, Sanidade subliña a necesidade de "empregar só para emerxencias" o 061 e dirixirse ao sitio web coronavirus.sergas.gal ou ao teléfono 900 400 116 para "consultar dúbidas ou síntomas leves.
Estas vías de consulta a distancia son recomendadas en todo caso e Sanidade advirte da necesidade de non dirixirse con síntomas leves aos centros sanitarios, toda vez que non é precisa asistencia de emerxencia e ese desprazamento pode contribuír aos contaxios. No sitio web do Sergas está dispoñible, ademais, un autotest sobre os síntomas e como actuar ante eles.