Como prevían as autoridades sanitarias, os casos positivos por coronavirus en Galicia volveron experimentar un novo ascenso no cómputo ofrecido este martes, 18 de marzo. As cifras -que seguen sendo reflexo dos contaxios de varios días atrás e das probas realizadas, non do global da poboación- chegan xa ás 333 persoas diagnosticadas pola doenza e nesta xornada o Servizo Galego de Saúde certificou un novo falecemento ligado á enfermidade, dun home septuaxenario na Coruña.
O incremento diario de casos é o menor nunha semana, segundo os datos do Sergas, que confirma un cuarto falecemento
Os datos deste mércores indican, non obstante, o menor incremento diario de positivos nunha semana (28 máis que vinte e catro horas antes). Malia á implantación dun novo protocolo de información -segundo o cal, os datos ofreceríanse unha vez ao día e co criterio estatístico do Ministerio de Sanidade-, cando menos en Galicia continúa habendo disparidades horarias e tamén de cifras: mentres que o Ministerio cifra os casos "curados" en 7 en Galicia, a Xunta segue sinalando unicamente 4 altas.
Alén destas escasas diferenzas, ambas Administracións coinciden no global de persoas diagnosticadas. A maioría deses 333 casos activos dos que informa o Sergas seguen recibindo atención domiciliaria (259). Outras 63 están hospitalizadas en unidades ordinarias e un total de 11 están en unidades de coidados intensivos (UCI).
Segundo Feijóo, ata 26 casos positivos detectados o pasado martes "proviñan de dúas excursións", unha a Lloret de Mar e outra a Benidorm
Apenas unha hora despois da difusión destes datos por parte do Sergas, o presidente da Xunta volveu matizar lixeiramente os datos, aínda que si indicando nesta ocasión que se está a rexer polo protocolo informativo do Ministerio. Ademais, Feijóo agregou que, segundo a información manexada polo Goberno galego, de 49 novos casos detectados como positivos durante a xornada do martes, "26 proviñan de dúas excursións" de poboación galega que se desprazara a Lloret de Mar, en Xirona, e a Benidorm, na Comunitat Valenciana. Feitos coma estes, aadmite, fai que na Xunta "preocupen" especialmente "todas aquelas persoas que estiveron fóra de Galicia nos últimos días ou semanas" e regresaron ao país, polo seu potencial contaxio.
O maior número, na Coruña
A área sanitaria que segue a concentrar un maior número de casos en Galicia é a da Coruña, onde xa se rexistraron 108. Tras os incrementos dos últimos días, a segunda con máis positivos é Santiago (56), seguida de VIgo (49). Sempre segundo os datos do Sergas, a continuación estaría Pontevedra, con 47; Ourense, con 34; Lugo, con 31 e Ferrol, onde só se rexistran polo momento 8 casos.
A persoa cuxo falecemento confirmou Sanidade este mércores era un home de 72 anos que nos últimos días permanecera ingresado na UCI do Hospital da Coruña. Como as tres persoas falecidas anteriormente dende o inicio da crise tras contraeren o virus, padecía tamén outras patoloxías previas, sinala o Sergas.
Consellos en caso de ter síntomas
O Sergas reitera un día máis os consellos para previr o coronavirus e tamén para as persoas que teñan algún dos síntomas da enfermidade -tose, febre alta, dificultade para respirar-. Así, ademais de insistir na necesidade de respectar o illamento decretado polo estado de alarma, Sanidade subliña a necesidade de "empregar só para emerxencias" o 061 e dirixirse ao sitio web coronavirus.sergas.gal ou ao teléfono 900 400 116 para "consultar dúbidas ou síntomas leves.
Estas vías de consulta a distancia son recomendadas en todo caso e Sanidade advirte da necesidade de non dirixirse con síntomas leves aos centros sanitarios, toda vez que non é precisa asistencia de emerxencia e ese desprazamento pode contribuír aos contaxios. No sitio web do Sergas está dispoñible, ademais, un autotest sobre os síntomas e como actuar ante eles.