Os test de coronavirus a pacientes leves dispararán os casos, pero mellorarán o seguimento da epidemia

Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, en tarefas de desinfección este 18 de marzo nunha rúa de Santiago CC-BY-NC-SA Praza Pública

Vai haber máis positivos, pero poderase controlar mellor o avance da enfermidade. É a advertencia do director de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón, a respecto do inmediato "despregamento" dos "test rápidos" de coronavirus que, segundo as previsións manexadas polo Goberno de España, estará en marcha "mañá ou pasado", en referencia ao xoves 19 ou venres 20 de marzo.

Cun cómputo total de 13.700 casos positivos en todo o Estado -333 deles en Galicia, segundo a última actualización do Sergas-, Simón confirma que o Ministerio de Sanidade seguirá a indicación da Organización Mundial da Saúde segundo a cal cómpre realizar o maior número posible de test. Isto implica volverllos facer aos pacientes con síntomas leves, que maioritariamente foron abandonados a pasada semana por risco de colapso. A gran cuestión é que, se os pacientes leves non son contabilizados, o número oficial de contaxios pode estar infravalorado.

"Teremos que explicar con coidado o impacto" dos test rápidos "no incremento" dos casos, admite Fernando Simón

Como informa Belén Remacha para eldiario.es, o Ministerio asegura que implantará decontado os novos test rápidos, pero isto implicará, con toda probabilidade, que se disparen os positivos na estatística oficial. "Teremos que explicar con coidado o impacto no incremento", admite Simón, porque "se se incrementan as probas rápidas, haberá moitos máis casos leves" e, consecuentemente, tamén "baixará a porcentaxe de xente na UCI e hospitalizada. Nesta liña, agrega, a prioridade do Ministerio -de quen depende a decisión en última instancia por mor do estado de alarma- será priorizar os test rápidos en "mostras representativas de poboación de interese".

O Sergas leva realizadas 2.614 probas de coronavirus covid-19, segundo datos actualizados este 18 de marzo

A realización dun gran número de test para controlar mellor a doenza é sinalada como unha das claves do éxito para controlar a pandemia en países como Corea do Sur e voces expertas avogan tamén nos últimos días por esta vía. Tamén a Xunta é partidaria de facer o maior número de test posible, segundo sinalaba este mércores o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Os últimos datos indican que o Servizo Galego de Saúde realizou un total de 2.614.

Feijóo defendía esta liña de traballo tras reunir a parte dos membros do Consello da Xunta -el mesmo, o vicepresidente, Alfonso Rueda e os titulares de Sanidade, Política Social e Medio Rural- na sede do 112, na Estrada, mentres os restantes conselleiros seguían o encontro dende a sede central de San Caetano. Foi alí, na Estrada, dende onde Feijóo se dirixiu aos medios a través de internet nun set artellado este mesmo mércores, co atril da Presidencia e outro equipamento técnico desprazado por persoal que habitualmente realiza estas funcións en San Caetano.

Reunión da Comisión da Xunta que controla a emerxencia polo coronavirus, co delegado do Goberno central participando por videoconferencia, este 18 de marzo na Estrada CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A Xunta tamén defende realizar o maior número de test posible e Feijóo subliña a necesidade de máis material

Dende alí, Feijóo asegurou que volve "poñer enriba da mesa" a necesidade de máis material para afrontar a epidemia "en centros sanitarios e ambulancias, para residencias da terceira idade e centros de discapacidade con internamento", entre outros servizos. Así o trasladou, asegura, na xuntanza do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria, que tamén se reuniu este mércores cunha parte dos seus membros na Estrada e o delegado do Goberno central participando na xuntanza dende A Coruña, por videoconferencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.