As análises confirman na Coruña o primeiro caso de coronavirus en Galicia

Exterior do CHUAC Dominio Público Nemigo

O doente, que se atopa illado dende o luns, foi probablemente contaxiado en Madrid, dende onde viaxou á Coruña para unha entrevista de traballo

Un home de 49 anos, ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), é o primeiro caso de coronavirus en Galicia. O paciente, residente en Madrid, acudiu o pasado luns á unha do mediodía a Urxencias atopándose mal e con síntomas que podían relacionarse con esta enfermidade, unha pneumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica. 

Non procedía de ningunha das zonas de risco, pero o tipo de pneumonía que presentaba obrigou á adopción de medidas especiais. Así, remitiuse unha mostra ao Centro Nacional de Microbioloxía de Majadahonda para confirmar ou descartar a doenza. Este mércores ao mediodía vén de ser confirmada a presenza do coronavirus.

O Sergas destaca que "aínda que temos un caso, podemos seguir dicindo que aquí non circula o virus", en referencia a que o contaxio non se produciu en Galicia

O doente, que se atopa illado dende o luns, foi probablemente contaxiado en Madrid, dende onde viaxou á Coruña nun coche compartido para acudir a unha entrevista de traballo. O paciente, que non presentaba patoloxías previas, atópase grave pero estable e non se atopa ingresado na UCI, senón nunha unidade hospitalaria convencional. Os responsables do CHUAC destacan que o seu estado non variou nas últimas 24 horas. 

Un total de 11 empregados do hospital que tiveran contacto con el ao atendelo tamén foron postos en illamento nos seus domicilios como medida de protección, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Ningún deles presenta síntomas.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal; e da xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria da Coruña, María José Pereira © Xunta

Nunha rolda de prensa que tivo lugar a primeira hora desta tarde, o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada, destacou que "aínda que temos un caso, podemos seguir dicindo que aquí non circula o virus", en referencia a que o contaxio non se produciu en Galicia. A este respecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública iniciou xa o estudo de contactos para previr novos contaxios. Todas as persoas coas que este home mantivo contacto nos "1 ou 2 días" que permaneceu en Galicia foron xa censadas para a adopción de medidas de control que eviten a expansión da enfermidade. 

Nas últimas semanas rexistráronse en Galicia un total de 142 casos sospeitosos, dos que ata agora 141 deran negativo

Hervada explicou que nas últimas semanas rexistráronse en Galicia un total de 142 casos sospeitosos, dos que ata agora 141 deran negativo. Neste senso o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, quixo agradecer o "excelente traballo" que están a levar a cabo os profesionais do Sergas, dende o 061 ata o persoal de atención primaria, pasando polos profesionais de medicina preventiva. Así mesmo, felicitou ao persoal do CHUAC "pola súa rápida actuación" na detección deste caso e na adopción de medidas de prevención.

"Estamos aínda na fase de contención, temos aínda a posibilidade de evitar a expansión do virus e a súa propagación á poboación", destacou a xefa de servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria da Coruña, María José Pereira.

Sanidade ten xa preparado un plan de continxencia ante a posibilidade de que a enfermidade se estenda, un escenario que aínda está lonxe de producirse

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lembrou que o Sergas xa reforzou nos últimos días con 60 profesionais os equipos destinados ao control e diagnóstico da enfermidade. Ademais, anunciou que a Consellería de Sanidade ten xa preparado un plan de continxencia ante a posibilidade de que a enfermidade se estenda e afecte a máis persoas no noso país, un plan de continxencia e de reforzo da atención hospitalaria -lembrou- semellante ao que se elabora antes de cada campaña estacional da gripe. Con todo, destacou que este escenario de propagación da enfermidade aínda está lonxe de ser unha realidade.

Entre as recomendacións do Sergas tamén figura a "especial protección" para o persoal sanitario, procurando evitar no posible os eventos multitudinarios con traballadores da sáude, como poden ser os congresos ou xornadas profesionais. Neste senso, nas últimas horas a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) anunciou o aprazamento das xornadas tiña previsto desenvolver a finais de marzo en Monforte de Lemos.

Coronavirus CC-BY NIAID

No conxunto do Estado Español son xa preto de 200 os positivos confirmados

No conxunto do Estado Español son xa preto de 200 os positivos confirmados, que chegan a case todas as comunidades autónomas (todas, agás Murcia e Aragón). Madrid é o territorio que presenta máis casos activos, cun total de 76.

O SERGAS estableceu un protocolo específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. Sinala que é importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios (no 061) para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus. Polo tanto, pide que se evite ir en primeiro lugar a un hospital ou centro de saúde. 

Ademais, como medida de prevención xeral, recoméndase lavar as mans con frecuencia con auga e xabón cando menos durante 20 segundos e despois do contacto con secrecións respiratorias; así mesmo, tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar cun pano desbotable ou co interior do cóbado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.