O Sergas reforza o persoal para facer probas do coronavirus, con Galicia aínda sen afectados pola doenza

Xuntanza da Comisión Interdepartamental para o seguimento do Coronavirus © Xunta

Galicia é unha das tres comunidades autónomas (xunto con Murcia e Aragón) nas que aínda non se detectou ningún positivo

O número de afectados polo coronavirus segue a medrar en todo o planeta, e tamén no Estado español. Na tarde deste luns a cifra de casos detectados en España roldaba os 120, segundo a información oficial do Ministerio de Sanidade. Este luns rexistráronse ademais os dous primeiros casos en Portugal. En calquera caso, en España non houbo polo momento ningunha morte pola enfermidade e dos 120 enfermos totais, só revisten certa gravidade entre 5 e 10.

Galicia é unha das tres comunidades autónomas (xunto con Murcia e Aragón) nas que aínda non se detectou ningún positivo. Madrid, con 32 casos, é a zona máis afectada, seguida da Comunidade Valenciana con 15, e Cataluña, Andalucía e Euskadi con 12.

As persoas que sospeiten terse contaxiado co virus deben chamar por teléfono aos números habilitados, para que persoal médico acuda ao seu domicilio a realizar probas

Este luns a Xunta reuniu á Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e decidiu reforzar con 60 novos profesionais o persoal destinado a recoller mostras de coronavirus a domicilio, os equipos técnicos para realizar as probas en microbioloxía e os traballadores para a atención telefónica do 061.

Ademais, hai uns días a Consellería de Sanidade puxo a disposición da poboación o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. Sanidade subliña que tamén está dispoñible o 061 para persoas con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivera nalgún deses lugares. Polo de agora recibíronse 656 chamadas.

A Xunta decidiu reforzar con 60 novos profesionais o persoal destinado a recoller mostras de coronavirus a domicilio, os equipos técnicos para realizar as probas en microbioloxía

O SERGAS estableceu un protocolo específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. Sinala que é importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poda recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus. Polo tanto, pide que se evite ir en primeiro lugar a un hospital ou centro de saúde.

Ademais, recoméndase lavar as mans con frecuencia con auga e xabón cando menos durante 20 segundos e despois do contacto con secrecións respiratorias; así mesmo, tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar cun pano desbotable ou co interior do cóbado.

Así mesmo, están a aplicarse numerosas medidas de prevención para evitar no posible a propagación da enfermidade entre uns e outros países. Por exemplo, a cerimonia anual do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que debía celebrarse este mércores en Bruxelas coa participación de varios rexedores galegos e da Conselleira de Medio Ambiente, foi suspendida por indicación da Comisión Europea.

Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública na USC, subliñaba hai uns días en conversa con Praza que "canto máis aguantemos se que o virus se propague, máis avanzaremos cara ao bo tempo, que axudará a que remita a incidencia da enfermidade e os seus efectos". Getal destacaba que se a enfermidade se estendese, habería que "organizar o noso sistema sanitario, como facemos todos os anos coa gripe estacional".

Nos últimos dous meses morreron en Galicia 59 persoas que ingresaron no hospital enfermas de gripe. A maior parte eran moi maiores e non estaban vacinadas

En calquera caso, para contextualizar un chisco o alcance real da enfermidade, cómbre lembrar que a gripe mata cada ano en Galicia a varias ducias de persoas e motiva o ingreso hospitalario de máis de mil. Na actual campaña da gripe, que comezou en decembro e que está a piques de rematar, a cifra de falecidos entre as persoas que ingresaron no hospital con esta doenza sitúase nas 59, 25 deles directamente por gripe. 

En total, houbo 1.430 ingresos con gripe confirmada (957 xa dados de alta); dos que se ten información, 118 requiriron asistencia en UCI. Dos 59 falecidos, 55 tiñan indicada a vacina e 32 non estaban vacinados

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.