As residencias de maiores galegas rexistran case medio cento de positivos por coronavirus

O persoal das residencias da terceira idade alerta sobre a falta de equipos de protección CC-BY-SA Praza.gal

Ademais dos hospitais e outros centros sanitarios, as instalacións de coidado de persoas maiores e outros dependentes son algúns dos espazos máis sensibles a unha posible infección por coronavirus. Os contaxios producidos na Comunidade de Madrid ou en Áraba explican unha parte das elevadas cifras de falecementos e ingresos en UCI que se están producindo neses territorios. E en Galicia unha das principais preocupacións é manter o virus lonxe das residencias de anciáns e outros centros.

A situación que máis preocupa é a da residencia da terceira idade San Carlos, en Celanova, que nas últimas horas rexistrou 24 novos casos de coronavirus, 11 entre as traballadoras e 13 entre as persoas residentes

As residencias galegas suman xa case medio cento de contaxios, entre as persoas internas (ao redor de 30 casos positivos) e as traballadoras e traballadores (14 casos). A situación que máis preocupa é a da residencia da terceira idade San Carlos, en Celanova, que nas últimas horas rexistrou 24 novos casos de coronavirus, 11 entre as traballadoras e 13 entre as persoas residentes. Unha das internas do centro, de 89 anos, faleceu hai uns días a causa do virus, polo que se decidiu facer probas a todo o persoal e residentes. 

Estes novos casos en Celanova únense aos 11 que se detectaron en Vigo, aos 5 de Santiago e mais outro positivo en Caldas de Reis. Ademais, entre o persoal que traballa nestes centros descubríronse 14 casos.

O 67,2% das persoas falecidas en España polo coronavirus teñen máis de 80 anos, segundo os datos detallados facilitados polo Ministerio de Sanidade. Nese grupo de idade o índice de letalidade chega ao 18%. As mortes entre 70 e 80 anos supoñen o 20,4% do total, cunha letalidade do 5%. Os positivos distribúense de forma uniforme en todos os grupos de idade, pero o 68% das hospitalizacións e o 58% dos ingresos en UCI corresponden a persoas por riba de 60 anos.

Residencia San Carlos, en Celanova ©

"Unha prioridade"

"Trátase da nosa prioridade e a de todas as comunidades autónomas no que atinxe á prevención da enfermidade", afirmou Núñez Feijóo este domingo

"Trátase da nosa prioridade e a de todas as comunidades autónomas no que atinxe á prevención da enfermidade", afirmou Núñez Feijóo este domingo, e adiantou que o Goberno galego está traballando no deseño dun protocolo de actuación único para as residencias de anciáns. Lembrou que nestas instalacións viven ao redor de 20.000 maiores (3.000 en centros públicos e 17.000 en centros privados e concertados) e que pola idade avanzada dos residentes os contaxios se poden converter nun grave risco para as súas vidas.

O persoal das residencias leva días alertando da falta de medidas de protección e está traballando "con moito medo pero, sobre todo, indignación", segundo denuncia a presidenta do comité de empresa nun centro compostelán. As traballadoras de axuda no fogar tamén contan con medios escasos e avisan de que algúns usuarios se están a dar de baixa por medo.

O persoal está traballando "con moito medo pero, sobre todo, indignación", segundo denuncia a presidenta do comité de empresa nun centro compostelán

Núñez Feijóo tamén fixo referencia á falta de materiais de protección, sinalando que os centros de atención á terceira idade e a discapacitados "tamén están padecendo a falta de materiais de protección, para protexer os profesionais e tamén para protexer as persoas maiores e vulnerables destas instalacións". Engadiu que "o persoal debe estar moi atento aos síntomas e á aparición de brotes, para comunicalo á administración sanitaria e evitar a propagación da enfermidade". 

Finalmente, o presidente da Xunta negou que estea habendo "censura informativa" en relación coa situación dos internos, aínda que recoñeceu as dificultades que está tendo o persoal dos centros para responder ás moi numerosas consultas de información que están realizando os familiares.

Centros de Atención a Persoas con Discapacidades

No CAPD de Chapela-Redondela, onde tamén se detectou un positivo, o persoal reclama medidas de seguridade (mascarillas, luvas, gafas...)

A situación repítese noutras instalacións, coma nos Centros de Atención a Persoas con Discapacidades (CAPD). No CAPD de Chapela-Redondela, onde tamén se detectou un positivo, o persoal reclama medidas de seguridade (mascarillas, luvas, gafas...). “Todo este tempo estivemos a traballar sen material de protección, porque o pouco que había gardábase para cando se detectase un caso de covid-19, e as que hai agora van dar para pouco tempo”, explica un delegado da CIG que traballa no centro dependente da Consellaría de Política Social.

Por este motivo, os traballadores/as non querían regresar ao seus domicilios un primeiro momento cando rematase a súa quenda de traballo, por medo a contaxiar as súas familias no caso de que tamén sexan portadores/as do virus. 

Reclamaban quedar confinados nalgún lugar habilitado ao efecto  e tamén que se lles practicasen as probas para descartar posíbeis contaxios, mais tras unha asemblea coa dirección acourdouse seguir o protocolo que establece confinamento no domicilio adoptando medidas de prevención para evitar contaxios entre os familiares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.