Ademais dos hospitais e outros centros sanitarios, as instalacións de coidado de persoas maiores e outros dependentes son algúns dos espazos máis sensibles a unha posible infección por coronavirus. Os contaxios producidos na Comunidade de Madrid ou en Álava explican unha parte das elevadas cifras de falecementos e ingresos en UCI que se están producindo neses territorios. E en Galicia unha das principais preocupacións é manter o virus lonxe das residencias de anciáns e outros centros.
Cunha decena de casos confirmados en Galicia nestes espazos, o persoal de residencias de maiores denunciou nos últimos días a carencia de medios de protección
Cunha decena de casos confirmados en Galicia nestes espazos, o persoal de residencias de maiores denunciou nos últimos días a carencia de medios de protección. Ademais da residencia compostelá na que se detectaron 5 positivos (e na que 60 persoas internas permanecen illadas por precaución), un dos maiores focos de preocupación é a residencia San Carlos, en Celanova. Nos últimos días unha muller de 89 anos que habitaba na residencia deu positivo por coronavirus e, tras ser trasladada ao hospital de Ourense, faleceu. O centro realizoulle probas a outra das residentes, pero esta deu un resultado negativo.
Porén, o falecemento desa interna xerou alarma na vila, e sobre todo nas familias do resto de residentes. O centro incrementou as medidas de seguridade e control para detectar síntomas da enfermidade, sen atopar de momento novos casos. Tamén se fixeron varias probas máis a residentes e traballadores e nestes momentos estase á espera dos resultados.
Algo semellante sucedeu en Vigo, onde nunha residencia de maiores de Barreiros houbo xa dous positivos, que foron enviados ao hospital. Esta residencia privada adoptou a decisión de illar no interior das súas propias instalacións ás persoas que tiveran contacto cos dous infectados. Ademais, fixéronselles probas a outras catro residentes e tamén ao persoal que os atende, de momento sen atopar novos casos positivos.
En Monterroso o Concello anunciou o peche dunha vivenda comunitaria de maiores como medida de prevención ante un posible caso de coronavirus
En Monterroso, ademais, o Concello anunciou o peche dunha vivenda comunitaria de maiores como medida de prevención ante un posible caso de coronavirus. O Goberno local adoptou a decisión ante o aviso dunha traballadora, que se puxera en corentena voluntaria polo contacto que tivera cun posible contaxiado e deu de prazo ata este sábado para que as respectivas familias se fixesen cargo das oito persoas que alí residían. Algunhas das familias criticaron a decisión por precipitada e porque isto as obrigaba a desprazarse dende outras localidades, rompendo así o seu propio confinamento.
Este sábado rexistrouse ademais o primeiro positivo en Galicia nun centro penitenciario
Este sábado rexistrouse ademais o primeiro positivo en Galicia nun centro penitenciario, espazos nos que nas últimas semanas se incrementaron os controis e a seguridade, para evitar contaxios. Trátase dun funcionario de prisións de Bonxe.
Por outra banda, CC.OO. criticou a escaseza de medidas de prevención despois de coñecer o contaxio dunha limpadora do Hospital de Pontevedra. O sindicato cualifica como "insuficientes" as medidas preventivas adoptadas pola empresa Acciona en relación co persoal de limpeza.
A Xunta volveu insistir este sábado na súa demanda "urxente" dos equipos de protección individual e mascarillas "que o Goberno central se comprometera a facilitar ás comunidades"
A Xunta volveu insistir este sábado na súa demanda "urxente" dos equipos de protección individual e mascarillas "que o Goberno central se comprometera a facilitar ás comunidades". O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou que o Goberno galego está traballando tamén na procura deses materiais. Rueda destacou que este material é fundamental para que “os profesionais que están a traballar cada día na loita contra o coronavirus e que merecen unha resposta” poidan traballar con seguridade.
Tamén o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, subliñou este sábado a "necesidade urxente" de contar con estes equipos de protección para os profesionais sanitarios e tamén para aqueles que traballan con colectivos de risco.