A dispoñibilidade de equipos de protección individual está moi limitada dende o inicio da crise do coronavirus, mesmo nos hospitais, e moito máis noutros centros, como residencias e anciáns e outras instalacións nos que son necesarios para previr a propagación da enfermidade entre traballadores e entre colectivos de risco.
O presidente da Xunta denuncia o "atasco" que se está a producir e sinala que o Sergas leva "nove días" sen recibir este tipo de subministros
A declaración do estado de alarma permitiu que o Estado puidese controlar a súa distribución e venda, pero a pesar de que se puxeron en marcha varias iniciativas de adquisicións, a realidade é que o seu acceso é difícil en todo o planeta.
Este venres, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo foi moi crítico coa xestión que o Goberno central está a realizar deste asunto, denunciando o "atasco" que se está a producir e sinalando que o Sergas leva "nove días" sen recibir este tipo de subministros. O presidente da Xunta afirmou que lle "preocupa" que "un país de 47 millóns de persoas non sexa capaz" de adquirir este material, rexeitando que "se responsabilice ás partes que conforman ese país". Neste senso, Feijóo avanzou que a Xunta está a procurar posibles vendedores "para o caso de que se nos deixe mercar de forma directa", pois neste momento as compras están centralizadas polo Estado central.
A pesar das críticas, Núñez Feijóo dixo estar "ás ordes" do Goberno central, o que non significa -afirmou- que non poida expresar a súa "preoucupación"
A pesar das críticas, Núñez Feijóo dixo estar "ás ordes" do Goberno central, o que non significa -afirmou- que non poida expresar a súa "preoucupación". "Nós estamos á orde do Goberno e, por iso, pedímos que o Goberno goberne no ámbito do material sanitario". "O abastecemento de material sanitario, EPIs, máscaras de protección, e ventiladores é a prioridade do país", concluíu.
De igual xeito, a conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé na necesidade urxente de que cheguen a Galicia novos equipos de protección individual (EPIs). Este material de protección será distribuído polo Exército entre os centros que o necesitan, a medida que o Ministerio de Sanidade vaia poñéndoos á disposición.
Tamén na rolda de prensa, Núñez Feijóo adiantou que o Goberno galego achegará fondos a aquelas empresas galegas que poidan fabricar o material sanitario necesario. "Se algunha industria en Galicia cre que pode fabricar ventiladores, máscaras e lentes de protección ou vestimenta para os sanitarios, a Axencia Galega de Innovación disporá dos fondos que sexan necesarios para que estas empresas poidan empezar a fabricar", dixo.
“Abrimos unha liña de financiamento de 10 millóns de euros para a reestruturación produtiva das empresas galegas que empecen a fabricar este tipo de material”, engadiu Feijóo, precisando tamén que todos aqueles gastos que conleve cambiar máquinas, loxística ou procedementos organizativos serán financiados pola Xunta.
Gratuidade das televisións nos hospitais
Xa non hai que pagar pola utilización dos aparellos nos hospitais de Santiago, Vigo, Pontevedra, e A Coruña, A Mariña e de Ferrol. Este sábado a medida mplantarase tamén nos hospitais de Lugo e Monforte
O Goberno galego anunciou este venres que todas as televisións das habitacións dos hospitais galegos serán gratuítas. Xa non hai que pagar pola utilización dos aparellos nos hospitais de Santiago, Vigo, Pontevedra, e A Coruña, A Mariña e de Ferrol. Este sábado a medida mplantarase tamén nos hospitais de Lugo e Monforte. A Xerencia da área de Ourense está a traballar para buscar a solución técnica que permita facer operativa esta medida canto antes.
O obxectivo é facilitar e mellorar a estadía dos pacientes ingresados, tendo en conta a limitación a unha persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro sanitario. Xa o pasado luns a Xunta deu esta instrución, condicionada a dificultades técnicas de execución (que precisasen cambiar instalacións en habitacións ou similares).