Hai 568 casos activos en Galicia, cun grande aumento con respecto aos datos do xoves (444) e do mércores (333), mantendo un ritmo de crecemento próximo ao 25% ao día
O número de persoas infectadas polo Covid-19 segue incrementándose en Galicia, segundo as últimas cifras actualidadas facilitadas polo Goberno galego. En total, son 568, cun grande aumento con respecto aos datos do xoves (444) e do mércores (333), mantendo un ritmo de crecemento próximo ao 25% ao día.
Nas últimas horas producíronse tres novos falecementos de persoas que enfermaron polo coronavirus, elevando a 8 a cifra total. O sexto corresponde a un home de Monforte de 89 anos con múltiples patoloxías complexas previas, que recibira recentemente a visita dunha persoa de Madrid que tamén deu positivo polo virus. O sétimo foi un home de 70 anos ingresado na Coruña e con varias patoloxías previas. E o oitavo foi unha muller de 93 anos ingrasada en Ourense.
O presidente da Xunta subliña que "o peor do pico asistencial aínda non chegou. O peor aínda está por chegar"
Semella que se está producindo un afloramento dos contaxios da última semana e que, ademais, a maior intensidade nas probas -coa implantación de medidas como os test sen baixar do coche en varias cidades- está levando a un incremento dos números. En calquera caso, a situación en Galicia está lonxe aínda dos niveis acadados noutros territorios, como Madrid ou Álava. España rolda os 20.000 casos totais e superou xa as mil mortes, case a metade delas na Comunidade de Madrid.
Este venres, Alberto Núñez Feijóo destacou que Galicia aínda se atopa na segunda das catro fases previstas na loita contra o virus (a contención reforzada) e que está preparada para facer fronte á terceira fase, de mitigación. O presidente da Xunta subliñou, con todo que "o peor do pico asistencial aínda non chegou. O peor aínda está por chegar".
No último día tamén se rexistrou un maior crecemento dos pacientes hospitalizados, cun total de 157 persoas ingresadas, 19 en UCI e 138 en unidades convencionais
A maior parte dos casos seguen a presentar síntomas leves, permanecendo nos seus domicilios 411 das 568 persoas infectadas. Con todo, no último día tamén se rexistrou un maior crecemento dos pacientes hospitalizados, cun total de 157 persoas ingresadas, 19 en UCI e 138 en unidades convencionais. Os pacientes en UCI seguen a ser unha minoría, apenas o 3,3% do total de casos, mentres que os casos hospitalizados representan o 27,5%.
Núñez Feijóo destacou este venres que Galicia dispón neste momento de 274 camas de UCI, fronte ás 160 que había anteriormente, grazas ás medidas postas en marcha nas últimas semanas, transformando unidades de reanimación en UCI. O presidente da Xunta destacou que o Executivo autorizou a contratación de todo o persoal médico MIR que non tiña praza e que remataban a súa formación este mes de maio. En total, isto supón a incorporación de 158 médicos/as e 31 enfermeiros/as. O presidente da Xunta reclamoulle tamén ao Goberno central o envío de material de protección que adquiriu de forma centralizada, para paliar a actual situación de escaseza que se está a producir.
Galicia dispón de 274 camas de UCI
Ademais, dende o comezo da crise, rexistráronse en Galicia 5 altas de persoas que enfermaran polo coronavirus. Seguindo instrucións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, só se actualizarán os datos unha vez ao día.
Por áreas sanitarias, dos 567 casos, 152 son da área da Coruña, 46 da de Lugo, 63 da de Ourense, 83 da de Pontevedra, 108 da área de Vigo, 94 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.
Nas últimas 24 horas os maiores aumentos déronse nas áreas de Santiago (64 casos o xoves), Pontevedra (eran 59) e Vigo (84 casos o xoves), que está a aplicar os test a bordo dos coches no hospital do Meixoeiro. Na Coruña, o número pasou de 136 a 152, en Lugo de 36 a 46, en Ourense de 46 a 63 e en Ferrol de 15 a 21.
A Xunta anunciou a posta en marcha a partir do vindeiro luns do teléfono social (900 400 800), a través do cal se atenderán chamadas de persoas que precisen resolver dúbidas básicas ou de índole sanitaria; persoas que precisen atención psicolóxica especializada, que se derivarán aos psicólogos da Consellería de Política Social; persoas que estean en situación de necesidade ou especial vulnerabilidade, que se derivarán aos traballadores sociais dos concellos; ou persoas que necesiten conversa ou acompañamento a domicilio, que serán derivadas a persoas voluntarias que se ofrezan para botar unha man.