O subministro de equipos de protección e doutros materiais sanitarios converteuse nos últimos días nunha das prioridades na loita contra o coronavirus. O pasado venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo criticou a xestión levada a cabo neste asunto por parte do Goberno de Pedro Sánchez, que viña centralizando a adquisición e reparto destes subministros. E este domingo, durante a xuntanza telemátiva que mantiveron con Sánchez todos os presidentes autonómicos, Feijóo volveu esixir o envío de máis equipos de protección.
"Desde que comprobamos que a cadea de subministracións non se estaba producindo tomamos a decisión de conseguir material coas compras do Sergas, esperemos que Sanidad non interveña estas compras", dixo
"Levamos advertindo varios días de que o material sanitario non está a chegar, sucede en todas as comunidades. E todos os profesionais sinalan que non hai material sanitario que garanta a asistencia de calidade as próximas semanas", alertou.
Na rolda de prensa posterior á reunión, o presidente da Xunta revelou que Galicia está a gastar ao redor de 250.000 máscaras de protección cada semana e que nos últimos sete días o Sergas só recibiu 10.000 unidades. Núñez Feijóo salientou que os depósitos da Consellería de Sanidade aínda dispoñen dunha reserva de medio millón de máscaras e que o Goberno galego abriu hai días procesos de compra dun total de 8 millóns de mascarillas (nomeadamente a empresas chinesas), que deberían chegar ao longo desta semana, o que solucionará o problema.
"Desde que comprobamos que a cadea de subministracións non se estaba producindo tomamos a decisión de tentar conseguir material coas compras do Sergas, esperemos que Sanidad non interveña estas compras", dixo, engadindo que "a falta de material é o principal reto que temos os presidentes autonómicos. E os profesionais sanitarios non deberían ter esta preocupación".
Núñez Feijóo salientou que os depósitos da Consellería de Sanidade aínda dispoñen dunha reserva de medio millón de máscaras
Porén, o presidente da Xunta salientou que ademais das máscaras, hai tamén carencia de batas e traxes de protección, de respiradores (o Sergas vén de adquirir 113 e ten "apalabrados" 124 máis) e tamén de tests para a realización de probas do coronavirus. Núñez Feijóo sinalou a este respecto que mentres que outras comunidades deixaron hai días de realizar probas en domicilio, Galicia continuou a facelas, pero que nestes momentos só ten reservas "para 2 ou 3 días máis". O presidente da Xunta engadiu que "todo o que poidamos producir en Galicia imos producilo". "Temos para iso 20 millóns de euros dispostos para achegarllos ás empresas galegas que comecen a fabricalos", dixo.
A evolución da enfermidade
Núñez Feijóo manifestou o seu acordo co anuncio realizado por Pedro Sánchez de que o estado de alarma será prorrogado ata o 12 de abril. "É unha decisión que todos os presidentes autonómicos respectamos, porque o presidente ten toda a información e mecanismos para tomar esta decisión dunha enorme transcendencia social e económica", dixo.
Feijóo destacou a importancia de contar coa curva epidemiolóxica da enfermidade, unha proxección do número de casos e ingresos hospitalarios que se poden rexistrar nos vindeiros días
Sinalou que considera que as medidas adoptadas por España son as axeitadas, e que por exemplo foron máis estritas que as aplicadas por Italia ata onte. Con todo, si se manifestou moi crítico co reparto de recursos económicos decidido polo Goberno central, considerando que non valora na súa xusta medida a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos en cada territorio, o que prexudica a Galicia. En todo caso, afirmou que "non é o momento de esixir responsabilidades".
O presidente da Xunta lembrou que, seguindo o indicado tamén polo presidente do Goberno central, "a presión asistencial que imos soportar a finais desta semana vai ser moi dura". Nese sentido, destacou a importancia de contar coa curva epidemiolóxica da enfermidade, é dicir, unha proxección do número de casos e ingresos hospitalarios que se poden rexistrar nos vindeiros días e tamén unha estimación do momento en que pode chegar o pico, o momento en que deixe de medrar o número de novos casos que se detectan cada día. Núñez Feijóo comunicou que a Xunta lles encargou aos profesionais sanitarios o estudo de cal pode ser a curva de evolución do coronavirus.
Ademais, o presidente do Goberno galego valorou as últimas cifras de casos e doentes en Galicia, cun aumento do 20% no número de novos casos no último día. "Non é un mal dato", salientou, pois é inferior aos crecementos do 27% que se viñan dando nos días previos.
"Non está previsto que Galicia ou outras comunidades que nestes momentos teñen unha menor prevalencia de casos acollan a pacientes dos territorios que están en peor situación"
De igual xeito, preguntado sobre se existía a posibilidade de que nos vindeiros días Galicia acolla a pacientes procedentes doutras comunidades autónomas que se atopen en peor situación, o presidente da Xunta foi tallante, sinalando que "non está previsto que Galicia ou outras comunidades que nestes momentos teñen unha menor prevalencia de casos acollan a pacientes dos territorios que están en peor situación". "Non sería axeitado mover os doentes en ambulancias duns lugares a outros e ademais nada nos garante que o lugar que está mellor agora, non estea peor uns días despois", dixo.