Nova xornada de incremento dos casos positivos por coronavirus detectados en Galicia, aínda que cun ritmo menor que en xornadas anteriores e, ademais, cunha moderación do incremento de casos que precisan asistencia nas unidades de coidados intensivos (UCI). Segundo o balance actualizado polo Sergas para este martes, 24 de marzo, os casos positivos da covid-19 activos en Galicia son 1.374, 204 máis que no día previo (+17,44%) e os que precisan atención na UCI chegan a 54.
A maioría das persoas que deron positivo pola covid-19 seguen sendo atendidas a domicilio, un total de 983; mentres, a hospitalización ordinaria aumenta máis que a atención nas UCI
Sempre atendendo á información oficial, unha ampla maioría da poboación que deu positivo por coronavirus en Galicia e aínda non recibiu a alta -as recuperacións seguen sendo 19- está recibindo atención domiciliaria. Nesta situación atópanse 983 persoas. Mentres, hai outras 337 que están hospitalizadas en unidades ordinarias, unha cifra que aumenta nun 24% con relación ao balance do luns.
Todos estes datos danse nun contexto no que o balance total segue a reflectir un incremento no número de probas. Xa se realizaron en toda Galicia ata 6.741, indica o Servizo Galego de Saúde.
No referido ás UCI, un dos puntos críticos do tratamento da doenza, o crecemento de novos pacientes modérase, segundo os datos do Sergas. Xa están nestas unidades 54 persoas, un 17% máis que na xornada previa, cando aumentaran case un 40%.
22 falecementos
As persoas falecidas que padecían a covid-19 chegan xa en Galicia ás 22. Sanidade detalla que as dúas últimas persoas que perderon a vida por mor desta doenza eran un home ingresado no hospital de Burela, de 83 anos, e outro de 61 anos que fora hospitalizado no hospital da Coruña. En ambos casos, especifica a Consellería, ambos doentes padecían máis enfermidades.
A Coruña segue como área con máis casos
A área sanitaria da Coruña é, un día máis, a que concentra un maior número de casos positivos de coronavirus en Galicia. Son, en total, 359 nesa área. A continuación continúa a de Vigo, con 312 e Santiago, cuxo cómputo está en 239. Pontevedra rexistra xa 179 e Ourense, 152.
Continúan cun menor número de positivos detectados as áreas de Lugo (97) e Ferrol (36). A diminución dun caso en Ferrol débese ao falecemento dun paciente, notificado o luns.
O Sergas reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. A través destas vías, o persoal sanitario determina tamén se cada persoa precisa ou non que lle realicen unha proba do coronavirus, xa sexa a domicilio ou acudindo ás zonas de realización de test dende o coche.
Ademais, Sanidade ten activo un sitio web na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos. Nel tamén é posible realizar un autotest con orientacións sobre os síntomas da doenza.