A Xunta trasladará a dúas residencias de Santiago e Baños de Molgas a anciáns internos doutras que contraian o coronavirus

Instalacións da residencia Porta do Camiño en Santiago, nunha imaxe de arquivo divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta

Persoas usuarias de residencias de maiores "que dean positivo por coronavirus" en Galicia serán trasladadas a dúas residencias: a Porta do Camiño en Santiago para as provincias da Coruña e Lugo e, para Ourense e Pontevedra, un centro no concello ourensán de Baños de Molgas cuxa apertura para persoas con discapacidade estaba a ultimar a Fundación San Rosendo no antigo colexio dos Milagres. Despois de que a situación nunha residencia de maiores de Celanova prendese as alarmas polo impacto da doenza e persoal de diversos centros advertise de falta de medios, o Goberno galego vén de anunciar a creación do que denomina "residencias integradas" nestes dous centros.

Ata o momento detectáronse 57 positivos en residencias de maiores de toda Galicia, segundo datos da Xunta, que resalta que nelas viven máis de 22.000 persoas

En rolda da de prensa -a través de streaming e con preguntas por vía telemática- o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este martes que, das máis de 22.000 persoas que viven en residencias de maiores en Galicia, unicamente 57 "deron positivo" ata agora pola covid-19. Os casos producíronse, segundo Feijóo, unicamente en 8 centros "de 223" de toda Galicia.

Os primeiros traslados de persoas anciás afectadas polo coronavirus en residencias de maiores están xa a producirse, segundo a Xunta, e atinxen precisamente a residentes do centro San Carlos de Celanova. Entre acusacións de "confusión" contra a Vicepresidencia de Dereitos Sociais polo Goberno de España -segundo Feijóo, a Xunta interpretou que os labores da Unidade Militar de Emerxencias ían ir alén da desinfección do centro-, asegurou que, a máis tardar, este mércores 25 de marzo "todas as persoas contaxiadas" de Celanova estarán xa no centro "cedido" pola Fundación San Rosendo.

Feijóo, coa conselleira de Política Social e o conselleiro de Sanidade, este 24 de marzo en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Estas derivacións non afectarán necesariamente a todos os residentes que padezan a covid-19

No caso das persoas anciás que vivan en residencias das provincias da Coruña e Lugo e contraian o virus, o traslado producirase cara ao centro Porta do Camiño, que conta con 84 prazas no centro de Santiago. Antes de que comece o traslado, especificou Feijóo, os actuais residentes -non afectados- serán trasladados ao hotel Congreso de Teo. Tras a desinfección das instalacións, detalla, comezarán os traslados. Estas derivacións, resalta a Xunta, non afectarán necesariamente a todos os maiores que vivan en residencias e padezan a covid-19

O Goberno galego estima que esta operación de "emerxencia" permitirá "concentrar o risco" nestes dous centros -sen desbotar habilitar outros-, "tratar dunha forma máis medicalizada a todos os maiores que deron positivo polo test" e que "polas súas características sanitarias", sexa recomendable "levalos" para que "teñan un coidado máis directo" en centros medicalizados. 

"Todas as residencias privadas pasan a ser tuteladas" pola Xunta, en aplicación do estado de alarma; estes centros privados son maioritarios en Galicia

Esta decisión da Xunta chega nun contexto no que "todas as residencias privadas pasan a ser tuteladas" directamente pola Administración galega, con independencia de que as súas direccións empresariais teñan que "seguir á fronte das mesmas", aínda que baixo orde pública en virtude do estado de alarma e da emerxencia sanitaria. As residencias privadas son unha ampla maioría neste sector en Galicia.

En calquera caso, agrega Feijóo, cómpre enviar "unha mensaxe de confianza" ás persoas que residen nestes centros "e ás súas familias". Feijóo confirma ademais, a preguntas da prensa, que a Xunta recibiu tamén unha petición de información da Fiscalía sobre o estado das residencias de maiores no que atinxe á pandemia. Este requirimento parte da Fiscalía Xeral ao fío das informacións que, o pasado luns, apuntaron a graves deficiencias de atención en residencias de maiores doutros puntos do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.