O pasado 12 de marzo publicamos unha entrevista con Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá. Nese momento o número de persoas infectadas polo coronavirus comezaba a medrar no Estado español, e os expertos afanábanse en convencer á poboación da necesidade de gardar a distancia social. Apenas tres días despois entreba en vigor o estado de alarma e o confinamento obrigatorio para frear a propagación da enfermidade.
Apenas pasaron tres semanas dende entón, aínda que seguramente semella un tempo máis longo. Neste tempo afixémonos a recibir un goteo de datos diarios e a escoitar termos como "aplanar a curva", "pico da enfermidade" e a propia "distancia social". Nese momento, no que as cifras comezan a ser algo máis positivas e as medidas de prevención aplicadas demostraron ser efectivas, podemos entrar nunha nova fase, na que o obxectivo -cun confinamento estendido- será reverter os números, reducir o número de persoas hospitalizadas e tentar evitar posibles rebrotes da doenza.
Ábrense novas preguntas para un tempo novo no que seguramente nos teremos que afacer a convivir co coronavirus, dende logo durante as vindeiras semanas e moi probablemente nos vindeiros meses. Falamos con Francisco Caamaño sobre o estado actual da enfermidade e as perspectivas de futuro.
"Estamos no pico, tanto en España como en Galicia. Iso si, cando falamos de pico, non pensemos nunha punta afiada, senón nun cumio máis suave, que vai descendendo aos poucos"
Como estamos neste momento en Galicia e en España? Superamos xa o pico da enfermidade?
Mirando os datos que temos podemos afirmar, efectivamente, que estamos no pico, tanto en España como en Galicia. Iso si, cando falamos de pico, non pensemos nunha punta afiada, senón nun cumio máis suave, que vai descendendo aos poucos. Que datos temos para dicir isto? Esencialmente dous: o incremento diario de ingresos en UCI e o incremento diario de mortes, e vemos que en termos proporcionais os aumentos son cada vez menores, estamos conseguindo aplanar a nosa curva. Os datos de contaxiados, en cambio, son moi equívocos, porque dependen do número de test que facemos.
Nas últimas semanas publicáronse investigacións que alertan sobre a gran capacidade para transmitir a enfermidade que teñen as persoas asintomáticas, o que levaría a modificar o criterio sobre o uso de máscaras de protección para as persoas sen síntomas, que ata agora a OMS desaconsellara. O propio Goberno español comeza a recomendar o seu uso xeral. Son necesarias?
Son dúas cuestións distintas que non teñen por que ir xuntas. Que podemos contaxiar sendo asintomáticos ou practicamente asintomáticos é algo que sabemos, o virus reprodúcese moitísimo na gorxa e podemos transmitilo. Outra cousa é que iso leve a recomendar o uso de mascarillas, que é algo que na OMS se estivo debatendo e estudando moito nos últimos días.
En todo caso, a mascarilla non fai mal, pero a medida máis importante segue sendo a distancia social, a distancia entre as persoas: se estamos a dous metros de distancia non pode haber contaxio.
"A mascarilla non fai mal, pero a medida máis importante segue sendo a distancia social, a distancia entre as persoas: se estamos a dous metros de distancia non pode haber contaxio"
Hai que ter en conta, iso si, dúas cousas. Por un lado, as mascarillas son un elemento escaso neste momento e polo tanto a prioridade é que chegue, en primeiro lugar, aos colectivos que teñen máis risco, dende o persoal sanitario ás persoas inmunodeprimidas. E, segundo, que a mascarilla hai que saber usala: non se pode tocar por dentro coas mans, hai que cambiala regularmente e, sobre todo, non nos debe dar unha sensación de falsa seguridade. Ese pode ser un risco, que a xente por levar mascarilla esqueza o resto de medidas de protección, que son máis importantes, como a distancia social. Pero, por suposto, as mascarillas ben usadas poden facer máis ben que mal.
A situación en Galicia nunca chegou a ser tan grave como en Madrid, por exemplo, pero o dato que máis chama a atención é a moi diferente taxa de letalidade, é dicir, a menor porcentaxe de falecementos en relación co número de positivos confirmados. Débese isto unicamente a que en Galicia se realizaron máis probas ou hai outros motivos?
Ese dato está chamando moito a atención, efectivamente, e pode resultar sorprendente, pero non o é tanto. Aquí a taxa de letalidade é do 2,8% e no conxunto de España é do 9,4%. A razón é que esta é unha letalidade 'observada', que depende do número de tests que fas. E os datos galegos e españois son moi distintos porque en termos proporcionais en Galicia fixemos moitas máis probas e comezamos a facelas antes. Finalmente, a letalidade sobre afectados será moi inferior ao 1%, próxima ao 0,5%. Iso si, ese dato é moi elevado, porque de infectarse toda a poboación española, isto suporía a morte de máis de 200.000 persoas. Por iso son necesarias as medidas de contención, para evitar mortes e para evitar tamén o colapso do sistema sanitario.
"Os datos de letalidade galegos e españois son moi distintos porque en termos proporcionais en Galicia fixemos moitas máis probas e comezamos a facelas antes"
Nese senso, os informes do Imperial College sinalan que nestes momentos ao redor do 15% da poboación española -sete millóns de persoas- podería estar infectada polo coronavirus ou podería mesmo telo superado xa. Que implicacións tería isto?
Os datos que nos dá o Imperial College son moi interesantes. Se son certos, e parece que si, iso significaría que o 15% da poboación española tería pasado xa pola enfermidade, e pode que cando cheguemos ao outono a porcentaxe sexa xa do 25%. Iso é moi positivo, porque é a outra vía que temos para conseguir a inmunidade, ademais da vacina.
Sempre se dixo que a vacina tardaría cando menos un ano e medio en estar dispoñible para a súa administración masiva. Eses prazos poderían acurtarse?
Si, a vacina non a teremos ata dentro de bastantes meses. O proceso seguramente vai acelerarse con respecto a outras vacinas, e pode que comecemos a probalas nuns poucos meses, pero non teremos unha vacina este ano. Primeiro, porque hai uns mecanismos de control que se deben adoptar antes de tomar a decisión de vacinar á poboación. Outra cousa é que se poida dar máis rapidamente cunha vacina e que se decida vacinar a determinados grupos de risco, por exemplo á poboación maior dunha determinada idade, aínda que non sexa completamente eficaz.
"Non teremos unha vacina este ano. Hai uns mecanismos de control que se deben adoptar antes de tomar a decisión de vacinar á poboación"
Temos a seguridade de que unha persoas que superou a enfermidade xa non pode volver a infectarse? Vimos casos de persoas que despois de dar positivo, pasar a doenza e dar negativo, volveron dar positivo, seguramente porque a súa carga vírica se reducira moito, pero non desaparecera. Pero finalmente créase inmunidade?
Aínda non o podemos saber con seguridade. En todos os virus semellantes a este que coñecemos sempre hai unha certa creación de inmunidade. Traballamos con esa hipótese e seguramente será así, pero aínda non o podemos saber. Será moi importante para controlar a enfermidade nos vindeiros meses, sobre todo cando contemos cun grupo moi amplio da poboación que xa foi infectada e superou a doenza.
Outra das grandes preguntas que sempre se fixo refírese ao efecto da temperatura e outros factores ambientais sobre o coronavirus. Sabemos xa se a calor ou a insolación diminúen notablemente a súa capacidade para propagarse?
A OMS considera neste momento que aínda non podemos asegurar que a temperatura mate o virus. É certo que todos os coronavirus que coñecemos, que teñen esa cuberta protectora, sofren co incremento da temperatura e coa radiación solar, que tende a dificultar a súa supervivencia ao aire libre e a limitar moito a súa propagación. Seguramente pasará algo parecido, pero non temos a garantía.
"Todos os coronavirus que coñecemos sofren co incremento da temperatura e coa radiación solar. Pero a OMS considera neste momento que aínda non podemos asegurar que a temperatura mate o virus"
Houbo estudos ao respecto, e é certo que nas zonas nas que hai máis temperatura o número de casos detectados foi ata agora moi inferior. Porén, hai que ter coidado con tirar conclusións do que está a pasar en África ou en xeral no Hemisferio Sur, onde efectivamente hai moitos menos casos confirmados. Hai que ter coidado porque en xeral son sistemas sanitarios débiles e con pouca capacidade para detectar estes positivos.
Iso si, cando falamos do verán ou das altas temperaturas hai outro elemento que pode ser importante, e que pode axudar a limitar a súa propagación, aínda que o propio coronavirus non tivese maior mortalidade. Estamos ao aire libre, e non pegados uns a outros en espazos pechados, e nesas circunstancias é máis difícil que os virus se transmitan.
Con todo, en cuestións de saúde pública hai que ter coidado con como se transmiten certas informacións: se a xente se confía en que xa non hai perigo ou que o perigo é menor, iso reducirá as medidas de prevención, o que pode ser moi negativo.
Estamos vendo moitos estudos e investigacións sobre o coronavirus que aparentemente se contradín ou que continuamente matizan outros estudos previos. É isto estraño ou estamos simplemente ante o funcionamento normal da ciencia, que avanza con achegas diversas que van asentando o coñecemento sobre un tema? A diferenza está na absoluta atención que todos estamos emprestando a cada novo estudo que se publica, na busca de indicios sobre o desenvolvemento da enfermidade?
Si, o proceso está sendo o mesmo que en calquera outra enfermidade nova. Así avanza a ciencia: publícase un estudo, outro, poden dicir cousas distintas ou matizarse, pero pouco a pouco vaise consolidando un coñecemento certo sobre un tema. Hai tamén estudos que fan metaanálise, a partir de estudos xa publicados, e que fai unha especie de integración, dando a entender que cada un deses estudos non é máis que unha pequena mostra da verdade. Así construímos a ciencia, non é nada raro o que está pasando.
O que pasa é que nestes momentos hai unha urxencia, unha demanda por saber canto antes cal é a verdade sobre este virus, pero moitas cousas aínda tardaremos un tempo en sabelas por completo. Ademais, nestes momentos tamén se poden estar relaxando un pouco os mecanismos de revisión e control das investigacións publicadas.
Despois de ver o que pasara en China ou Corea do Sur, en Italia non se adoptaron medidas coa rapidez necesaria, e tampouco se fixo en España vendo o que pasaba en Italia, e de novo non se fixo en Francia, Reino Unido ou Estados Unidos vendo a situación en España, e a situación semella repetirse agora en máis países, a pesar de ver o que está a pasar nos Estados Unidos. Houbo un exceso de confianza con respecto a esta enfermidade?
Hai que ter en conta os acontecementos históricos recentes. No ano 2003 tivemos o problema do SARS, tamén en China; era un virus da mesma familia que este e xerou unha gran preocupación, alí foi grave pero ao final non chegou aquí, controlouse a tempo. No 2012 pasou algo semellante co MERS, outro coronavirus. Cómpre lembrar tamén que no ano 2009 houbo un fracaso importante co tema da gripe A, un tema polo que moitos gobernos e a propia OMS foron moi criticados; daquela mercáronse millóns de antivirais, cun custo económico moi importante, que ao final houbo que tirar, porque ao final non pasou case nada; houbo mesmo acusacións de intereses farmacéuticos. Este tipo de cousas pesan moito nos decisores públicos e, ademais, un tende a confiarse.
A Covid-19 estaba lonxe, estaba en China. Alí as cifras de mortes e infectados tampouco eran demasiado importantes tendo en conta as dimensións do país. Ademais, parecía que se estaba controlando e un par de investigadores moi importantes reduciron a súa perigosidade a algo semellante “a unha gripe”. Pero despois chegou a Italia e alí comezamos a ver os seus efectos.
"Impoñer o confinamento non é doado para un gobernante. Ten consecuencias económicas, pero eu prefiro dicir que son consecuencias sociosanitarias: o desemprego e a pobreza teñen consecuencias na saúde"
As medidas para frealo sempre estiveron claras: a distancia social e o confinamento. Pero é que impoñer o confinamento, como ao final se fixo, ten consecuencias moi importantes, e non é tan doado para un gobernante tomar esta decisión. Ten consecuencias económicas, pero eu prefiro dicir que son consecuencias sociosanitarias: o desemprego e a pobreza teñen consecuencias na saúde. E o propio feito de estar confinados durante semanas ten consecuencias en termos de desigualdade en saúde: quen máis sofre as consecuencias do confinamento son as persoas de menor renda. Podíanse ter tomado estas decisións un pouco antes? Si, pero non é doado facelo e en cambio a touro pasado é moi sinxelo acertar.
Unha das claves neste momento para o control da enfermidade é a realización masiva de tests?
Si, facer moitos tests e saber quen ten a enfermidade é moi útil. En países como Corea do Sur acompañárono do uso de determinadas apps e ferramentas de xeolocalización e foi moi efectivo. Iso permite illar os casos positivos e que o resto da poboación poida comezar a retomar a normalidade.
Que escenario temos por diante? O confinamento estenderase moito máis tempo? Terá a partir dalgún momento medidas máis relaxadas?
O confinamento alongarase ata finais de abril, aínda que quizais o Goberno permitaa ir abrindo as medidas, deixando que os nenos e nenas saian un pouco á rúa acompañados por unha persoa, deixando que a xente saia unha hora a facer deporte de forma individual, deixando que a xente que non poida teletraballar se incorpore aos seus empregos... Pero que abran os bares, restaurantes e outros establecementos..., todo iso vai tardar, porque habería risco de que os contaxios se disparen de novo. Así que a apertura será lenta, e dependerá de que a xente siga respectando as medidas de distancia social, e en función dos datos que se teñan.
"A apertura será lenta e dependerá de que a xente siga respectando as medidas de distancia social, e en función dos datos que se teñan"
Cando controlemos o coronavirus esta primavera veremos unha segunda onda da enfermidade en outono? É esperable que esta segunda onda, con novas mutacións, sexa máis ou menos perigosa que a actual?
Non o podemos asegurar, pero o que sabemos sobre este tipo de virus é que cando vén unha segunda onda, esta adoita ter efectos menores. Ademais, nese momento haberá xa un número maior de persoas que terá superado a enfermidade, polo que estaremos máis protexidos. Conviviremos con este virus e tenderá a ser menos agresivo. Porén, mentres non teñamos a vacina, sufriremos os seus efectos e non é descartable un novo confinamento en outono.
"Conviviremos con este virus e tenderá a ser menos agresivo. Porén, mentres non teñamos a vacina, sufriremos os seus efectos e non é descartable un novo confinamento en outono"
Epidemias como esta poden volver a ocorrer, sobre todo tendo en conta algúns elementos de risco que facilitan a transmisión de enfermidades animais e que vivimos nun planeta absolutamente interconectado e cunha economía globalizada?
Pois si, pode volver a ocorrer. Este tipo de virus vense favorecidos polo contacto con mamíferos silvestres cos que non estamos habituados a convivir. Os virus que sofren outros mamíferos poden afectar ás nosas células, pero nós xa temos unha relación estreita con cans, gatos, vacas, ovellas, cabalos... O problema vén con especies coma o pangolín e outros e sobre todo en países como China con este tipo de mercados nos que se venden estes animais para o seu uso na medicina tradicional. Alí pode reproducirse esta situación, e por iso é importante controlar eses mercados. E cando estas enfermidades xorden, agora hai moitas máis posibilidades de propagación, porque o mundo está moito máis conectado, estamos continuamente voando de aquí para alí, entre todos os países e continentes.
Algo máis para rematar? Que mensaxe é importante difundir á poboación?
Eu quero lembrar a mensaxe da responsabilidade individual que xa lanzamos noutras ocasións, sobre todo para a xente nova, que se pode sentir a salvo da enfermidade. Temos que seguir mantendo as medidas de prevención, de distancia social, temos que seguir quedando na casa. Ten que haber un compromiso social, con todo o mundo e sobre todo cos seus maiores.