O "esforzo colectivo" dá "os primeiros resultados" pero cómpre "algo máis de tempo". Pedro Sánchez confirmou este sábado, previa consulta co comité científico que asesora o Goberno de España na loita contra o coronavirus, que o seu Executivo se dispón a solicitar ao Congreso dos Deputados unha nova prórroga do estado de alarma por dúas semanas máis, ata as 23:59 do vindeiro 25 de abril. Faino, non obstante, sen desbotar novas prórrogas, con "máis días de estado de alarma" pero cun nivel de restricións "distinto", a comezar pola fin do "permiso retribuído" para reforzar a paralización da economía despois de Semana Santa.
Pedro Sánchez subliña que o "esforzo colectivo" do confinamento dá "os primeiros resultados" e "salva vidas", pero cómpre "algo máis de tempo" para evitar un novo abrollo da pandemia máis "despiadado"
"Precisamos manter as medidas dúas semanas máis", explicou Sánchez nunha comparecencia na que afirmou que os datos revelan que "estamos en condicións de dobregar a curva de expansión" da pandemia. Coa "prudencia" precisa "no medio dunha guerra antes librada", dixo, o "seguinte obxectivo" do que denomina como "primeira etapa" é "reducir aínda máis a propagación" da covid-19 ata "un punto no que os novos enfermos sexan menos" que as persoas que se recuperan e así "recuperar o sistema de saúde" da presión que sofre nos últimos días. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]
Nun ton menos grave que nas anteriores comparecencias, Sánchez advertiu así e todo que "se a suba" da curva epidémica foi "despiadada, o descenso non será máis suave". "Non podemos permitirnos relaxarnos" porque un novo abrollo da pandemia sería aínda máis "despiadado", mentres que as medidas de confinamento están a demostras que serven "para salvar vidas" e, por extensión, que "a vitoria é posible e está máis próxima".
En calquera caso, avanza, cando a curva baixe de xeito fiable comezará a "desescalada, a transición para regresar" á vida "cotiá" nun contexto no que, así e todo, dá por practicamente seguro que as restricións continuarán, en maior ou menor medida, tamén durante o mes de maio. Esas eventuais novas prórrogas, suxire, poden aplicarse "recuperando" xa algunhas liberdades agora restrinxidas. "Non imos saír da casa, imos ter que percorrer un corredor" que será "máis ou menos longo en función do cumprimento" do confinamento, ilustra. Nese momento "comezaremos a recuperar algo da nosa vida".
Sánchez avanza medidas para "desescalar" o confinamento, pero con "medidas de hixiene" adicionais ata que exista vacina para a covid-19
Neste sentido, Sánchez confirma que "dende hai semanas, hai un equipo de profesionais de máximo nivel" traballando "nun plan para retomar progresivamente a actividade económica e social" cando a intensidade da covid-19 aminore, pero sempre dende a convicción de que ata que non haxa unha vacina, "a nosa vida se vai desenvolver" mentres se aplican medidas para "poñer a raia" a doenza. Por iso, anticipa, cumprirán "medidas de hixiene" adicionais e mudanzas no sistema sanitario. De xeito parello, asegura, aplicaranse medidas de "reconstrución da nosa económía e do noso sistema produtivo".
Reedición dos 'Pactos da Moncloa'
Entre apelacións á "unidade" social e política, o líder socialista aludiu por primeira vez a unha referencia histórica que prolifera nas últimas semanas en diversos ambientes políticos: os Pactos da Moncloa acadados no comezo da Transición Política para conter a crise económica que azoutaba a economía española dende finais da ditadura. Cómpre "unidade" no Estado e ao tempo, advirte, "é a hora de que Europa protexa a cidadanía" tras "resistirse" durante anos a dar "pasos" na "responsabilidade compartida" para afrontar crises económicas. "Esta é unha pandemia que afecta ao conxunto da humanidade e non podemos dar resposta exclusivamente dende os Estados", advertiu.
O presidente do Goberno central avanza un chamamento aos partidos para adoptar medidas de "reconstrución" económica e social tras a pandemia
Cómpre non perder de vista, a xuízo de Sánchez, que estamos "ante a gran crise das nosas vidas", unha "encrucillada histórica" na que se "pode optar por escoitar aos que só achegan reproches" ou "comprender que o mundo que vén, no que xa estamos, non volverá ser coma o de onte" pero "aínda menos como o de antes de onte, cando a sociedade carecía de protección colectiva". Así, asegura, os seus chamamentos á "unidade" concretaranse nunha petición de colaboración ao resto de forzas políticas para "reconstruír a nosa economía e o tecido social". "Imos falar con todos os axentes sociais e todas as forzas políticas, afirma.
Neses potenciais acordos, advirte Sánchez, cumprirá ter en conta que esta crise sanitaria está a deixar clara a importancia "do común, do público" e por iso entre as medidas para despois da pandemia debe estar o "reforzamento do Estado de Benestar". Tamén, cre, "garantir" medios de fabricación dentro do Estado de material de protección sanitario do que "hoxe, desgraciadamente" carece.