De non haber prórroga do estado de alarma, a Xunta manterá na data prevista as oposicións de profesorado previstas para o vindeiro mes de xuño. Esa é a postura que mantén a Consellería de Educación e que trasladou ao Goberno central cando este quixo coñecer a opinión das comunidades autónomos sobre o mantemento ou non dos procesos selectivos ante a crise do coronavirus.
"No caso de non prorrogarse o estado de alarma, o Goberno galego "estaría en prazo para levar a cabo o procedemento con normalidade", di Educación
"A postura de Galicia é a mesma que manifestou na conferencia sectorial o pasado mércores, a de manter o proceso de Oferta Pública de Emprego sempre e cando non se produza unha pórroga do estado de alarma", explican a Praza.gal fontes da Consellería, que aclaran que "no caso de non prorrogarse" a actual situación excepcional, o Goberno galego "estaría en prazo para levar a cabo o procedemento con normalidade".
Xa que logo, será o Executivo central, coa decisión de prorrogar ou non o estado de alarma decretado ata o 11 de abril, quen acabará por determinar se as probas se manteñen en xuño ou se acaban adiando, como así decidiron xa outras autonomías.
Malia as peticións de sindicatos e futuros opositores dunha aclaración explícita, o departamento que lidera Carmen Pomar decidiu agardar a futuras decisións da Moncloa. Pola contra, foron xa varios os gobernos autonómicos que anunciaron a súa intención de pospoñer os seus procesos selectivos, como foi o caso de Comunitat Valenciana, Murcia, Aragón, Cantabria, Castilla y León ou Castilla-La Mancha, varias delas coa decisión pechada xa de agardar até 2021.