O confinamento obrigado pola epidemia de coronavirus e a paralización da actividade económica reduciron ao mínimo a circulación de vehículos nas nosas rúas e estradas. Os datos durante a primeira semana de aplicación do estado de alarma apuntaban a que apenas se mantiña un 20% do tráfico habitual, un descenso na circulación que mesmo se acrecentou nos últimos días, e que contrasta coas cifras de vehículos que adoitaban entrar a diario nas cidades galegas (ao redor de 800.000 cada día).
A contaminación caeu un 56% na Coruña e un 60% en Vigo con respecto á media dos últimos dez anos
A súbita caída no tráfico tivo como resultado unha inmediata redución da contaminación nas cidades e vilas galegas, que se pode comprobar nas estacións de medición distribuídas por todo o país, especialmente nos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), pois os vehículos de combustión son a principal fonte deste contaminante.
Analizando os datos achegados polas estacións de medición da Xunta de Galicia ou do Concello da Coruña podemos ver un claro descenso nos niveis de dióxido de nitróxeno a partir da declaración do estado de alarma (15 de marzo), tanto se os comparamos cos datos da primeira quincena do mes coma (sobre todo) se os comparamos cos datos da segunda quincena do mes de marzo do pasado ano.
Ecoloxistas en Acción vén de publicar un informe no que analiza os datos de 24 cidades de todo o Estado., subliñando que as medicións entre o 14 e o 31 de marzo esté un 55% por debaixo da media da última década. Hai diferenzas entre unhas e outras urbes, pero mesmo a que menos reduciu a súa contaminación (Oviedo) fíxoo nun 33%. En Alacante a caída foi do 72%, en Barcelona foi do 64% e en Madrid do 56%. A Coruña (56%) e Vigo (60%) están tamén por riba da media das 24 cidades.
Os vehículos de combustión son a principal fonte do contaminante dióxido de nitróxeno
O estudo ten en conta que nalgúns lugares esta seguinda quincena de marzo foi moi chuviosa, o que podería reducir o nivel de contaminación, pero aclara que as precipitacións foron aínda máis importantes outros anos, o que equilibra a media.
A entidade ecoloxista lembra que "a mortalidade atribuíble á exposición a curto prazo áo dióxido de nitróxeno e ao ozono, por causas naturais -respiratorias e circulatorias- ascendería en conxunto en España a unha media de 10.000 mortes anuais" e subliña que "pequenas reducións nos niveis destes contaminantes poden ser determinantes para salvar vidas, no curto prazo". Ecoloxistas en Acción sinala que a crise da COVID-19 "demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e os cambios nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para mellorar a calidade do aire nas cidades, algo que á súa vez supón unha importante mellora da saúde pública".
O estado de alarma, que entrou en vigor o domingo 15, fixo que a contaminación se reducise case de inmediato na maior parte das estacións analizadas
O estudo dos datos galegos, nas sete cidades do país e tamén en vilas como Lalín ou Ponteareas, permite chegar a conclusións semellantes. Cómpre analizar os datos con cautela, tendo en conta sobre todo o efecto provocado pola presencia ou ausencia de precipitacións. As chuvias da primeira semana de marzo en boa parte de Galicia reduciron a contaminación do aire, pero na segunda semana, do 9 ao 15, os ceos despexados elevaron notablemente os niveis de dióxido de nitróxeno.
O estado de alarma, que entrou en vigor o domingo 15, fixo que a contaminación se reducise case de inmediato na maior parte das estacións analizadas, nomedamente en Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra, Lalín e Ponteareas. A segunda semana de confinamento foi moi semellante á primeira, permitindo observar unha clara tendencia de descenso entre a segunda semana de marzo e as dúas seguintes.
Comparación co 2019
Os niveis de contaminación son moi semellantes durante a primeira quincena, pero as liñas sepárasne radicalmente a partir do día 15
A diferenza é aínda máis clara se comparamos os datos deste mes de marzo cos de marzo do pasado ano, que foi maioritariamente soleado, agás durante a primeira semana, na que choveu varios días do mes. Unha situación semellante á deste 2020.
Se tomamos, por exemplo, os datos da estación de Coia, en Vigo, os niveis de contaminación son moi semellantes durante a primeira quincena, pero as liñas sepárasne radicalmente a partir do día 15. En 2019, os niveis dióxido de nitróxeno duplican ou mesmo triplican os máis dos días. aos que se rexistraron neste 2020
A situación é moi semellante nas estacións de Santa Margarida (A Coruña), Gómez Franqueira (Ourense), Fingoy (Lugo) e no Campus de Santiago de Compostela. Agás excepcións explicables pola coincidencia dun día laborable e unha xornada de fin de semana ou a presenza de chuvias (escasas tanto en 2019 coma no 2020), os datos da segunda quincena deste ano son notablemente inferiores.
Ecoloxistas en Acción reclama que cando se supere esta crise se acelere, "por razóns de saúde pública", a implantación "de zonas de baixas emisións ambiciosas nas principais cidades", recuperando o transporte público "do estigma provocado pola necesidade de anular o contacto social", e potenciando a bicicleta e o tránsito peonil, como medios de transporte alternativos ao vehículo motorizado privado.