O Goberno galego mantén o transporte a demanda pero do resto de buses só circulará a metade e neles só se poderán ocupar a metade das prazas e non contiguas
Ademais das medidas que xa comezaron a tomar as cidades para adaptar os seus sistemas de transporte urbano, o Goberno galego publicou a última hora deste luns unha nova edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia para concretar os servizos de transporte público interurbano por estrada en Galicia, que son os da súa competencia. As viaxes reduciranse á metade, e neses autobuses só poderán ocuparse a metade das prazas, e non de xeito contiguo. Isto é, a oferta total de prazas caerá a unha cuarta parte.
Ademais, Audasa, concesionaria da AP-9, informa de que o domingo, primeiro día de aplicación do estado de alarma, o tráfico caeu na súa autoestrada a unha quinta parte do habitual. A empresa tamén restrinxiu o cobramento ao telepeaxe e as tarxetas.
A Xunta mantén de xeito íntegro a modalidade de transporte baixo demanda, de xeito que esas liñas só funcionarán cando exista reserva previa por parte de persoas usuarias
En materia de autobuses interurbanos, a Xunta mantén de xeito íntegro a modalidade de transporte baixo demanda, de xeito que esas liñas só funcionarán cando exista reserva previa por parte de persoas usuarias. Ademais, como boa parte das novas liñas de bis galegas funcionan coordinadas co transporte escolar, e xa non hai actividade lectiva, funcionarán coas condicións estipuladas para as xornadas non lectivas. Ademais de non poderse ocupar asentos contiguos, nos vehículos con prazas de pé a ocupación estará limitada a un metro cadrado por viaxeiro.
No caso das liñas que discorren nas áreas de transporte metropolitano (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo), “utilizarase preferentemente como medio de pagamento a tarxeta de transporte de Galicia (TMG) e as tarxetas equivalentes integradas (TMG Xente Nova, Millenium e Cidadá)”.
Audasa suprimiu o cobramento manual e o seu persoal só está dispoñible para axudar en caso de problemas coa telepeaxe ou as tarxetas
Por outra banda, Audasa informa de que o domingo, primeira xornada do estado de alarma, a AP-9 rexistrou unha intensidade media diaria (IMD) de 3.743 vehículos fronte aos 18.374 de media no que vai de ano. Audasa, do grupo Itínere, que tamén xestiona as autoestradas Vigo-Val Miñor (AG-57) e A Coruña-Carballo (AG-55), sinala que a redución foi similar tamén nesas dúas vías.
A concesionaria lembra que desde o venres ten suprimido o cobramento manual co seu persoal, que só estará dispoñible para axudar en caso de problemas cos sistemas de telepeaxe ou de pago con tarxetas.