O bus urbano pasa a ser gratuíto en Lugo polo virus e A Coruña impón medidas especiais de protección

Medidas de seguridade adoptadas nos autobuses urbanos de Lugo © Concello de Lugo

Aínda que a poboación está obrigada a permanecer confinada nas súas casas e que moitas empresas impulsaron o teletraballo, son moitas as persoas que necesitan usar o transporte público para chegar ao seu lugar de traballo ou a outras actividades permitidas. Para facilitar os seus desprazamentos e para garantir que isto se realiza coa máxima seguridade posible as cidades galegas e as empresas que emprestan este servizo puxeron en marcha nas últimas horas unha serie de medidas.

En Lugo xa non se cobra aos pasaxeiros e foron precintadas unha de cada dúas filas de asentos para aumentar a distancia de separación

Destaca, sobre todo, a decisión do Concello de Lugo de facer gratuítos os autobuses urbanos, "para evitar riscos de contaxio ás persoas que conducen o servizo de autobuses, evitando así o contacto entre as persoas usuarias e quen conduce os vehículos”, sinalou o tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo. 

Ademais, na cidade da Muralla a empresa adxudicataria incrementou e implementou os protocolos de limpeza e desinfección na flota de buses. E foron precintadas unha de cada dúas filas de asentos para aumentar a distancia de separación entre as persoas usuarias.

A Coruña

Na Coruña adoptáronse tamén importantes medidas de seguridade, delimitando os espazos e as distancias de precaución para impedir o contacto entre viaxeiros e dos viaxeiros cos condutores. Así, pídese que os e as usuarias deixen libres os asentos situados na primeira fila tras o condutor, para garantir a máxima separación. Estes espazos restrinxidos serán delimitados estes días, para garantir "a máxima información e claridade nas directrices aos usuarios", sinala a empresa Tranvías.

Na Coruña ínstase aos viaxeiros a deixar cando menos un metro de distancia con outros pasaxeiros e co condutor

Ínstase aos e ás viaxeiras a que deixen sempre un metro de distancia con outros pasaxeiros e co propio condutor, e recoméndase que se pague a través da tarxeta de usuario, "sen utilizar diñeiro en metálico, co que se evitará calquera tipo de contacto con superficies ou co condutor". A empresa concesionaria informa igualmente de que "como parte do protocolo habitual de limpeza diaria dos autobuses, estanse intensificando os labores de desinfección das barras, zona de traballo e outras superficies de contacto habitual dentro do bus".

Limpeza dos autobuses urbanos de Vigo © Vitrasa

Vigo

En Vigo o Concello acordou modificar os horarios dos autobuses urbanos, aplicando durante os días laborables os horarios que habitualmente se emprestan os domingos, acordando o reforzo nas horas de entrada e saída aos centros de traballo así como nas liñas que conectan co hospital. Ademais, a empresa decidiu reforzar a desinfección diaria dos autobuses, "que se ven aplicando de forma preventiva dende hai xa varias semanas", indica.

As medidas adoptadas nos Vitrasa foron criticadas polo Comité de Empresa, que as cualifica como "insuficientes e mesmo ridículas en comparación con outras cidades"

Porén, as medidas adoptadas nos Vitrasa foron criticadas polo Comité de Empresa, que as cualifica como "insuficientes e mesmo ridículas en comparación con outras cidades". O persoal demanda a posta en marcha doutras accións, como a eliminación do pago en efectivo "para non manipular moeda e manter a distancia de seguridade", a suba e baixada de viaxeiros/as pola porta traseira, a prohibición do acceso á plataforma dianteira e á zona de condución, delimitando o paso mediante cintas ou a aplicación dun límite de aforo que garanta a distancia de seguridade. "Gustaríanos lembrar que os condutores/as podemos chegar a ser tanto portadores/as como receptores/as do virus", subliñan.

Suspensión do cobro da ORA

Na Coruña o Concello deixou de cobrar este luns, unha medida que se prolongará ata o vindeiro venres 27. E tamén Compostela eliminou a obriga da rotación de vehículos estacionados en zona ORA

Outra das medidas que se están a poñer en marcha nas cidades galegas é a suspensión do cobro da ORA para as persoas que aparcan os seus vehículos nas zonas azuis de estacionamento temporal. Na Coruña o Concello deixou de cobrar este luns pola mañá, unha medida que se prolongará ata o vindeiro venres 27. O obxectivo é "evitar contaxios nas persoas propietarias de vehículos cando adquiran o ticket e contribuír así a que se cumpran as medidas de confinamento que estableceu o executivo central". 

En Compostela tamén o Concello eliminou a obriga da rotación de vehículos estacionados en zona ORA, ao tempo que fixaba un límite máximo de 30 persoas en cada autobús urbano.

Parquímetro da ORA en Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.