A contaminación do aire supera en toda Galicia os límites fixados pola OMS

Refinería da Coruña, dende A Pastoriza CC-BY-SA L.Miguel Bugallo S.

Ecoloxistas en Acción publicou esta semana o informe La calidad del aire en el Estado español durante 2018, que analiza a información recollida durante o pasado ano por 54 estacións oficiais de medición instaladas en Galicia. O informe conclúe que toda a poboación galega respirou aire contaminado en 2018, con niveis de contaminación que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Ademais, un terzo do territorio de Galicia soportou unha contaminación do aire que prexudica a vexetación. 

Un terzo do territorio de Galicia soportou unha contaminación do aire que prexudica a vexetación

A organización explica que se se toman como referencia os estándares da normativa legal, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respira aire contaminado por riba dos límites legais, aínda que estes si se superaron na estación do porto da Coruña, en relación ao contaminante dióxido de nitróxeno (NO2). 

Ecoloxistas en Acción alerta de que as partículas (PM10e PM2,5) continúan a presentar unha especial incidencia nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, onde se superaron os valores medios anuais e/ou diarios recomendados pola OMS para ambos os dous contaminantes. De igual xeito, durante 2018 volveuse superar a concentración media diaria de dióxido de xofre (SO2) recomendada pola OMS nas zonas máis influenciadas polas emisións deste contaminante debidas á área industrial e portuaria de Arteixo-A Coruña, a Cementos Cosmos (Oural, Sarria) e a Alcoa San Cibrao.

O informe recolle tamén que a das Pontes volveu ser o pasado ano unha das centrais térmicas máis contaminantes en todo o Estado CC-BY-SA Banjo

Ecoloxistas en Acción alerta de que as partículas (PM10e PM2,5) continúan a presentar unha especial incidencia nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo

O ozono troposférico ou malo tamén afectou a poboación galega, aínda que o clima de Galicia é menos favorable á formación deste contaminante que o da maior parte do resto da Península Ibérica. Durante 2018 a poboación das áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo, así como as zonas Sur e Norte en que se divide Galicia a efectos da avaliación deste contaminante, estiveron expostas a concentracións de ozono perigosas para a saúde segundo a OMS.

Na Coruña foi acadado por segundo ano consecutivo o obxectivo legal anual establecido para o benzo(a)pireno, un hidrocarburo aromático policíclico (HAP). Na estación de Riazor rexistrouse o segundo valor máis alto de todo o Estado español para este contaminante canceríxeno. A organización afirma que "semella probábel que este valor tan alto se relacione coas importantes emisións de HAPs totais de Alcoa A Coruña e Showa Denko Carbon". O informe recolle tamén que a das Pontes volveu ser o pasado ano unha das centrais térmicas máis contaminantes en todo o Estado

"A única forma de conseguirmos unha boa calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando o transporte público, a bicicleta e o tránsito peonil"

Ecoloxistas en Acción conclúe que "a contaminación do aire debería abordarse como un problema de primeira orde". "Deberíase procurar unha calidade do aire, cando menos, acorde cos estándares recomendados pola OMS, máis estritos que os legais vixentes hoxe", di, lembrando que "cada ano rexístranse ata 30.000 mortes prematuras en España por afeccións derivadas da polución do aire, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente".

A organización subliña que "a única forma de conseguirmos unha boa calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando o transporte público, a bicicleta e o tránsito peonil". Suxire igualmente "promover o aforro enerxético, pechar as centrais de carbón (a de Meirama farao en 2020, pero non hai calendario de peche para a das Pontes), adoptar as mellores técnicas industriais dispoñíbeis e penalizar o combustíbel e vehículos diésel"

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.