"O peche planificado das centrais de Meirama e As Pontes é a única forma de salvar os empregos"

Central Térmica das Pontes CC-BY-SA luscofusto

O pasado venres presentouse a plataformaGaliza, Un Futuro Sen Carbón, que busca concienciar a poboación sobre a necesidade de clausurar canto antes as dúas centrais térmicas de carbón existentes en Galicia (As Pontes, propiedade de Endesa, e Meirama, de Naturgy), que provocan o 34% dos gases de invernadoiro emitidos no noso país. Ademais, esixen medidas de apoio para as comarcas e traballadores afectados polo peche, que sinalan como "inevitable". A plataforma está formada por unha ducia de entidades ecoloxistas (entre elas ADEGA, Verdegaia, Amigos da Terra, Greenpeace ou Asociación pola Defensa da Ría), ademais doutros grupos como a Plataforma contra a Mina de Touro - O Pino ou a cooperativa Nosa Enerxía.

Galiza, Un Futuro Sen Carbón nace a través dun manifesto que destaca que "Galiza será un dos países europeos máis prexudicados polo cambio climático" e que subliña "a responsabilidade e a obriga de facer a nosa parte para loitar contra o maior desafío do noso tempo". Lembra que as dúas centrais térmicas galegas son caras e ineficientes e que durante anos se beneficiaron do carbón "importado e extraído moitas veces en condicións de semiescravismo de minas do Sur do planeta ou con enormes danos ambientais en áreas de elevada biodiversidade".

A plataforma salienta a necesidade de "planificar o seu peche a curto prazo", como a única forma de garantir "unha transición xusta para os traballadores e as traballadoras afectadas". O vindeiro sábado 1 de decembro convocou unha concentración ante a Central de Endesa en As Pontes. Falamos con Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

"Meirama e As Pontes producen o 34% das emisións totais galegas. O peche desas dúas centrais sería a medida singular máis importante e máis práctica para reducir emisións"

Por que nace neste momento a plataforma?

A principios de decembro celebrarase en Polonia a COP24, a Conferencia da ONU sobre cambio climático. Nese contexto, a plataforma europea Europe Beyond Coal e outros colectivos convocan mobilizacións en todo o continente. Hai unha urxencia clara para a redución de emisións. En outubro houbo un novo informe do IPCC (Comité Intergobernamental para o Cambio Climático) que di que deberiamos abandonar dous terzos da queima de carbón en 2030 e reducilo a case cero en 2050. Meirama e As Pontes producen o 34% dos gases de invernadoiro en Galiza. O peche desas dúas centrais sería a medida singular máis importante e máis práctica para reducir emisións. Non resolvería todo o problema, pero o cambio sería radical.

Central térmica de Meirama CC-BY-SA Pilar Ponte

Hai suficiente conciencia en Galicia sobre o cambio climático e os efectos das emisións contaminantes? Recentemente o Parlamento galego pediu a continuidade das dúas térmicas, co voto a favor de PP, PSdeG e BNG e a abstención de En Marea...

O gran reto do noso tempo é o cambio climático. Pero en Galiza semella que existe unha baixa concienciación sobre o que significa e sobre os seus efectos. Parece que a maior parte das forzas políticas e dos sindicatos non atenden aos informes científicos e do Comité de Expertos sobre esta cuestión. Non somos conscientes das implicacións que ten para nós como país manter estas dúas térmicas abertas, os problemas directos para a saúde que provocan e os efectos xerais para o medio ambiente. Se cadra agora comezamos a ver algúns efectos, coa chegada de certas tormentas ou con certas modificacións climáticas, pero en xeral parece que nos queda moi lonxe. Pero a xente debería ser máis consciente do planeta que lles vai deixar aos seus fillos e aos seus netos.

"Denunciamos a inexistencia no Estado español dunha planificación para o peche das centrais térmicas de carbón que si existe na maior parte dos países da UE"

Que valoración facedes da política do Goberno de Pedro Sánchez con respecto ao peche das térmicas de carbón? 

Dende a plataforma queremos denunciar a inexistencia no Estado español dunha planificación para o peche das centrais térmicas de carbón que si existe na maior parte dos países da UE. Francia vai pechar as térmicas en 2021, Suecia en 2022, Reino Unido, Italia, Austria e Irlanda en 2025, Portugal en 2030... O único país que carece dun plan de peche é España, que o deixa en mans das empresas.

Dominio Público Praza Pública

Ao igual que sucede con outras industrias contaminantes ou agresivas para o medio ambiente, para defender a súa continuidade sempre se apela ao mantemento dos empregos...

O peche vaise producir si ou si, máis cedo que tarde. E as institucións galegas e españolas non están sendo conscientes dos efectos negativos de que a decisión se estea deixando en mans de Naturgy ou Endesa. Isto está evitando un peche planificado que permitiría deseñar unha solución para salvar os empregos. Hai moitísimos casos de éxito en Europa nos que se abandona o carbón e se impulsan iniciativas de renovables, de agroecoloxía... Sen planificación, podemos atoparnos con outro caso Alcoa, no que unha multinacional decide pechar dun día para outro.

"As institucións galegas e españolas non son conscientes dos efectos negativos de que a decisión se deixe en mans de Naturgy ou Endesa. Isto está evitando un peche planificado que permitiría salvar os empregos"

Cando o Concello de Ordes vota a favor do mantemento de Meirama. Ou mesmo o Parlamento galego lle pide ao Goberno central a continuidade de Meirama e As Pontes, eu poño en dúbida que eses políticos estean cos traballadores. Estar cos traballadores é negociar un futuro máis aló do carbón, porque o peche é inevitable e cómpre un plan alternativo para estas comarcas. Ou non lles están dicindo toda a verdade ou son uns políticos moi desinformados.

Endesa afirma que na central das Pontes levou a cabo modificacións para reducir a contaminación que lle permitirían continuar moitos máis anos en activo. Isto é así?

Hai algunhas informacións falaces que aseguran que As Pontes si pode seguir aberta ata o ano 2045 ao ter realizado determinados investimentos para adaptarse aos límites legais de emisión doutras partículas contaminantes, como o dióxido de xofre. Pero isto non soluciona as emisións de CO2, que as directivas da UE tamén van prohibir. Por iso pedimos o peche en 2025. O caso de Meirama é xa diferente, porque non fixo ningunha reforma, polo que sabe dende hai anos que ten que pechar en 2020. Non vai haber prórrogas.

"Falan dos empregos que xeran as térmicas en Galicia, pero cantos empregos se perderon no noso país pola paralización das renovables? Milleiros"

Estas semanas mesmo se apelou a un suposto perigo de que Galicia pase a necesitar importar enerxía doutros territorios. Isto é correcto?

En 2025 pode chegarse a unha produción eléctrica 100% renovable, sen carbón e sen nucleares, a nivel estatal. E se hai algunha dificultade para chegar é porque se paralizou durante anos o desenvolvemento das renovables. E aquí iso sabémolo ben, pois vivimos o bloqueo do plan eólico. Falan dos empregos que xeran as térmicas en Galicia, pero cantos empregos se perderon no noso país polo parón das renovables? Milleiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.