A produción eléctrica con carbón dispara as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

Nin a crise económica, nin o decreto estatal do carbón, que discrimina as térmicas de Meirama e As Pontes, impediron que as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro medrasen fortemente durante 2011 e 2012. A causa foi o repunte da produción das dúas centrais de carbón. En Galicia xa non se extrae carbón pero impórtase e quéimase en grandes cantidades. A factura corre a conta dos nosos fillos e dos pobos empobrecidos do Sur global, os máis vulnerábeis á mudanza climática. 

O carbón é, con moita diferenza, o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro. A suma da capacidade produtiva  das centrais térmicas das Pontes (ENDESA) e Meirama (Gas Natural Fenosa) equivale á de dúas nucleares. Son polo tanto grandes “fábricas de cambio climático” que en 2012 recuperaron o liderado da produción eléctrica galega, favorecidas polo descenso da produción renovábel, o prezo irrisorio dos permisos de emisión de CO2 e a dispoñibilidade de carbón barato importado de Encrobas que ignoramos. Entre 2010 e 2012 a produción das térmicas de carbón máis que duplicou. Na mesma proporción, aumentaron as súas emisións de CO2, desde 5,2 a 11,5 millóns de toneladas.

Segundo os datos oficiais que se veñen de difundir na web da Xunta, procedentes do inventario estatal, as emisións totais de gases de invernadoiro en Galicia creceron o 6,6% en 2011. Tal aumento debeuse exclusivamente ao sector eléctrico, que compensou os descensos nos demais sectores inducidos pola crise económica. Haberá que agardar un ano polos datos sobre as emisións totais durante 2012,  mais xa se coñecen os datos relativos aos sectores industriais suxeitos ao comercio europeo de emisións, que representan un 40% das emisións. Nestas industrias as emisións incrementáronse nun 30% -por causa das térmicas de carbón- o que nos fai prever un aumento das emisións totais en 2012 superior aínda ao de 2011, que foi o terceiro maior incremento anual rexistrado desde 1990.

 

ENDESA é responsábel do 25% das emisións galegas

Pechar as térmicas de carbón das Pontes e de Meirama debería ser a primeira medida de calquera estratexia seria de loita contra a mudanza climática desde Galicia

O 28% das emisións galegas proveñen das térmicas de carbón (2011). Non hai sector de actividade en Galicia con maiores emisións. E non hai empresa máis agresiva co clima que ENDESA, a propietaria da central das Pontes, que foi, de lonxe, o maior foco emisor de CO2 no Estado español durante o ano pasado. En 2011, esta multinacional española controlada pola italiana Enel foi a responsábel do 25% das emisións galegas de gases de invernadoiro.

Pechar as térmicas de carbón das Pontes e de Meirama debería ser a primeira medida de calquera estratexia seria de loita contra a mudanza climática desde Galicia. Os centos de empregos xerados por estas centrais poderían substituírse por empregos verdes no sector das enerxías renovábeis, que lamentabelmente hoxe está a ser desmantelado por unha política enerxética estatal marcada polas multinacionais eléctricas propietarias das grandes centrais convencionais. A Fundación Renovables denuncia que o modelo enerxético actual realimenta a crise económica pola alta dependencia enerxética e propón unha planificación enerxética a longo prazo que inclúa o peche ordenado das centrais de carbón, de gas e  nucleares. Segundo unha proposta de Ecoloxistas en Acción, é posíbel pechar todas as centrais de carbón e nucleares do Estado español para 2020.

 

Galicia aumenta máis unhas emisións por habitante altas

A instalación dalgunhas industrias moi intensivas en emisións, nomeadamente as centrais de carbón, fixo que as nosas emisións medias por habitante (9,9 toneladas/ano) sexan incluso maiores que as do Estado español e as da UE

Non temos datos anteriores a 1990, mais desde os anos setenta as emisións da nosa terra tiveron que se multiplicar, da man do incremento dos niveis de produción e de consumo. Ademais, a instalación dalgunhas industrias moi intensivas en emisións, nomeadamente as centrais de carbón, fixo que as nosas emisións medias por habitante (9,9 toneladas/ano) sexan incluso maiores que as do Estado español e as da UE. A tendencia ao incremento das emisións só se inverteu entre 2007 e 2010, por efecto da crise económica e da caída na produción das centrais de Meirama e As Pontes. Co ascenso dos dous últimos anos, as emisións do noso país en 2012 superaron as de 1990, mentres no conxunto da UE deberon diminuír por volta do 20%.

En Galicia emítense 27,6 millóns de toneladas de gases de invernadoiro, mais este non é o único dato a termos en conta para medirmos o noso impacto sobre o clima global.  Habería que considerar tamén a pegada climática, aínda sen calcular. A pegada climática dun país é a cantidade de gases de  invernadoiro emitida para producir  os bens e servizos consumidos pola poboación dese país, sen importar o lugar desde o que se emitan. Ás emisións desde o territorio propio restánselles as asociadas ás exportacións e súmanselles as vencelladas ás importacións. Non coñecemos a nosa pegada climática mais con certeza é alta, se ben nos últimos anos debeu diminuír ao baixaren as importacións. Nos países europeos a pegada climática adoita superar as emisións internas, máis canto máis pequeno é o país, como consecuencia da dependencia exterior de materiais (alimentos, combustíbeis, minerais).

 

Crise climática? Que crise?

A Xunta apoia a actividade das térmicas de carbón, reacciona tarde e mal aos ataques do Goberno central ás renovábeis ou prepara a ampliación da macroincineradora de SOGAMA

A finais do ano pasado, o Goberno galego presentou un informe que resume estudos científicos feitos por encargo do bipartito sobre as evidencias e impactos do cambio climático no noso país; expón os datos oficiais sobre a evolución das emisións de gases de invernadoiro; e reúne accións inconexas de redución de emisións promovidas por diversas consellerías, de alcance polo xeral curto e de impacto non cuantificado. Porén, o prometido Programa Marco fronte ao Cambio Climático continúa a ser adiado. No entanto, a Xunta apoia a actividade das térmicas de carbón, reacciona tarde e mal aos ataques do Goberno central ás renovábeis ou prepara a ampliación da macroincineradora de SOGAMA.
 

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace
Evolución das emisións en Galicia Dominio Público Un claro no bosque
Emisións per cápita Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.