Greenpeace presentou esta semana o informe A Toda Costa, que advirte da fraxilidade e das ameazas que sofre unha parte importante do litoral de todo o Estado español, tamén en Galicia. O noso país, de feito, é a terceira comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de hábitats naturais costeiros desprotexidos, pois máis do 41,1% da zona costeira en Galicia non dispón de ningunha figura de protección da natureza. A media no conxunto do Estado é do 22,2%.
Destes hábitats naturais non protexidos, un 92,3% son recoñecidos como de interese e un 32,7% están catalogados como prioritarios para a súa conservación pola UE
Destes hábitats naturais non protexidos, un 92,3% son recoñecidos como de interese e un 32,7% están catalogados como prioritarios para a súa conservación pola Unión Europea. A costa galega ten 1.498 quilómetros de lonxitude, nas cales atopamos 694 quilómetros de praias.
Afortunadamente, Galicia é unha das comunidades con menor superficie costeira ocupada pola construción urbanística, con só o 8,4% da superficie, unha porcentaxe moi inferior á que se dá en todo o Mediterráneo. Porén, o índice de presión humana sobre os ecosistemas vulnerábeis da costa sitúaa como a sexta de todo o Estado e a segunda da costa norte, despois de Euskadi. A presión humana concéntrase de forma moi intensiva no interior das rías, mentres que a costa aberta directamente ao océano mantén unha densidade de poboación máis baixa.
Entre as moitas zonas da costa galega "vulnerábeis ao impacto humano ligado á urbanización" Greenpeace pon como exemplo a Praia de Liméns (Cangas)
Entre as moitas zonas da costa galega "vulnerábeis ao impacto humano ligado á urbanización" Greenpeace pon como exemplo a Praia de Liméns (Cangas). "Esta praia é un marabilloso enclave natural que acolle un sistema de dunas de gran valor, o complexo de dunas de Limens e Dunas do Frondoal, co hábitat natural vexetación anual sobre argazos, amieiros e carballeiras, mais está cercada por urbanizacións turístico-residenciais que incumpren a Lei de Costas por estaren asentadas demasiado achegadas ao mar", sinala a organización, que explica que invaden a servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.