Unha das leis que máis deu que falar durante o mandato da coalición de PSdeG e BNG na Xunta foi a coñecida popularmente como lei dos 500 metros, a norma promulgada en 2007 que vetaba as novas construcións nesa primeira faixa do litoral ata que os municipios costeiros tivesen un plan xeral de ordenación municipal "adaptado á lexislación urbanística e ambiental" ou ata a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral" por parte do propio Goberno galego. Neste 2013 a organización ecoloxista Greenpeace centra o seu estudo anual Destrucción a toda costa precisamente nesa faixa dos 500 metros e ata dous anos antes daquela lei. E o resultado é que, en Galicia, unha quinta parte dese bordo litoral estaba xa baixo o cemento.
Partindo de cautelas como a excepcional orografía da costa do país ou a ausencia ausencia "dunha delimitación cartográfica dixital da liña de costa a escala real" Greenpeace detense a analizar variables como a "superficie absoluta artificial" en cada municipio, a extensión desta superficie "a respecto da total" do concello ou as zonas que "antes deixarían de ter solo natural". En Galicia, explican, o mellor exemplo das peores prácticas é Sanxenxo, modelo de "como non xestionar o litoral". Municipios como Sanxenxo constribúen especialmente a que Pontevedra sexa a provincia con maior superficie de costa "destruída" en Galicia, co 32% do litoral cuberto. Séguena A Coruña, co 13% e Lugo, co 10%.
Greenpeace destaca a Sanxenxo como modelo de "como non xestionar o litoral"
No caso deste turístico municipio a organización ambientalista sinala que a "gran presión urbanística sobre unha parte do litoral traduciuse na invasión do dominio público máritimo-terrestre". A esta circunstancia, din, cómpre engadir que en Sanxenxo se realizaron varios deslindes que non remataron "nun tempo razoable", permitindo que os límites das donzas de protección "non estivesen claros, propiciando unha gran desorde urbanística". Como corolario, lembran que unha das construtoras "multadas por invadir a praia" foi Construcuatro, "do deputado e ex alcalde Telmo Martín". A sanción a Martín foi arquivada pola actual Xunta en 2012.
Os municipios menos construídos
O 21% dos 155 concellos do Estado que menos construíron na súa costa están en Galicia
Greenpeace contrapón estes malos exemplos co feito de que Galicia "posúe o 21% dos 155 municipios costeiros" do Estado "que menos construíron na súa primeira liña de costa". Nomeadamente, 33 concellos galegos "teñen apenas un 3,2% de ocupación" na faixa dos 500 metros do litoral. Ademais, o informe destaca tamén a significativa porcentaxe de costa protexida que presentan concellos concretos como Bueu, co 38%, Ribeira, co 35%, ou Vigo, co 29%. No caso vigués cómpre ter en conta dúas circunstancias: que as Illas Cíes pertencen a este municipio e que ten xa urbanizado o 70% da súa faixa litoral, segundo o propio estudo.
Entre os concellos con menor porcentaxe de costa construída destacan, non obstante, algúns con construcións de importante impacto, caso de Arteixo, ou outros que tentaron a expansión urbanística xusto despois do ano 2005, como Barreiros. A relación complétana Bueu, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Foz, Malpica, Mañón, Muros, Muxía, Narón, Noia, Oia, O Rosal, Ortigueira, Outes, O Vicedo, Paderne, Ponteceso, Porto do Son, Ribadeo, Rianxo, Valdoviño, Vimianzo, Vilaboa e Vilanova de Arousa.