Os accidentes e incidencias doutro tipo nas estradas redúcense a unha cuarta parte mentres que o movemento de camións, pola contra, caeu só un 20%
Unha quinta parte dos desprazamentos habituais, sexan en vehículos particulares ou transporte público, onde segundo o medio empregado e na fin de semana a cifra é aínda inferior, e menos accidentes. Esa é a paisaxe que deixa no eido da mobilidade a primeira semana de aplicación do estado de alarma. O movemento de camións, pola contra, apenas caeu un 20%.
O domingo da pasada semana unha muller falecía ao envorcar o seu vehículo nas proximidades do aeroporto de Alvedro. Desde aquela e ata este luns, durante toda a primeira semana de aplicación do estado de alarma, non se rexistrou ningún falecemento nas estradas galegas -a cifra podería variar cando a DGT contabilice os falecementos que se producen no mes posterior aos sinistros-. En todo o Estado, durante toda a fin de semana só se rexistrou un falecemento, dun camioneiro en Soria, fronte aos dez da fin de semana anterior. Unha redución de accidentes mortais de tráfico que contrasta coa media de dous falecidos á semana que se vén rexistrando nos últimos anos en Galicia.
Sen chegar ao extremos dos accidentes mortais, a sinistralidade viaria en xeral caeu notablemente en Galicia. O pasado mércores, por exemplo, a central de emerxencias do 112 en Galicia rexistrou 17 accidentes de tráfico e 23 incidencias doutro tipo nas estradas, o xoves foron 7 accidentes e 13 incidencias e o venres 19 accidentes e 25 incidencias. Fronte a esas cifras, en días similares de hai dúas semanas, antes da crise do coronavirus, o mércores 4 de marzo os accidentes foran 55 e as incidencias 78, o xoves día 5 os accidentes 65 e as incidencias 100, e o venres día 6 os accidentes 77 e as incidencias 69. Arredor dunha cuarta parte menos de accidentes e incidencias.
Nas estradas estatais o tráfico no noroeste peninsular caeu un 80%, máis que no conxunto do Estado
Menos mortes e menos accidentes porque hai menos desprazamentos. Segundo a DGT, o tráfico nas estradas de titularidade estatal caeu en xeral un 70%, cifra que en Galicia aumenta ao 80%. O descenso é similar ao que vén sinalando Audasa, concesionaria da AP-9, que este martes concretaba que o tráfico medio na autoestrada pasou de 22.000 a 5.000 vehículos ao día. Nos pasos entre Galicia e Portugal, o descenso tamén é do 80%, segundo os datos ofrecidos pola DGT que cifraba o pasado xoves en menos de 4.000 os tránsitos transfronteirizos fronte aos 23.000 habituais. Boa parte dese pouco tráfico que queda nas estradas é, ademais, de camións, sector para o que a DGT ofrece unha cifra de redución de só o 22%.
A Xunta reduciu a unha cuarta parte a oferta de prazas nos buses interurbanos galegos, que nos de longo percorrido de competencia estatal viron reducirse os usuarios un 94%, e un 92% nos trens
Canto ao transporte público, en Galicia a Xunta reduciu a unha cuarta parte a oferta de prazas ao restrinxir á metade o número de buses e, neles, á metade a súa ocupación máxima. (Este mesmo domingo o Goberno galego seguiu matizando no DOG as súas restricións e, para o transporte de ría, reduciu a ocupación a un terzo e “procurando” que se a climatoloxía o permite os pasaxeiros ocupen a cuberta superior ao aire libre). Porén, as cifras que ofrece a nivel estatal o Ministerio de Fomento din que os movementos de persoas no transporte interurbano por estrada caeron aínda máis, ata un 94%. E nos trens de longa distancia se o uso se reduciu ao 10% na media estatal, no norte, área na que se engloba Galicia, cae ao 8%.
Este martes o BOE concretou o anuncio do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, de recurtar aínda máis a oferta dispoñible á vista de que a demanda nos últimos días foi incluso inferior aos servizos que seguiron operando, un recorte que afecta menos ás horas punta. En Galicia, os trens de media distancia ou Avant e os autobuses de longo percorrido verán reducida a súa oferta un 70%. Ábalos tamén garantiu que o ministerio fará todo o posible para facilitar o traballo dos transportistas ao tempo que aumentarán os controis para evitar desprazamentos particulares.
Os aeroportos de Vigo e A Coruña só abrirán cando haxa voos e o de Santiago pechou diversos servizos
Nos aeroportos, os voos reducíronse un 72% a nivel estatal. En Galicia, aínda menos, ata o punto de que este luns AENA daba conta en Santiago dun único voo ao longo de toda a xornada a Madrid, en Vigo dun voo a Madrid e outro a Barcelona e na Coruña dun a Madrid e outro a Sevilla. Os aeroportos de Vigo e A Coruña só abrirán cando haxa voos e o de Santiago pechou diversos servizos.
Pero tamén a nivel peonil hai cifras, aínda que neste caso de entidades privadas e moi iniciais. A consultora TC Group Solutions, que emprega big data para coñecer os movementos dos consumidores, asegura que na semana previa ao estado de emerxencia, pero incluíndo xa datos desa primeira fin de semana de peches parciais, isto é, do 9 ao 15 de marzo, o tráfico peonil nas principais rúas comerciais de Santiago xa descendera un 27%, en Vigo un 23%, na Coruña un 18%, en Lugo un 13% e en Pontevedra un 12%.