Galicia está este venres no seu sexto día de confinamento. O quinto, este xoves, coincidiu cun día festivo, que enlaza agora coa primeira fin de semana completa dende que se adoptaron estas medidas. Nas últimas horas as distintas administracións veñen lembrando a prohibición de realizar desprazamentos, agás os imprescindibles. Están completamente prohibidas, por suposto, as viaxes e excursións de fin de semana e os desprazamentos a segundas vivendas.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lembrou a importancia de "non saír de ponte" para continuar coa prevención fronte ao COVID-19.
Nestes días, de feito, están a reforzarse os controis de tráfico e policiais nas estradas e tamén nos servizos de viaxeiros, tanto para evitar as saídas á costa ou á montaña, como os tamén habituais movementos cara ás aldeas e localidades de orixe de moitas persoas, para a visita de familiares.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lembrou a importancia de "non saír de ponte" para continuar coa prevención fronte ao COVID-19. Losada incidiu en que continúa en vigor o estado de alarma, polo que os desprazamentos só están permitidos para acudir ao domicilio habitual, e non é posible desprazarse a segundas vivendas ou lugares de vacacións.
Están previstos operativos específicos de patrullaxe, sobre todo naquelas localidades de especial atracción turística e nas que aglutinan un número relevante de segundas residencias
Ademais, explicou que están previstos operativos específicos de patrullaxe co obxecto de controlar o cumprimento destas premisas, e sobre todo, naquelas localidades de especial atracción turística e nas que aglutinan un número relevante de segundas residencias. En Galicia, as Forzas e Corpos de Seguridade establecerán dispositivos de seguridade, fixos e móbiles, tanto nas vías e espazos públicos como na rede de transporte, e en particular naqueles lugares ou franxas horarias que específicamente se poidan ver afectados polas restricións acordadas.
Xa este xoves producíronse importantes retencións, por exemplo, nas saídas de Bilbao en dirección á costa ou á montaña, motivados polos férreos controis establecidos para evitar os habituais desprazamentos de fin de semana de moitos habitantes de Biscaia en dirección ás súas segundas residencias, tanto en Euskadi como en Cantabria. A policía controlaba que só houbese unha persoa en cada vehículo, e a existencia de equipaxe no maleteiro e comprobaba os enderezos dos condutores: se a persoa non tiña a súa residencia habitual no lugar ao que se dirixía, impedía o seu paso e, nalgúns casos, chegaba a multalas.
Tamén en Madrid e Barcelona se están a reforzar especialmente os controis, para evitar as saídas da cidade dos habitantes destas zonas.