A Coruña é a cidade que rexistra máis tráfico nos seus accesos, con ao redor de 200.000 vehículos diarios
Ao redor de 800.000 vehículos entran todos os días nas cidades galegas. Son as cifras que amosan os Mapas de Tráfico correspondentes ao ano 2018 que o Ministerio de Transportes publicou hai uns días. Uns números moi semellantes aos que se rexistraban no ano 2016 e que constitúen un reto para a súa xestión nos vindeiros anos. A Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética prevé que a partir do ano 2023 o acceso aos centros das cidades dos coches máis contaminantes fique restrinxido para limitar as emisións nocivas.
A Coruña é a cidade que rexistra máis tráfico nos seus accesos, con ao redor de 200.000 vehículos diarios, moi por riba de Vigo e Compostela, que roldan os 130.000. Ferrol, Ourense e Pontevedra sitúanse lixeiramente por debaixo dos 100.000, mentres que Lugo é a urbe galega con menos accesos en coche.
Esta estatística está moi relacionada co uso que os galegos realizan do vehículo privado, tamén nas grandes cidades e áreas metropolitanas, ben por hábito ou pola carencia ou deficiencias no transporte colectivo. Segundo a Enquisa de Mobilidade do IGE, cuxos últimos datos son do ano 2015, o 67% das persoas que traballan fóra da casa en Galicia empregan o coche para ir alí, unha porcentaxe que nas sete cidades vai dende o 70% de Ferrol e o 66% Lugo ata o 56% de Ourense e o 53% da Coruña. E iso a pesar de que a proporción de ocupados e ocupadas cuxa vivenda está no mesmo concello que o seu lugar de traballo supera o 74% en seis das sete urbes e só é algo menor en Pontevedra (64%).
O 67% das persoas que traballan fóra da casa en Galicia empregan o coche para ir alí
O último Informe sobre a calidade do aire no Estado español, elaborado por Ecoloxistas en Acción e correspondente ao ano 2018, alertaba de que nos núcleos urbanos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo se rexistraban "superacións dos valores medios anuais e/ou diarios recomendados pola OMS" das partículas PM10 e PM2,5, xeradas en parte polos motores de combustión, sobre todo os diésel.
A Avenida da Vedra (Alfonso Molina) é a vía que soporta máis tráfico en toda Galicia, con máis de 120.000 coches diarios, a pesar da apertura da Terceira Rolda, que xa suma 30.000 vehículos
Analizando cidade a cidade, observamos como os principais accesos a cada urbe veñen incrementando a súa saturación nos últimos anos. O caso da Coruña é a excepción, debido á apertura da Terceira Rolda, pensada para desconxestionar o tráfico que entraba a través da Avenida da Vedra (Alfonso Molina), a estrada de acceso con máis tráfico de toda Galicia. Porén, a pesar que a Terceira Rolda aumenta cada ano o número de vehículos que circulan por ela (ao paso pola Zapateira pasou de 26.000 a 30.000 coches en dous anos), a cifra de accesos pola Vedra mantense por riba dos 120.000, só mil menos que no ano 2016.
En Vigo tamén se está incrementando a cifra de usuarios que acceden á cidade pola principal entrada do norte: a saída da AP-9 que desemboca no centro na cidade. Eran pouco máis de 57.000 no ano 2014, 61.000 dous anos despois e no último dato oficial o número achégase xa aos 64.000 vehículos diarios. A eses hai que sumar os case 40.000 coches que entran na cidade pola A-55 ou os case 30.000 que o fan pola VG-20, no sur da cidade.
Aumentan tamén os coches que circulan pola SC-20 en Santiago de Compostela. Á altura da Rocha, este acceso dende o sur á capital de Galicia sumou no ano 2018 case 54.000 vehículos diarios, case seis mil máis que os 48.000 que rexistraba no ano 2016. O principal acceso ao periférico polo norte da cidade mantivo entre 2016 e 2018 as súas cifras de tráfico, que roldan os 50 mil vehículos diarios.
En Vigo entran todos os días 64.000 coches dende o norte a través da AP-9
Nas restantes cidades hai menos variacións, pero tamén se rexistran aumentos. É o caso, por exemplo, da entrada a Ourense dende o sur, a través da N-525, que pasou de 28.619 coches a 30.862 en dous anos. Ou en Ferrol do acceso a través da AP-9, que no 2018 rexistrou unha media de 28.170 vehículos diarios, dous mil máis que dous anos antes. Tanto nunha cidade como na outra o tráfico repártese en varios accesos diferentes, que chegan como moito ao 30 mil coches ao día.
Tamén en Pontevedra os accesos a través da N-550, que suman máis de 40 mil vehículos diarios sumando norte e sur, veñen incrementando lixeiramente as súas cifras nos últimos anos. Finalmente, Lugo é a cidade que rexistra menos accesos de vehículos dende o exterior. Destaca a entrada pola N-540 en Ponte Miño, que rolda os 15 mil coches diarios, e o acceso polo Polígono do Ceao, que supera os 12 mil. A vella N-VI, que funciona como circunvalación interna, supera os 26 mil vehículos diarios, un pouco máis que no ano 2016.