O 40% dos turismos de Galicia non poderán acceder ás zonas de baixas emisións que as cidades crearán antes de 2023

Distintivo ambiental ©

A partir do ano 2023 todas as localidade de máis de 50.000 habitantes (en Galicia, as sete cidades) estarán obrigadas a contar cunha zona de baixas emisións, un espazo no centro urbano no que estará prohibido o acceso e circulación dos vehículos máis contaminantes. Así o establece o anteproxecto da Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética, aprobado polo Goberno central en febreiro, e pendente da súa tramitación parlamentaria. 

Aínda que a súa aprobación dependerá das cámaras que saian das eleccións do 10 de novembro, semella difícil que a norma mude de forma importante, pois responde ás esixencias da UE e do Acordo de París.

Os vehículos que terán vetado o seu acceso aos centros urbanos serán previsiblemente aqueles que non contan con ningún dos distintivos ambientais fixados pola DGT: o Cero emisións (para vehículos eléctricos ou híbridos con autonomía de máis de 40 km), o ECO (para híbridos con autonomía de menos de 40 km e os propulsados por gas natural), o C (para turismos e furgonetas de gasolina matriculados a partir de 2006 e diésel a partir de 2014) e o B (para turismos e furgonetas de gasolina a partir do 2000 e diésel a partir do 2006). 

Son ao redor de 424 mil vehículos en Galicia, case o 40 por cento (o 39,58%)

É dicir, todos os diésel anteriores ao ano 2006 e os gasolina anteriores ao ano 2000 carecen de distintivo ambiental e terán prohibida a circulación nestas zonas. Son ao redor de 424 mil vehículos en Galicia (datos do 2018), case o 40 por cento (o 39,58%). 

Segundo as estatísticas oficiais da DGT, en Galicia apenas hai vehículos con distintivos Cero (o 0,04%) ou ECO (o 0,72%). O máis habitual é o distintivo B (o 34,36%), seguido do C (o 18,95%). Hai algo máis de 50 mil vehículos (o 6%) sobre os que non se dispón de información.

Tanto en Lugo coma en Ourense, a porcentaxe achégase ao 43%. En cambio, na Coruña e Pontevedra as porcentaxes baixan ata o 37,55% e o 39,55%

As provincias orientais son as que contan cunha maior proporción de turismos e furgonetas sen distintivo ambiental, o que parece estar relacionado co propio envellecemento da poboación. Tanto en Lugo coma en Ourense, a porcentaxe achégase ao 43%. En cambio, na Coruña e Pontevedra as porcentaxes baixan ata o 37,55% e o 39,55%.

O dato lucense e ourensán está próximo ás das provincias españolas cunha maior proporción deste tipo de vehículos, Cuenca ou Zamora, por riba do 45%. En cambio, o dato de Madrid, Barcelona, As Palmas, Baleares, Cádiz, Guipúscoa, Tenerife ou Valencia sitúase por debaixo do 30%.

 

Habitual xa no resto de Europa 

A medida debe ir acompañada do fomento do transporte público e dos desprazamentos a pé e en bicicleta

No Estado Español só existe nestes momentos unha zona de baixas emisións (e de moi pequeno tamaño), a de Madrid. En xaneiro de 2020 botará a andar a de Barcelona, de moita maior extensión. No resto de Europa este tipo de áreas restrinxidas son moito máis habituais, sumando ao redor de 300 en toda a UE, 50 delas só en Alemaña.

Con todo, en España cada localidade decidirá o tamaño destas áreas restrinxidas e tamén está por determinar o tipo de sancións e controis que se aplicarán para facer cumprir a normativa.

Nun recente informe Ecoloxistas en Acción destacaba que "as medidas de Zonas de Baixas Emisións axudan a mellorar a calidade do aire, pero deben ser moi ambiciosas para logralo. Ademais deben estar acompañadas de medidas de fomento e mellora do transporte público, mellora na calidade dos espazos públicos, infraestruturas ciclistas e en xeral fomento dos medios máis sustentables en detrimento do uso do coche privado". O informe recomendaba ademais "máis contundencia para cumprir cos obxectivos de calidade do aire que propón a OMS, que son os que garanten unha calidade do aire óptima".

Ecoloxistas en Acción recomendaba ademais a realización de estudos e programas para garantir que as zonas de baixas emisións sexan "socialmente xustas", facendo fincapé na necesidade de potenciar o transporte público e a súa extensión "a zonas periurbanas e de menor densidade de poboación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.