Semana da mobilidade: as cidades galegas como poderían ser

Presentación das actividades do 'Día sen Coches' na zona da Mosqueira, con Rubén Arroxo e o Club Ciclista Cidade de Lugo © Concello de Lugo

Do 16 ao 22 de setembro celébrase a Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa de concienciación que dende hai anos busca sensibilizar á cidadanía sobre as vantaxes do transporte público e a substitución do vehículo privado por outras formas de desprazamento no interior das zonas urbanas. Como todos os anos, cidades e vilas galegas levan a cabo numerosas actividades informativas. E, ademais, en moitas delas durante algunhas horas determinadas rúas e prazas fican sen tráfico, amosando como poderían ser esas zonas se se liberasen do tráfico e se favorecese a peóns, bicicletas e transporte público. 

A partir do ano 2023 todas as cidades de máis de 50.000 habitantes terán que delimitar zonas centrais con acceso prohibido aos vehículos que xeran máis emisións nocivas

Aínda que nos últimos anos todas as administracións están a impulsar políticas máis ou menos ambiciosas para limitar o uso do vehículo privado (dende peonalizacións ao fomento do uso da bicicleta), a realidade é que case 800.000 coches entran todos os días nas sete cidades galegas e que o na última década aumentou moito o número de persoas accidentadas e atropeladas nas zonas urbanas. A partir do ano 2023 todas as cidades de máis de 50.000 habitantes terán que delimitar zonas centrais con acceso prohibido aos vehículos que xeran máis emisións nocivas (todos os diésel anteriores ao ano 2006 e os gasolina anteriores ao 2000), ao redor de catro de cada dez do total.

 

Lugo

Na mañá do domingo 22 de setembro cortarase o tráfico na zona da Mosqueira, un dos treitos da rolda da Muralla que nos vindeiros meses pasará a ser peonil de forma definitiva

Un dos mellores exemplos témolo en Lugo. Alí na mañá do domingo 22 de setembro cortarase o tráfico na zona da Mosqueira, un dos treitos da Rolda da Muralla que nos vindeiros meses pasará a ser peonil de forma definitiva, converténdose nunha praza anexa ao monumento máis importante da cidade. A proposta foi levada ao pleno polo BNG xa no ano 2016, e aprobada por unanimidade. Os nacionalistas levaban o seu impulso como un dos puntos principais do seu programa electoral nos comicios do mes de maio e agora o seu voceiro, Rubén Arroxo, tenente de alcalde e concelleiro encargado de mobilidade, será o encargado de levar a cabo esta reforma urbana.

Ademais desta liberación de tráfico, durante todo o domingo os autobuses urbanos serán de balde. E na propia zona da Mosqueira levaranse a cabo actividades informativas, de fomento do uso da bicicleta e mesmo con música en directo. Arroxo sinala que “é unha oportunidade para desfrutar dun Lugo onde non se precise ter a muralla rodeada por vehículos” e engade que “temos a responsabilidade de traballar para que a cidade e o seu casco histórico, ademais de ser un atractivo turístico, continúe sendo un espazo habitado no que lucenses e visitantes conflúan”.

 

Ourense

Ourense quere impulsar unha gran praza peonil contorna do Parque de San Lázaro

En Ourense tamén se levarán a cabo cortes de rúas ao longo desta semana. O goberno local fixo este anuncio ao tempo que informaba de que está a estudar distintas iniciativas para avanzar na peonalización de amplas zonas do centro da cidade. Por exemplo, quere impulsar unha gran praza peonil contorna do Parque de San Lázaro, abranguendo o espazo entre Subdelegación do Goberno, e as rúas La Habana e Valle Inclán, unha área que quedaría unida á rúa do Paseo e ao propio Casco Vello. 

O concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, afirma que a peonalización da rúa Concordia será "inmediata", uníndose ás tamén peonís Xaquín Lorenzo Fernández o Cardenal Quevedo. Así mesmo, o Goberno local asegura que aposta por impulsar as zonas 30 (coa circulación limitada a 30 km/h) en moitas áreas da cidade.

A zona da Mosqueira, en Lugo, será peonil nos vindeiros meses, como amosa esta recreación © BNG
Parque de San Lázaro, en Ourense © Turgalicia

A Coruña

A Coruña quere recuperar o carril-bus que foi suprimido polo PP no ano 2011 e  implantar novos 'carrís brandos' que poidan compartir autobuses e bicicletas

Na Coruña pechouse xa ao tráfico un pequeno treito da Avenida da Mariña, á altura do Obelisco. Alí durante toda esta Semana da Mobilidade levaranse a cabo un gran número de actividades informativas e de sensibilización, para animar a cidadanía a optar polo transporte público e desprazarse a pé ou en bicicleta, co obxectivo de “devolverlle a cidade ao peón para que sexa o centro da mobilidade na cidade", segundo declarou a alcaldesa Inés Rey.

A rexedora afirmou a intención do seu Goberno de recuperar o carril-bus que foi suprimido polo PP no ano 2011 e de implantar novos carrís brandos que poidan compartir autobuses e bicicletas. Ademais, na entrada de varios colexios públicos instaláronse xardineiras nas prazas de aparcamento para coches, mellorando así a seguridade para os nenos e nenas no momento de entrar e saír da escola.

Presentación da 'Semana da Mobilidade' na Coruña © Concello da Coruña

Vigo

En Vigo e Pontevedra convócase unha 'marcha pola mobilidade' para demandar unha 'vía verde' entre as dúas cidades

Na cidade olívica, coincidindo coa Semana da Mobilidade, as asociacións A Golpe de Pedal e Pedaladas convocan un ano máis a 'marcha pola mobilidade', na que lle reclaman ás distintas administracións unha vía verde que conecte Vigo e Pontevedra. Este tipo de camiños son moi habituais en toda España e aproveitan os antigos trazados ferroviarios sen uso na actualidade para conformar vías de uso ciclista e peonil.

A marcha partirá ás 9 horas dende a Porta do Sol de Vigo, e ás 10 horas dende a Praza de España de Pontevedra. O encontro entre ambas as dúas columnas será ás 11:30 horas en Arcade. Dende alí levarase a cabo unha marcha a pé pola vía do tren que chegará ás 13:30 horas a Figueirido.

Marcha pola 'Vía Verde' entre Vigo e Pontevedra © A golpe de pedal

Compostela

En Santiago a Semana da Mobilidade rematará o domingo 22 de setembro cunha xornada dedicada á bicicleta, que se celebrará na Alameda a partir das 10 horas e que incluirá dúas rutas ciclistas. Ademais, ao longo da semana haberá actividades nos centros escolares. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, destacou que as actividades buscan "facer fincapé na busca de modos de desprazamento sostibles e respectuosos co medio ambiente, buscando a redución de gases contaminantes e mellorando a calidade do aire que respiramos".

 

Outras localidades

Carballo programou un gran número de actividades de fomento da mobilidade alternativa ao coche

As actividades pola Semana da Mobilidade non se limitan ás cidades. Carballo participa por cuarto ano consecutivo nesta iniciativa, cun amplo programa de actividades nas que colaboran entidades veciñais e de fomento da bicicleta, entre outras. Ao longo desta semana haberá rutas en bicicleta, circuítos de seguridade viaria, andainas, xogos na rúa, xogos inclusivos... Ademais, levarase á cabo o bicibús coa colaboración do Club Ciclista Carballo e coa participación dos catro colexios de primaria da zona urbana e o Artai. Cada día da semana o alumnado que o desexe poderá ir ao cole en bicicleta  acompañado por voluntarios do Club Ciclista, Policía Local e Protección Civil, que sacará á rúa a súa unidade ciclista.

O Goberno local de Ames propón unha liña de autobús nocturna que una o centro de Santiago con Bertamiráns e Milladoiro

En Ames, o Goberno local propuxo este luns a creación dunha liña de autobús nocturna con parada segura que una o concello co centro de Santiago nas fins de semana. A ruta sería circular Bertamiráns–O Milladoiro–Rúa da Rosa, comezando ás 23:30 con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas da madrugada.

Finalmente, Pontevedra participa estes días na illa de Madeira na Semana da Mobilidade do Funchal. Alí a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías falará sobre "a visión estratéxica de Pontevedra diante dos desafíos da mobilidade". Nestas xornadas, Pontevedra foi escollida canda a Lisboa como exemplos: "dúas cidades que son unha referencia europea en termos de mobilidade".

Autobús nas rúas de Bertamiráns © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.