Os atropelos e accidentes nas vías urbanas aumentan a súa frecuencia e mortalidade en Galicia

Tan só en Vigo cinco persoas foron atropeladas nas últimas semanas CC-BY-SA Daniel Rivas

A pasada semana unha muller de 80 anos morreu atropelada nas rúas de Vigo, tralo impacto dun ciclomotor. Este tipo de sucesos prodúcense con frecuencia nas cidades e vilas galegas, con resultados mortais, coma neste caso, ou cando menos provocando feridas nos peóns e condutores accidentados. Tan só en Vigo cinco persoas foron atropeladas nas últimas semanas. 

Tan só en Vigo cinco persoas foron atropeladas nas últimas semanas

Nos últimos anos o número de accidentes en vías interurbanas mantén unha tendencia descendente en Galicia. Entre o ano 2001 e o 2011 o número de sinistros pasou de 4.614 a 2.666 e dende entón a cifra mantívose estable, cunha leve tendencia a aumentar (2.859 no 2017, derradeiro ano con datos galegos). Tamén descendeu notablemente o número de mortes nas estradas, pasando de 218 no ano 2008 ata as 85 no 2017, menos da metade.

Pola contra, a sinistralidade nas vías urbanas, isto é, no interior de cidades e vilas, non fixo máis que aumentar, pasando de 600 ou 700 accidentes anuais da década pasada ata os 1.770 no ano 2017. O número de persoas falecidas cada ano nestes accidentes, que caera dende as 48 do ano 2008 ata as 17 do 2014, experimenta dende entón unha suba moi importante, ata chegar ás 32 mortes no ano 2017.

A sinistralidade nas vías urbanas non fixo máis que aumentar nos últimos anos, pasando de 600 ou 700 accidentes anuais ata os 1.770 no ano 2017

Entre os máis prexudicados por estes sinistros están os peóns, os máis febles entre todos os usuarios das vías públicas. Non contamos con datos actualizados sobre o número de atropelos que se producen anualmente en Galicia, pero as cifras as nivel estatal amosan un claro crecemento nos últimos anos. Dos ao redor de 10.000 atropelos anuais que se producían entre o 2008 e o 2012 pasamos a cifras que roldan os superan os 14.000. 

As cifras de peóns falecidos nestes atropelos, que descenderan notablemente nas décadas anteriores (das 500 mortes anuais nos anos 90 pasouse ás 222 do ano 2011, o mínimo histórico. Porén, nos últimos anos tamén este indicador está a experimentar un crecemento, chegando aos 250 falecementos nos anos 2016 e 2017.

O Executivo prometeu que o actual límite xenérico de 50 km/h sería reducido a 30 km/h nas rúas dun só carril por sentido, e a 20 km/h naquelas vías de plataforma única

Nos últimos meses o Goberno central anunciou a aprobación dun amplo conxunto de medidas que buscan reducir a sinistralidade viaria. O pasado mes de decembro xa aprobou a redución do límite máximo de velocidade de 100 a 90 km/h nas estradas convencionais dun carril por sentido. Porén, o resto de medidas enfócanse sobre todo a reducir os accidentes e mortes nas vías urbanas. O Executivo prometeu que o actual límite xenérico de 50 km/h sería reducido a 30 km/h nas rúas dun só carril por sentido, e a 20 km/h naquelas vías de plataforma única, é dicir, sen diferenza de nivel entre a calzada e a beirarrúa. Só se mantería o actual límite de 50 km/h nas rúas que teñan dous carrís por cada sentido da circulación.

Segundo as estatísticas da DGT, unha parte importante das vítimas destes atropelos son as persoas de máis idade e tamén os nenos e nenas e mozos e mozas. Os menores de 24 anos suman o 24% dos sinistros e os maiores de 65 representan o 27% dos atropelados. En conxunto, estes dous grupos de idade suman máis da metade dos atropelos que se producen. 

Os menores de 24 anos suman o 24% dos sinistros e os maiores de 65 representan o 27% dos atropelados

A DGT tamén recolle os datos sobre as infraccións cometidas por peóns e condutores. No caso dos peóns que foron atropelados no ano 2017, tres de cada catro non fixera nada incorrectamente, sendo a infracción máis habitual o feito de cruzar por un lugar onde non existía paso de peóns. As porcentaxe de peóns infractores crece se observamos unicamente os sinistros nos que o atropelo provocou a morte do viandante. Nestes casos, o 31% non cruzara polo paso de peóns, un 11% non respectara o semáforo e un 8% marchaba pola calzada de maneira antirregulamentaria. Tan só o 48% dos falecidos e falecidas non cometera infracción ningunha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.