Aumenta o número de peóns, ciclistas e motociclistas vítimas de accidentes de tráfico

Evolución do número de feridos/as leves en Galicia Dominio Público Praza Pública

Os usuarios e usuarias máis desprotexidos nas estradas e rúas galegas -peóns, ciclistas e motociclistas- foron vítimas en 2015 de máis accidentes de tráfico, segundo os datos desagregados achegados pola DGT. No conxunto do ano faleceron 3 ciclistas, 3 condutores/as de ciclomotores, 16 condutores/as de motocicletas e 32 peóns, unhas cifras semellantes -con leves variacións- ás de 2014 e 2013. Porén, onde si se observa de forma clara este incremento da sinistralidade é no número de persoas feridas, tanto de carácter leve como aquelas que necesitaron ser hospitalizadas.

O número de viandantes que resultaron feridos e feridas de consideración pasou dos 116 de 2013, aos 144 de 2014 e aos 176 de 2015. De igual xeito, a cifra de peóns feridos e feridas leves incrementouse dende os 291 de 2013 ata os 346 de 2014, chegando a 539 en 2015.

Unha análise semellante, aínda que con ascensos menores, pode facerse para os condutores e condutoras de bicicletas, ciclomotores e motocicletas. No caso das motocicletas, o número de feridos e feridas leves elevouse de 302 a 463 nun ano e o de feridos e feridas hospitalizadas de 119 a 135. 

Debullando os datos polo miúdo, obsérvase que os e as peóns son as principais vítimas de accidentes de tráfico nas vías urbanas galegas, nas que en 2015 morreron atropelados e atropeladas 16 viandantes (sobre un total de 21 vítimas mortais neste ámbito para calquera tipo de vehículo). Cómpre salientar, igualmente, que o número de peóns hospitalizados por atropelos (122) amosa un claro ascenso nos dous últimos anos. Tamén é moi importante a cifra de ciclistas (10) e condutores de ciclomotores (19) e motocicletas (52) que foron hospitalizados e hospitalizadas por accidentes en vías urbanas, comparable ao número de condutores ou pasaxeiros de turismos (38) que tamén tiveron que ser atendidos e atendidas por feridas de consideración. En vías interurbanas, no entanto, os e as ocupantes de turismo vítimas de accidentes de tráfico seguen a ser a maioría, aínda que tamén neste ámbito se observa un repunte na cantidade de ciclistas e motociclistas feridos e feridas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.