Dende o 2011 o número de accidentes de tráfico con vítimas medrou un 40% en Galicia

Centro urbano de Vigo CC-BY-SA Hombre DHojalata

Na década dos 90 máis de medio milleiro de persoas morrían todos os anos en Galicia en accidente de tráfico. As maiores medidas de control e sanción postas en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico, xunto coas melloras na rede viaria e no parque de vehículos fixeron na actualidade esa cifra supere por pouco o cento de falecementos. Porén, a realidade é que dende o ano 2013 o número de mortes deixou de descender e que mesmo se incrementou notablemente nas vías urbanas, pasando de 17 a 32.

Este martes entra en vigor a redución do límite de velocidade de 100 a 90 km/h nas estradas convencionais

De igual xeito,  as estatísticas da DXT revelan que o número de accidentes con vítimas (persoas mortas ou feridas) aumenta sen parar dende o 2011 en Galicia. Dos 3.231 sinistros con vítimas dese ano pasouse ás 4.629 de 2017, un crecemento de máis do 40%.

En resposta, o Goberno central prepara a aprobación dun amplo conxunto de medidas que buscan reducir a sinistralidade viaria. A primeira delas, a redución do límite máximo de velocidade de 100 a 90 km/h nas estradas convencionais dun carril por sentido, foi xa aprobada o pasado 28 de decembro e entrará en vigor este martes Estas vías son as que rexistran un maior número de mortes cada ano. Nas últimas semanas centos de sinais foron substituídos en Galicia (309 só na Rede Estatal de estradas, ás que hai que sumar os das redes galega, provinciais e locais.

Nas vías urbanas o actual límite xenérico de 50 km/h será reducido a 30 km/h nas rúas dun só carril por sentido, e a 20 km/h naquelas vías de plataforma única

O segundo gran cambio afectará á circulación polas vías urbanas. No mes de xullo o actual límite xenérico de 50 km/h será reducido a 30 km/h nas rúas dun só carril por sentido, e a 20 km/h naquelas vías de plataforma única, é dicir, sen diferenza de nivel entre a calzada e a beirarrúa. Só se manterá o actual límite de 50 km/h nas rúas que teñan dous carrís por cada sentido da circulación. Algunhas cidades, como Pontevedra (que de forma pioneira a implantou no ano 2010), xa contaban con esta limitación a 30 km/h.

O número de accidentes co vítimas en Galicia medrou un 40% dende o ano 2011

Así, se un vehículo circula entre 31 e 50 km/h nunha vía urbana (o entre 21 e 40 km/h nunha de plataforma única), o seu condutor ou condutora será multado con 100 euros, que serán entre 300 e 600 se se superan os 50 (ou 40) Km/h, perdendo ademais entre 2 e 6 puntos do seu carné.

Esta medida busca reducir as cifras de accidentes e mortes nas vías urbanas, que foron as que máis se incrementaron nos últimos anos. Dos 565 accidentes con vítimas que houbera en Galicia en 2011, pasouse a 1.770 en 2017, máis do triplo. Un total de 32 persoas mortas, 320 feridas graves e 2.134 feridas leves nun ano no noso país.

Esta medida busca protexer aos usuarios e usuarias das vías públicas máis vulnerables: péons (sobre todo anciáns/ás e nenos/as), ciclistas e motoristas. A falta de contar con datos galegos actualizados, as estatísticas para o conxunto de España amosan que na última década o número de peóns mortos en atropelos se mantén estable ao redor dos 250, pero a cifra de feridos non deixa de aumentar, pasando de 9.602 (2007) a 13.507 (2017). 

Nas vías urbanas, dos 565 accidentes con vítimas que houbera en Galicia en 2011, pasouse a 1.770 en 2017

De igual xeito, o número de ciclistas mortos nas vías urbanas (29 en 2017) supón xa o 10% do total de falecidos en accidente de tráfico nestas vías. Unha proporción semellante á que representan os 356 ciclistas feridos graves nas vías urbanas e os 5.001 feridos leves.

En relación coa circulación en vías urbanas, regúlase así mesmo a circulación con patinetes eléctircos, segways e demais vehículos de mobilidade persoal, que dende hai pouco comezan a inzar as nosas cidades. Todos aqueles que superen os 6 km/h (a gran maioría) terán prohibida a súa circulación polas beirarrúas e deberán empregar a calzada e os carrís-bici. Os que ademais superen os 25-30 quilómetros por hora non poderán empregar os carrís-bici.

 

Aumento do 4% no orzamento para conservación de estradas

Coincidindo coa entrada en vigor, este martes, da nova limitación a 90 km/h, o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, anunciou este luns que o Ministerio de Fomento investirá este ano 56,7 millóns de euros en tarefas de mantemento e conservación de estradas en Galicia, un 4% máis que no 2018. Ademais, detallou que nas últimas semanas 309 sinais de limitación de velocidade a 100 km/h foron substituídas por outras tantas de 90 km/h nun total de 1.480 quilómetros de vías estatais afectadas por esta medida no territorio galego.

Javier Losada, nun dos cambios de sinais, preto de Betanzos © Delegación do Goberno

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.