Radiografía da natalidade: oito concellos sen nacementos e cada vez máis nais estranxeiras

En oito concellos non houbo ningún nacemento en 2024: A Teixeira, Baños de Molgas, Beariz, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, O Bolo, Porqueira e Sarreaus, todos na provincia de Ourense ©

En oito concellos non houbo ningún nacemento en 2024: A Teixeira, Baños de Molgas, Beariz, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, O Bolo, Porqueira e Sarreaus, todos na provincia de Ourense

2024 volveu ser o ano con menos nacementos en Galicia na serie histórica que comeza en 1975, aínda que os datos que coñecemos dos nove primeiros meses de 2025 semellan apuntar a un cambio de tendencia. En calquera caso o pasado ano naceron menos nenas e nenos ca nunca (13.350), un descenso xeralizado que, coma sempre, afecta de forma diferente ás distintas zonas de Galicia.

As sete cidades concentran máis de catro de cada dez nacementos, cun descenso moi leve da cifra total en relación aos datos de 2023. Oleiros, Ames, Narón ou Vilagarcía, con ao redor de 200 nacementos anuais, amosan unha taxa de natalidade mesmo superior ás urbes. 

Pola contra, na Galicia rural e máis envellecida as cifras de nacementos son moito máis cativas e, un ano máis atopamos un grupo de concellos que non rexistraron ningún. Trátase da Teixeira, Baños de Molgas, Beariz, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, O Bolo, Porqueira e Sarreaus, todos eles na provincia de Ourense.

Chama a atención, especialmente, o caso da Teixeira, sen nacementos dende o ano 2018

Chama a atención, especialmente, o caso da Teixeira, sen nacementos dende o ano 2018. Con todo, tamén na Galicia rural hai exemplos de localidades que si están a rexistrar taxas de natalidade elevadas, como destacabamos nesta reportaxe

Larouco, con 437 habitantes, suma 13 nacementos nos últimos carto anos con datos (de 2021 a 2024). Lourenzá (2.098 habitantes) leva unha media de máis de 12 nacementos por ano dende o 2019. O mesmo sucede en Meira (1.756 habitantes), con 14 e 12 nacementos nos últimos dous anos. Ou Verea (955 habitantes), con 23 nacementos nos últimos catro anos. Curtis, O Rosal, Triacastela, Láncara... son outros exemplos de localidades fóra da zona urbana que nos últimos tempos veñen rexistrando un número elevado de nacementos. 

Ata 1990 no 70% dos nacementos as nais non chegaban aos 30 anos e na actualidade, en cambio, no 80% dos casos as nais superan esa idade

Botando a vista cara atrás, ademais, resulta evidente que veñen mudando as condicións sociais nas que se producen os nacementos, comezando polo incremento da idade media de nais e pais. Ata 1990 no 70% dos nacementos as nais non chegaban aos 30 anos e na actualidade, en cambio, no 80% dos casos as nais superan esa idade. 

De igual xeito, os nacementos de nais maiores de 40 anos, ata hai un par de décadas moi escasos, hoxe superan o 16% do total. Así mesmo, o grupo de idade máis habitual para ser nai é o de 35 a 39 anos (33% dos casos), por riba do de 30 a 34 anos (31%).

Nos últimos dous anos asistimos a un cambio de tendencia no que aumentan os partos de nais menores de 30 anos

Iso si, nos últimos dous anos estamos asistindo a un cambio de tendencia leve pero significativo no que están a aumentar os partos de nais menores de 30 anos, que pasaron do 20% en 2022 ao 22% en 2024. O pasado ano tamén diminuiu por primeira vez en varias décadas o peso relativo dos partos de nais maiores de 40 anos. 

Os partos de nai estranxeira significan o 16% do total en Galicia (eran o 10% no ano 2020) e no caso das nais nacidas no estranxeiro a proporción elevouse ao 24% (era o 17% catro anos antes)

A tendencia que si resulta moi clara á vista dos datos dos últimos anos é a do incremento en Galicia dos nacementos nos que a nai é estranxeira ou naceu no estranxeiro. 

No ano 2024 os partos de nai estranxeira significaron o 16% do total en Galicia (eran o 10% no ano 2020) e no caso das nais nacidas no estranxeiro a proporción elevouse ao 24% (era o 17% catro anos antes).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.