Entre o 2014 e o 2024 o número de nenos e nenas entre 0 e 4 anos nas sete cidades galegas pasou de 42.375 a 29.490, case trece mil menos, un 30% menos
A caída da natalidade e o envellecemento da poboación é un problema que afecta de forma importante a toda Galicia. Por suposto aos concellos máis rurais (con algunhas excepcións), pero tamén ás cidades. De feito, entre o 2014 e o 2024 o número de nenos e nenas entre 0 e 4 anos nas sete cidades galegas pasou de 42.375 a 29.490, case trece mil menos, un 30% menos.
A caída afecta a todas as urbes case por igual, cun descenso algo máis grande en Pontevedra (-35%) e Vigo, Ourense e Ferrol (-32%) e algo menor na Coruña (-27%).
Na Galicia urbana as crianzas ata os 4 anos representan ao redor do 3% da poboación, con valores máis elevados en Lugo (3,18%), Santiago (3,11%), Pontevedra (3,07) e A Coruña (3,02%) e máis baixos en Ferrol (2,46%), Ourense (2,8%) e Vigo (2,92%).
A caída afecta a todas as urbes case por igual, cun descenso algo máis grande en Pontevedra (-35%) e Vigo, Ourense e Ferrol (-32%) e algo menor na Coruña (-27%)
Ademais, dentro das urbes a diminución da poboación infantil tamén é xeralizada, con descensos en case todos os barrios. Porén, hai algúns puntos que en parte escapan a esta dinámica. Son sobre todo barrios e rúas nos que nos últimos anos houbo construción de vivendas, o que empurrou a moitas parellas novas a se mudar a estes lugares. E, igualmente, algunhas zonas cunha porcentaxe importante de poboación inmigrante, que chega con nenos e nenas acabadas de nacer ou que nacen xa nestes barrios.
Hai uns días o IGE publicou unha actualización do Panorama dos sete grandes concellos, con información do ano 2024. Nesta publicación inclúense un gran número de datos sobre a poboación residente en cada sección e distrito censual das cidades galegas, o que permite trazar un perfil dos distintos barrios da Galicia urbana.
Na Galicia urbana as crianzas ata os 4 anos representan ao redor do 3% da poboación, con valores máis elevados en Lugo (3,18%), Santiago (3,11%), Pontevedra (3,07) e A Coruña (3,02%) e máis baixos en Ferrol (2,46%), Ourense (2,8%) e Vigo (2,92%)
No que atinxe en concreto á poboación infantil, o panorama xeral é dun importante descenso en practicamente todas as zonas. De feito, son moi escasas as excepcións, os lugares nos que o número de nenos e nenas ata catro anos aumentou ou mesmo se mantivo.
Distritos da Coruña (en Novo Mesoiro e Xuxán), Vigo (no centro da cidade) e Lugo (nos distritos da Milagrosa e das Fontiñas e Fingoi) presentan as meirandes porcentaxes de poboación infantil, con cifras entre o 3,5% a o 4%. En máis da metade dos barrios das urbes galegas, en cambio, a proporción baixa do 3%.
Hai algúns puntos que en parte escapan a esta dinámica. Son sobre todo barrios nos que houbo construción de vivendas, o que empurrou a moitas parellas novas a se mudar a estes lugares. E, igualmente, zonas cunha porcentaxe importante de poboación inmigrante
De todos os distritos urbanos, tan só en tres a porcentaxe de poboación infantil medrou entre 2019 e 2024. Trátase dos distrito 6 e 9 de Lugo, maioritariamente rurais e con cifras moi baixas de nenos e nenas; e do distrito 8 de Ferrol, de características semellantes. Noutros oito distritos os descensos foron relativamente pequenos, por debaixo do 10%. Destes, destaca o distrito 5 de Ferrol, que abrangue o barrio de Canido, o único destes distritos cunha porcentaxe de nenos e nenas por riba do 3%.
Entre os distritos nos que máis descendeu a poboación infantil están, paradoxalmente, algúns dos máis novos de Galicia, que rexistraban hai cinco anos cifras moi elevadas de nenos e nenas de 0 a 4 anos, que agora descenderon de forma abrupta. É o caso de Novo Mesoiro, na Coruña, que segue a ser o que presenta unha maior proporción de nenos e nenas pequenas (4,06%), pero con valores moi afastados dos que presentaba en 2014 (11,1%) ou 2019 (7,46%).
Porén, se se afonda un chisco na análise e se observan as seccións censuais, de moito menor tamaño, obsérvanse algunhas zonas nas cidades que seguen a destacar pola súa elevada natalidade e polo número elevado de nenos e nenas entre 0 e 4 anos. Repasamos algúns deles, cidade por cidade.
A Coruña
Distritos da Coruña (en Novo Mesoiro e Xuxán), Vigo (no centro da cidade) e Lugo (nos distritos da Milagrosa e das Fontiñas e Fingoi) presentan as meirandes porcentaxes de poboación infantil
Na Coruña hai dous tipos de zonas que destacan pola elevada presenza de poboación infantil. Por unha banda, están os barrios de nova creación, é dicir, construídos en tempos recentes e aos que foi vivir unha poboación nova, entre os 20 e os 40 anos. Por exemplo Novo Mesoiro, o novo barrio de Xuxán (5,22%) ou a contorna da Fábrica de Tabacos ou de As Lagoas, con moitos edificios de nova construción (4,78% e 4,43%). Hai exemplos tamén na contorna de Zalaeta, Labañou ou a rúa Fernando Macías.
Porén, aparecen tamén outro tipo de zonas, en barrios populares, nos que a natalidade é elevada (e mesmo aumenta nos últimos anos), debido principalmente á chegada de poboación inmigrante. Por exemplo, na sección situada no cruzamento da Avenida de Arteixo e a Rolda de Nelle, entre a Sagrada Familia e os Mallos, o número de nenos e nenas de 0 a 4 anos pasou de 43 a 58 dende o 2019.
Vigo
En Vigo non hai zonas tan marcadas ou, máis ben, son moitas as seccións que destacan pola elevada presenza de crianzas ata os catro anos en distintos punos da cidade. Hai que salientar, por exemplo, a contorna da estación de Guixar, no Areal, que pasou de 50 a 88 nenos e nenas de 0 a 4 anos dende o 2019 e unha porcentaxe que rolda o 5%.
Tamén destacan áreas do Calvario ou do barrio de Navia, aínda que neste último caso sucede como no Novo Mesoiro coruñés que a cifra de crianzas, aínda que se se mantén elevada, descende notablemente na última década.
Santiago
En Santiago destacan, principalmente, varias seccións no sur da cidade, en Santa Marta (chegando ao 6,36% nunha das seccións), Cornes, Conxo e o Castiñeiriño, con porcentaxes de nenos e nenas entre 0 e 4 anos que se achegan ao 5%.
Lugo
En Lugo destacan varias seccións, tanto no norte coma no sur da cidade. No sur, cómpre salientar zonas na contorna de Fingoi, preto do campus universitario, e da Rolda das Fontiñas, con porcentaxes de nenos e nenas ata os catro anos por riba do 4%.
No norte, as seccións con máis poboación infantil son as situadas no barrio da Milagrosa, que nalgún caso se achegan ao 5% da poboación total nesas seccións.
Ourense
En Ourense hai que falar, sobre todo, de varias seccións no sur da cidade, no límite con Barbadás (A Carballeira, Mariñamansa, O Polvorín...), con proporcións de poboación de 0 a 4 anos que superan o 4%. Tamén dalgunha sección no centro da urbe, na contorna do Parque das Mercedes, que igualmente supera ese 4%, cun grande incremento de crianzas nos últimos cinco anos
Ferrol
En Ferrol, cidade envellecida que está a vivir nos últimos anos un importante cambio de tendencia, cun rechamante aumento de poboación, as seccións con máis natalidade e crianzas ata os catro anos son o barrio de Recimil (4,46% sobre a poboación total da sección), a contorna da Estación de Autobuses, a zona próxima aos Cantóns e tamén as rúas próximas ao Parque Raíña Sofía e a San Francisco. Destaca tamén, con bos datos, a zona de Catabois.
Pontevedra
Finalmente, en Pontevedra destacanb os datos dalgunha pequena sección na Parda, que pasou de 60 a 75 crianzas dende o 2019. Tamén algunha sección de maior tamaño pola Xunqueira, preto de Pasarón, o Pazo da Cultura e o campus universitario.