Mil médicos novos máis que hai tres anos, pero a profesión segue avellentada en Galicia

Evolución anual dos profesionais médicos colexiados en Galicia © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xunta

O pasado ano continuou a tendencia, iniciada hai uns anos, de incremento do número de médicos e médicas menores de 35 anos, que ten como consecuencia un progresivo (aínda que lento) rexuvenecemento do conxunto do persoal médico colexiado en Galicia

O envellecemento do persoal médico presentouse hai uns anos como un grave problema para o correcto funcionamento do sistema sanitario. No ano 2021 máis da metade dos profesionais colexiados en Galicia tiñan máis de 55 anos, cun 26% que nese momento se atopaban entre os 55 e os 64 anos e outro 13% entre os 65 e os 69; polo tanto, moi preto da súa xubilación.

O problema afectaba a todos os territorios do Estado pero era especialmente urxente en Galicia, que se situaba como unha das comunidades autónomas cun persoal máis envellecido e unha menor porcentaxe de profesionais novos. Neste contexto, reproducíanse as críticas á Xunta e ao Goberno do Estado polo atraso na adopción de medidas -como a convocatoria de máis prazas MIR- que puidese acelerar o relevo xeracional.

Esta semana publicáronse os últimos datos -correspondentes ao ano 2025- sobre colexiación sanitaria. Os indicadores amosan que o pasado ano continuou a tendencia, iniciada hai uns anos, de incremento do número de médicos e médicas menores de 35 anos, o que reflite a entrada no sistema dunha nova xeración de profesionais.

Os médicos e médicas menores de 45 anos son xa o 37,3%, tres puntos máis que no ano 2021

Son xa 3.320, douscentos máis que hai un ano e oitocentos máis que no ano 2020. Unha suba notable que unida ao crecemento dos datos da xeración seguinte -profesionais entre 35 e 44 anos- ten como consecuencia un progresivo (aínda que lento) rexuvenecemento do conxunto do persoal médico colexiado en Galicia.

En paralelo, tamén aumenta de forma moi importante o peso dos colexiados maiores de 70 anos, que supoñen xa o 17% do total, fronte ao 11,7% do ano 2021

Os médicos e médicas menores de 35 anos representan o 19,6% do total de colexiados e colexiadas, 1,2 puntos máis que hai catro anos. En conxunto, os e as menores de 45 anos son xa o 37,3%, tres puntos máis que no ano 2021.

En paralelo, tamén aumenta de forma moi importante o peso dos colexiados maiores de 70 anos, que supoñen xa o 17% do total, fronte ao 11,7% do ano 2021.

Galicia mantense, con todo, entre as comunidades autónomas cun persoal médico máis envellecido

Galicia mantense, con todo, entre as comunidades autónomas cun persoal médico máis envellecido. Apenas o 50,9% dos colexiados e colexiadas teñen menos de 55 anos, unha porcentaxe que só mellora os datos de Asturias, Castela e León e Aragón. No outro extremo hai territorios como Madrid, Murcia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares e Canarias que se achegan ao 60%.

Apenas o 50,9% dos colexiados teñen menos de 55 anos, unha porcentaxe que só mellora os datos de Asturias, Castela e León e Aragón

O derradeiro gráfico amosa a distribución por idades dos profesionais en cada comunidade autónoma. Galicia é a terceira con menos médicos menores de 35 anos, aínda que as súas cifras melloran no grupo de idade seguinte, entre 35 e 44 anos.

En Murcia e Madrid ao redor do 44% dos médicos e médicas teñen 45 anos ou menos, fronte ao 33% dos territorios máis envellecidos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.