O furto dun lapis de ollos de 3,50 euros nun Mercadona de Ourense acaba mobilizando 3 xuíces e a Fiscalía

Mercadona da avenida de Santiago, en Ourense, onde ocorreron os feitos © Google

A Audiencia Provincial de Ourense anula un primeiro xuízo que absolvera a unha muller nun xuízo rápido por delito leve e ordena repetir a vista un ano despois

A Audiencia Provincial de Ourense vén de facer pública unha sentenza que pode arroxar luz sobre parte do colapso que sofre a administración de xustiza. Vén de decidir que se repita un xuízo contra unha muller acusada de furtar hai un ano un lapis de ollos de 3,50 euros nun Mercadona da cidade, o que suporá que no proceso interveñan cando menos tres xuíces distintos, ademais da Fiscalía, e que a resolución do caso se demore máis dun ano malia comezar como un xuízo rápido.

Xulgados de Ourense © Abogados Madrid

Segundo a sentenza, a muller foi acusada de furtar un lapis de ollos valorado en 3,50 euros no Mercadona da Avenida de Santiago da capital ourensá sobre as 15 horas do 13 de novembro do pasado ano. Foi xulgada nun xuízo inmediato sobre delitos leves e absolta por unha xuíza da praza número 3 da sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense co argumento de que "non queda acreditado" que a muller "se apoderara sen consentimento" do lapis.

Pero a Fiscalía presentou un recurso de apelación solicitando a nulidade desa sentenza absolutoria co argumento de que a xuíza non valorara axeitadamente a declaración realizada por un vixiante de seguridade. E unha maxistrada da Audiencia Provincial de Ourense vén de estimar ese recurso porque considera que efectivamente a primeira xuíza "apartouse das máximas de experiencia ao valorar a testemuña do vixiante de seguridade que sorprendeu á denunciada cando pasaba a liña de caixas sen aboar o importe" ao valorar que esa declaración era "unha mera sospeita da autoría". 

Sede da Audiencia Provincial de Ourense © Google

Así, a maxistrada da Audiencia anula a absolución e o xuízo e ordena realizar unha nova vista "que deberá presidir maxistrado distinto ao que coñeceu a presente causa". Isto é, haberá un novo xuízo máis dun ano despois do acontecido cun terceiro xuíz implicado. Por un lapis de ollos de 3,50 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.