Dous xulgados de Ourense e o TSXG emiten sentenzas sobre casos distintos en tendas distintas que revelan como empregados ata daquela ben valorados foron penalizados cando se presentaron a sindicais por esa central sindical
Dous xulgados de Ourense veñen de emitir dúas sentenzas sobre dous casos distintos de empregados de Mercadona en dúas tendas diferentes que condenan a empresa por represaliar con menos soldo a persoal previamente ben valorado cando se presentou a eleccións sindicais pola CIG. Nun dos casos a sentenza chega a dicir que houbo "claramente unha persecución cara el, polo mero feito de ser membro do comité de empresa polo sindicato CIG".
Estas sentenzas por penalizacións nos soldos, asinadas por dous xuíces distintos, súmanse a outra previa doutros tres maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que xa vincularan o despedimento dun dos traballadores coa súa presentación a eleccións sindicais pola CIG.

Un dos casos analizados pola xustiza é o dun traballador do supermercado da Valenzá que recibira valoracións moi eloxiosas dos seus superiores durante varios anos consecutivos que lle permitiron cobrar unha prima no soldo 2020, 2021 e 2022. Porén, a finais de 2022 presentouse a elección sindicais pola CIG e en 2023 a súa valoración empeorou, xa non recibiu a prima e en setembro dese ano foi despedido.
Ademais de cobrar menos do que debían, como agora constatan dous xulgados de Ourense, un dos empregados foi despedido e o TSXG obrigou a readmitilo
O traballador denunciou e o xulgado do Social número 1 de Ourense deulle a razón, condenando a empresa a readmitilo e indemnizalo con 7.000 euros por vulnerar a súa liberdade sindical. A sentenza foi recorrida pola empresa ante o TSXG, pero este ratificou a condena a finais do pasado cunha sentenza asinada por tres maxistrados que só corrixiu lixeiramente á baixa a indemnización, fixándoa en 6.500 euros porque iso fora o reclamado polo empregado. Esa sentenza do TSXG, avanzada por Praza.gal, reflectía que a empresa pedira no seu recurso revisar os feitos probados e a súa valoración, pero que non tentara desmontar expresamente a vulneración da liberdade sindical.

Lograda a anulación do despido, o traballador presentou en decembro outra demanda pola prima que deixou de cobrar en 2023 ata que foi despedido, un caso que recaeu noutro xulgado do Social distinto do anterior, agora o número 3. E tamén esta xuíza, ao analizar o caso das valoracións recibidas polo traballador que o deixaron sen a prima antes de ser despedido, considera "que o comportamento da empresa desde que ten coñecemento de que o demandante ía presentarse ás eleccións polo sindicato CIG e logo presentou demanda de despido foi vulnerador dos dereitos fundamentais".
Unha das sentezas di que houbo unha "persecución" ao traballador "polo mero feito feito de ser membro do comité de empresa polo sindicato CIG"
A xuíza reflicte que no centro de traballo "só dúas persoas do sindicato CIG son as que non superaron a avaliación, e que dos membros do comité de empresa, só membros da CIG non superaron as entrevistas e os dos demais sindicatos si as superaron, non existindo outra explicación ao comportamento da empresa co traballador que vulnerar os seus dereitos". Así que a empresa é condenada a pagarlle a prima a que tiña dereito, 4.000 euros, e outros 7.500 euros de indemnización por danos morais.
Sobre a coincidencia das vulneracións de dereitos a membros da CIG pronúnciase tamén outra sentenza sobre outro caso doutro xulgado distinto de Ourense. O Social 1, agora analizando outro caso de mala valoración e retirada da prima salarial noutra tenda da cidade, a das Lagoas, chega a dicir nunha sentenza do 3 de febreiro que houbo unha "persecución" ao traballador "polo mero feito feito de ser membro do comité de empresa polo sindicato CIG".
Neste caso o traballador recibira valoracións positivas que lle permitiron cobrar a prima en varios anos consecutivos, 2019, 2020, 2021 e 2022. "Sen embargo, unha vez que obtén o posto de membro do comité de empresa polo antedito sindicato, denégaselle no ano 2023", salienta a sentenza. O xuíz deste caso reflicte que "de 1.319 traballadores que prestan servizos na empresa nas provincias de Ourense e Pontevedra só 27 non percibiron a prima anual correspondente ao ano 2023" e "deses 27, 3 corresponden aos membros do comité de empresa nesta provincia, todos eles pertencentes ao sindicato CIG, entre eles o actor".
A sentenza conclúe considerando "acreditado que a denegación da prima obedeceu única e exclusivamente ao feito de ser o actor membro do comité de empresa polo sindicato CIG". E condena a Mercadona a pagarlle os 5.000 euros da prima e, como o caso anterior, outros 7.500 euros de indemnización por dano moral.