Mercadona é condenada por vulnerar a liberdade sindical dun traballador ao que despediu sen xustificación

Imaxe promocional de Mercadona © Mercadona

O home recibira varias valoracións eloxiosas dos seus superiores no supermercado da Valenzá pero tras involucrarse nunhas eleccións sindicais foi despedido sen que a empresa puidese dar á Xustiza "unha xustificación razoable"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que ratifica unha condena a Mercadona por vulnerar a liberdade sindical dun traballador ao que despediu sen xustificación. A xustiza considera nulo o despedimento e condena a empresa a readmitir o home no seu posto de traballo, pagarlles "os salarios deixados de percibir" e indemnizalo con 6.500 euros por "danos morais".

O TSXG ratifica así outra sentenza previa dun xulgado do Social de Ourense que o pasado decembro considerou nulo o despedimento por vulneración de dereitos fundamentais do traballador. O tribunal limítase a rebaixar a indemnización de 7.000 euros fixada pola xulgado de Ourense a 6.500 euros, contía reclamada polo denunciante.

Supermercado de Mercadona na Valenzá, a carón de Ourense, onde se produciron os feitos e sentenza do TSXG © Imaxe: Google | Montaxe: Praza Pública

Segundo os feitos probados do caso, o home viña traballando no supermercado de Mercadona da Valenzá, en Barbadás, a carón de Ourense. Foi despedido en setembro do ano pasado por supostas faltas moi graves tras recibir en meses anteriores varias avaliacións eloxiosas por parte dos seus superiores, con expresións como que era "rápido e voluntario", "involucrado nas túas tarefas" ou "é sempre o primeiro voluntario".

"Os feitos que se lle imputan ao traballador na carta de despido, ningún ten a gravidade suficiente como para ser cualificado de falta moi grave", dicía a sentenza agora avalada polo TSXG

Pero o home involucrouse nun proceso de eleccións sindicais ao que concorreu como representante da CIG e acabou despedido, cuestións que o xulgado do Social número 1 de Ourense vinculou directamente, considerando que se producira unha vulneración da liberdade sindical do traballador e polo tanto declarando nulo o seu despido. "Todos os feitos que se lle imputan ao traballador na carta de despido, ningún ten a gravidade suficiente como para ser cualificado de falta moi grave", dicía a sentenza.

Xulgados de Ourense © Abogados Madrid

Mercadona recorreu ante o TSXG e agora este ratifica a súa condena. Segundo a sentenza, a empresa pretendeu entre outras cuestións modificar os feitos probados engadindo que o traballador recibira tres valoracións negativas por cuestións como deixar o seu posto de traballo presencial nun mostrador "dando pé ás queixas de varios clientes en diferentes días", "realizar deficientemente o loncheado" dunha peza "xerando despilfarro (perdas) de 120 euros á empresa" ou "non cumprir cun encargo realizado por un cliente, ao esquecer anotar o pedido na súa libreta de encargos coa conseguinte perda de imaxe comercial para a empresa". 

"A empresa demandada non conseguiu acreditar unha xustificación razoable do despido", salienta o Tribunal Superior

Pero o TSXG rexeita ter en conta esas e outras modificacións remitíndose á valoración que fixo o xulgado do Social de Ourense e considera que ao seu ver "pretende a recorrente unha nova valoración da proba practicada máis favorable aos seus intereses".

O tribunal salienta que "a sentenza de instancia considerou que concorrían indicios da vulneración da liberdade sindical do traballador demandante, o que non foi expresamente combatido [por Mercadona] ao longo do seu escrito de recurso". "A empresa demandada non conseguiu acreditar unha xustificación razoable do despido, tal e como razoa a sentenza de instancia", incide o tribunal.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A sentenza do TSXG limítase a rebaixar a indemnización a que ten dereito o traballador. Na súa demanda só solicitaba 6.500 euros por danos morais, malia que as infraccións empresariais moi graves como esta teñen previstas sancións no seu grao mínimo de cando menos 7.501 euros, segundo lembra o tribunal. O xulgado do Social de Ourense fixara unha indemnización de 7.000 euros, pero agora o TSXG di que "dado que o demandante limitou o seu importe á cantidade de 6.500 euros, debe fixarse a indemnización en dita cantidade e inferior á sanción mínima".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.