A xustiza condena a Alu Ibérica por vulnerar o dereito de folga e a liberdade sindical na Coruña

Mobilización de persoal de Alu Ibérica durante a folga CC-BY-SA CCOO-Galicia

A Xustiza condena a Alu Ibérica por vulnerar o dereito de folga ao non permitir ao comité de folga acceder á factoría durante a protesta

A Xustiza condena a empresa Alu Ibérica por vulnerar o dereito de folga ao non permitir aos membros do comité de folga da factoría da Coruña acceder ás súas instalacións durante o mes que durou a protesta. 

A maxistrada do Xulgado do Social número 1 da Coruña responde así á demanda presentada polo propio comité de folga e tres sindicatos (CCOO, UGT e CIG) e estima o recurso ao entender que Alu Ibérica "lesionou o dereito fundamental á liberdade sindical na súa vertente de dereito á folga"

Mobilización de persoal de Alu Ibérica, ante a planta da Coruña, durante a folga CC-BY-SA CCOO-Galicia

A sentenza condena condena a empresa a abonar 6.250 euros a cada un dos sindicatos e a cada membro do comité de folga "por danos e prexuízos"

Así, a sentenza ordena "o cesamento inmediato do comportamento vulnerador dos dereitos fundamentais conculcados" pola empresa, que debe permitir ao comité de folga acceder ao centro de traballo para "poder exercer todas aquelas funcións e obrigas que lle son propias". Ademais, condena a Alu Ibérica a abonar 6.250 euros a cada un dos sindicatos e a cada membro do comité de folga "como resarcimento polos danos e prexuízos provocados". 

A sentenza, que pode ser recorrida, considera probado que a dirección de Alu Ibérica deu "instrucións expresas" aos vixilantes de seguridade da planta "para impedir o acceso dos membros do comité de folga ao centro de traballo e aos locais sindicais" desde o 26 de decembro de 2020, data de inicio da folga, ata o 26 de xaneiro de 2021, na que se suspendeu a convocatoria. 

O ditame lembra que a propia Inspección de Traballo comprobou ese veto e abriu acta de infracción, e que a compañía, a través dunha avogada, recoñeceu que se decidira esa prohibición de entrada ao comité de folga "de maneira cautelar" e para preservar a seguridade dos traballadores que non secundaban a folga logo do que Alu Ibérica definiu como "acontecementos violentos" acontecidos o 17 e 26 daquel mes de Nadal. 

A xuíza considera inxustificable a prohibición de entrada a todos os membros do comité de folga e lembra que non se puido probar que o obxectivo dalgún deles fose perturbar a actividade dos non folguistas. Ademais, advirte de que a actitude de Alu Ibérica, "prolongada no tempo, frustrou a medida de conflito colectivo pretendida polos traballadores e que constitúe a principal medida de autotutela coa que contan para a defensa dos seus dereitos cando existe un conflito colectivo". 

Mobilización de CCOO, CIG e UGT ante os xulgados contra a "represión sindical" CC-BY-SA CCOO-Galicia

"A finalidade do dereito de folga non é só garantir que o traballador poida cesar na prestación do traballo sen sanción, senón salvagardar a finalidade de presión"

"A finalidade do dereito de folga non é só garantir que o traballador poida cesar na prestación do traballo sen expoñerse a sanción (...), senon tamén salvagardar a finalidade de presión, que non de resultado, que toda folga conleva", engade a xuíza, que considera "intolerable" este tipo de condutas "dirixidas a coartar, con maior ou menor intensidade, esta capacidade de presión que é inherente a esta particular medida de conflito colectivo". 

Para a maxistrada, a decisión da empresa supuxo "unha intromisión ilexítima neste dereito fundamental [o de folga] cando impide aos membros do comité de folga execer as funcións que teñen ecomendadas". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.