Alcoa e Ignis EQT veñen de asinar un acordo de empresa conxunta (joint venture) para apoiar a continuidade do funcionamento do complexo San Cibrao, no municipio mariñao de Cervo, no que se impulsará o rearranque este mesmo ano. A multinacional explora así outra vía para continuar coa actividade na Mariña tras un novo fracaso no seu intento de atopar un comprador para as instalacións.
Alcoa e Ignis reafirman o preacordo de outono de 2024: a multinacional terá unha participación do 75% e Ignis queda co 25%
Foi hai menos dun ano, no outono de 2024, cando ambas as dúas compañías anunciaron un preacordo de cooperación estratéxica que agora vira nun acordo de empresa conxunta, vixente a partir do 31 de marzo de 2025, polo que Alcoa terá unha participación do 75% e continuará como operador xerente, á vez que Ignis EQT (accionista maioritario do Grupo Ignis, empresa enerxética con sede en España) será propietaria dunha participación do 25%.
Na operación, Alcoa achega 75 millóns de euros, mentres que Ignis EQT destina 25 para formar a empresa conxunta e financiar as operacións. Ademais, a multinacional do aluminio podería financiar ata 100 millóns de euros segundo o que necesiten as operacións cunha posición prioritaria en rendibilidades de efectivo futuras. Se se require financiamento adicional, necesítase o acordo de ambos os socios e sería compartida nun 75% pola empresa principal e nun 25% pola española.
Segundo destaca Alcoa nun comunicado, o acordo “permite o rearranque previsto da planta de aluminio de San Cibrao en 2025, un compromiso realizado en virtude do acordo de viabilidade asinado entre Alcoa e os empregados cando a actividade da planta se reduciu en 2021 debido aos exorbitantes custos enerxéticos”. Recuperaría así a actividade do aluminio primario tras tres anos parada.
Alcoa asegura que este acordo permitirá o rearranque previsto na planta para este 2025
Con todo, no pasado ano 2024, a planta de aluminio de San Cibrao rexistrou unhas perdas netas (antes de impostos) de aproximadamente 50 millóns de dólares (uns 46 millóns de euros) e un fluxo de caixa operativo negativo de aproximadamente 60 millóns de dólares (55,5 millóns de euros).
Alcoa aclara que os desembolsos netos de efectivo en 2024 cubriron a remuneración dos empregados e os custos de mantemento, mentres a planta estivo en total recorte de produción, con volumes limitados na fundición para cumprir con compromisos adquiridos con clientes.
Alcoa prevé perdas netas duns 90 millóns de euros para este exercicio na planta de San Cibrao
Baseándose en prezos recentes, a multinacional estadounidense espera rexistrar unha perda neta (antes de impostos e participacións non dominantes) para a planta de aluminio de aproximadamente entre 80 e 100 millóns de dólares (entre 74 e 92,5 millóns de euros) en 2025. Agarda tamén que o efectivo asociado utilizado nas operacións rolde entre os 90 millóns e os 110 millóns de dólares (entre 83 e 102 millóns de euros).
Os investimentos de capital necesarios para facilitar o rearranque da planta de aluminio aproxímanse aos 10 millóns de dólares (9,2 millóns de euros) e “están incluídos na guía de gastos de capital de procura de rendibilidade total e de sostemento da empresa, sen cambios, de aproximadamente 75 millóns e 625 millóns de dólares (de 69 e 578 millóns de euros), respectivamente".
“A empresa conxunta aproveitará a profunda experiencia de Alcoa na xestión de operacións globais de aluminio xunto co sólido coñecemento de Ignis EQT dos mercados enerxéticos, o acceso ao mercado e os servizos de xestión enerxética”, explica a multinacional estadounidense.
A conselleira Lorenzana celebra o acordo e cre que o investimento comprometido permite "seguir traballando e apostando pola planta"
A raíz do preacordo, “o Goberno de España e a Xunta de Galicia colaboraron de forma reflexiva e solidaria e mantiveron o seu compromiso de seguir apoiando o éxito a longo prazo do complexo”. “A empresa conxunta centrarase agora en garantir as operacións estables e sustentables do complexo de San Cibrao dentro do financiamento aprobado”, agrega.
Ante este anunciou, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerouno unha “boa noticia”. Ao seu xuízo, o acordo reforza a Alcoa tanto desde o punto de vista económico como no ámbito tecnolóxico “xa que a experiencia no sector enerxético que ten Ignis é relevante e vai achegar á fábrica de San Cibrao valor engadido”. O investimento comprometido “permitirá seguir traballando e apostando pola planta lucense”, engadiu.