Alcoa inicia o rearranque da planta na Mariña e preséntase a fondos da UE tras ameazar co peche

Instalacións de Alcoa na Mariña CC-BY-NC-SA CIG

Alcoa conectou na tarde deste luns á Rede Eléctrica Española as dúas primeiras cubas de electrólise comprometidas co persoal da planta da Mariña na reunión de seguimento do pasado venres para proceder ao rearranque da factoría que será efectivo "dentro de sete días". 

Así o comunicou o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, sobre uns traballos iniciados xa na planta de Cervo e que, segundo a representación do persoal, deberían terse iniciado xa o 15 de xaneiro para ter "marxe" de actuación no caso dalgún fallo porque, segundo di, "hai moitos sistemas que non se comprobaron". 

Cartel contra o peche de Alcoa San Cibrao nun local comercial de Burela, nunha foto de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Alcoa inicia o proceso para o rearranque da planta en San Cibrao tras anunciar que atrasaba o reinicio da actividade e ameazar con "decisións difíciles" a pouco do 18F

Estes primeiros pasos para o reinicio das cubas son clave para o cumprimento do plan de viabilidade asinado entre Alcoa e o comité, un pacto que a empresa advertiu que non cumpriría, logo de volver ameazar cun peche a pouco dunhas eleccións, anunciar o atraso no reinicio que agora leva a cabo e reclamar axuda ás administracións, un proceder habitual nas últimas convocatorias electorais en Galicia e mesmo a nivel estatal. 

O comité de empresa volveu reclamar á compañía a "aclarar realmente o que quere facer" na Mariña e a que sexan "francos" co Goberno de España e coa Xunta para "evitar máis problemas". Precisamente, o ministro de Industria, Jordi Hereu, advertiu que o Executivo central está "traballando" e pelexando "para que se cumrpan os acordos". "É evidente que o que non queremos é perder proxectos industriais neste país", dixo. 

"Quen estea disposto a liderar proxectos terá o noso apoio e quen non teña vontade de desenvolvelos, que non nos ande con lerias", advirte o ministro de Industria, Jordi Hereu

"Quen estea disposto a liderar proxectos terá o noso apoio e a quen non teña vontade de desenvolver proxectos industriais tamén lles diremos que non nos anden con lerias", aclarou o ministro antes de anunciar que o Goberno ampliará as axudas á industria electrointensiva para as compensacións por emisións de CO2 ata os 300 millóns de euros, un 25% máis que en 2023. Tamén asegurou que se manterán as subvencións contempladas no Estatuto do Consumidor Electrointensivo "ata o máximo que permite a Comisión Europea". 

Un día antes, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, asegurou que o Executivo central descartaba "neste momento" a intervención da factoría de Alcoa e pedía nunha entrevista na Cadena SER que identificase as súas necesidades para poder ser axudada. 

O ministro Jordi Hereu, na comisión de Industria no Congreso © Ministerio de Industria

Alcoa presentou a súa candidatura a fondos europeos a través do Perte de descarbonización

En canto á posibilidade de buscar un comprador, Torró tamén negou que fose o momento xa que Alcoa "presentou a solicitude ao Perte" de descarbonización e, polo tanto, a súa candidatura a optar a fondos europeos destinados á transición verde da industria. 

"Van poñer en marcha as cubas, solicitaron un Perte... Polo tanto, eu non pode estar nesa pantalla agora", dixo a secretaria de Estado, que insistiu en que o importante nesta altura é "identificar necesidades e aplicar solucións". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.