O Tribunal Supremo vén de declarar nulo o ERE que Alcoa pretendía aplicar na planta de San Cibrao, confirmando así a anulación que do expediente fixera xa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Así o confirmou este xoves o comité de empresa da factoría logo de recibir a notificación xudicial que desestima o recurso de casación interposto pola empresa e volve dar aire ao persoal no seu conflito coa multinacional do aluminio.
O Supremo ratifica a anulación do ERE que xa determinara o TSXG e dá aire ao persoal no seu conflito coa multinacional
A confirmiación por parte do Supremo da sentenza do TSXG supón que Alcoa non poida apagar as cubas de electrólise nin levar a cabo o despedimento colectivo previsto sobre un cadro de persoal que este 27 de outubro cumpriu un mes de folga indefinida pola falta de avances nas negociacións para a venda da planta. Así, e aínda que seguen a fabricar material para refundir, non deixan saír aluminio primario das instalacións da Mariña.
Foi na primavera de 2020 cando Alcoa anunciou a súa intención de pechar a súa planta de aluminio en San Cibrao e despedir 524 traballadores, nunha acción que suporía a perda de centros de empregos máis indirectos. Tras a intervención conxunta dos gobernos central e galego co acordo dos sindicatos, a empresa aceptou abrir un período de negociación cun posible comprador que evitase o peche, pero deu por fracasadas as conversas a finais de setembro de 2020 e acabou presentando un expediente de regulación de emprego (ERE) para o despedimento do seu persoal que o TSXG anulou en decembro por considerar que a empresa actuara con “mala fe” na negociación e que tiña como única intención utilizar o despedimento colectivo para poder levar a cabo o seu único obxectivo: "Apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible”.
Varias investigacións xudiciais deitan luz sobre as artimañas de Alcoa para desmantelar as súas factorías en Galicia a prezo de saldo
Case ao tempo, a Audiencia Nacional abría unha investigación pola suposta estafa comentida na venda por parte de Alcoa das súas plantas na Coruña e Avilés, primeiro por un dólar ao fondo de investimento suízo Parter, que logo as revendeu ao Grupo Riesgo por 13 millóns. Os últimos detalles das pescudas abertas sinalan que esta compañía podería ter utilizado varias sociedades interpostas para mercar criptomoedas e baleirar así as fábricas galega e asturiana.
No fondo, ambas as dúas actuacións xudiciais -a do TSXG e a da Audiencia Nacional- deitan luz sobre unha estratexia global na que Alcoa buscaría pechar as súas fábricas en Galicia, eliminar competencia e desfacerse dos traballadores da maneira máis rendible posible, utilizando os procesos de negociación de venda --consumados ou non-- só como estrataxema para atrancar calquera compra por parte dun grupo do seu sector ou impulsando a adquisición a empresas tapadeira que só colaboran na súa intención final de desmantelamento.
Coinciden as análises dos maxistrados do TSXG e da Audiencia Nacional en advertir desa posible estratexia e artimañas que levan tempo denunciando os comités de empresa de ambas factorías. E no historial de argucias das que Alcoa é acusada desde que adquiriu, a prezo de saldo, as plantas en España da empresa pública Inespal, vendida polo Goberno central de José María Aznar hai máis de vinte anos.
O comité recibe con "inmensa alegría" a nova pero lembra que o persoal ten "o mesmo problema" que hai ano e medio e pide a intervención do Goberno central
O comité recibiu a notificación do Supremo cunha "alegría inmensa", segundo destacou José Antonio Zan, presidente, quen tamén apelaba á cautela ao non coñecerse aínda o contido íntegro do ditame. "É un día de recoñecemento e recoñécese que tiñamos razón. É triste ter que levar 17 meses sufrindo un ERE que era inxusto", engadiu, tras considerar que o alto tribunal certifica que "Alcoa desde un primeiro momento actuou de mala fe, quixo enganar os traballadores e coa situación actual tería que marchar de España".
Ademais, o comité insiste en esixir ao Goberno central que "meta a SEPI dunha vez na operación e teñamos viabilidade e futuro", en referencia á intervención temporal reclamada polo persoal para unha posterior venda da planta. "É triste que o Goberno non se poña do noso lado", lamentou Zan, que pide "sentar de novo na mesa de negociación" para dar "unha saída a esta situación", tanto por parte "das administracións como da propia Alcoa".
Así, Zan insistiu en que o persoal ten "o mesmo problema" que hai ano e medio ao non garantirse aínda "a produción de aluminio e os postos de traballo" e volveu pedir a intervención do Goberno para garantir "un comprador fiable e solvente" e o futuro, ademais de reclamar investimentos e un "marco enerxético" estable e competitivo.
Desde o Goberno central, a ministra de Industria, Comercia e Turismo, Reyes Maroto, cre que o ditame é "un éxito sen precedentes tanto dos traballadores como da Xunta e o Goberno central". "Velamos polo mantemento das capacidades produtivas da planta. Agora tócalle mover ficha a Alcoa; nós seguimos coa man tendida á empresa para colaborar na busca de posibles investidores", dixo.
A ministra Reyes Maroto celebra o "éxito sen precedentes "de traballadores, Xunta e Goberno central e di que agora "tócalle mover ficha a Alcoa"
Pola Xunta, o seu vicepresidente económico, Francisco Conde, espera que "dunha vez por todas, tanto o Goberno como a empresa senten para alcanzar unha solución" e que "canto antes de poida producir esa venda", mesmo se é necesaria a intervención da SEPI que o Estado segue descartando. Mentres, Alcoa di que acata o ditame pero advirte de que a fábrica segue a ser "inviable".
Desde os sindicatos amosan tamén a súa "enorme satisfacción". A CIG entende que este "tiña que ser o resultado final de todo o periplo xudicial contra o expediente extintivo, tendo en conta a mala fe amosada pola empresa no período de negociacións, como consecuencia da interpretación máis regresiva da reforma laboral".
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "vólvese confirmar xudicialmente a razón que asiste aos traballadores e ás traballadoras na súa loita contra os despedimentos e o peche da fábrica de aluminio". "Alcoa debe tomar nota, dar un paso atrás e permitir unha solución que garanta a continuidade produtiva e de todos empregos", di.
Pola súa banda, UGT saúda a ratificación da nulidade do ERE e destaca que "a loita polo futuro de Alcoa non remata aquí". "Entre todos hai que seguir traballando polo futuro da factoría e as administracións deben implicarse e coordinarse na busca dunha saída para unha fábrica que si ten futuro e que achega o 30% do PIB da provincia", destacou o sindicato.