A compañía británica Liberty House, interesada en mercar todo o complexo de Alcoa en San Cibrao

Planta de aluminio de Liberty House Group en Dunquerque (Francia) © Liberty House Group

A compañía británica Liberty House Group é a interesada en adquirir as plantas de Alcoa en San Cibrao, segundo revelou este xoves o comité de empresa. A multinacional do metal buscaría mercar tanto a planta de aluminio que está ameazada de peche (cun ERE para 534 traballadores) como a planta de alúmina. Porén, segundo indican os representantes dos traballadores, Alcoa só está interesada en vende a planta de aluminio e, ademais, teima en facelo coas cubas paradas, unha medida á que o persoal se segue negando.

Esta multinacional do metal buscaría mercar tanto a planta de aluminio que está ameazada de peche (cun ERE para 534 traballadores) como a planta de alúmina. Porén, Alcoa só desexa vender a primeira

Liberty House Group non é un fondo de investimento, senón que hai anos que se dedica á produción de materias primas metálicas (nomeadamente aluminio e aceiro). Conta con 30.000 traballadores en máis de 30 países, e posúe plantas de aluminio en Escocia e Francia e de aceiro nos Estados Unidos, India, Chequia, Romanía, Australia, Italia, Bélxica, Macedonia ou Reino Unido.

Nos últimos anos levou a cabo numerosas adquisicións de plantas e empresas en todo o planeta e, de feito, durante o pasado ano foi unha das compañías interesadas en mercar as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés, coas que finalmente se fixo o fondo de investimento suízo Parter, en primeira instancia. Ademais, no ano 2019 fíxose con varias plantas siderúrxicas de ArcelorMittal. 

Á dereita, Sanjeev Gupta, propietario de Liberty, xunto co ministro escocés de Economía CC-BY-SA Scottish Government

O Financial Times salienta as "dúbidas" que pairan sobre o suposto éxito empresarial de Liberty House nos últimos anos, entre críticas pola opacidade financeira da compañía

Con todo, tamén as actividades de Liberty House Group (integrado con outras compañías na GFG Alliance) xerán dúbidas entre algúns analistas. O grupo é propiedade de Sanjeev Gupta, empresario nacido na India en 1971 e que fundou a compañía en 1992. Este perfil publicado polo Financial Times debulla o seu éxito empresarial nos últimos anos, as numerosas adquisicións de compañías e plantas con dificultades, pero tamén destaca as dúbidas que pairan sobre ese suposto "éxito", entre falta de transparencia, denuncias de traballadores, irregularidades nalgunhas das entidades financeiras que posúe e queixas dalgúns prestamistas.

Neste senso o Financial Times destaca que "tras o ascenso de Gupta hai un aparente don para converter en ouro o que antes era só óxido". Porén, indica que "o financiamento creativo conseguiu desbloquear efectivo para investimentos e para as operacións do día a día en compañías que decote necesitan reformas", ao tempo que se "minimiza cantos cartos ten que achegar GFG", sinalando que se producen continuos transvases de fondos dunhas compañías a outras para solucionar problemas de liquidez entre acusacións de opacidade.

O comité de empresa de Alcoa convocou para este venres unha concentración familiar nocturna na Praza do Obradoiro de Compostela baixo o lema 'A Mariña sálvase loitando'

Nos últimos días o comité de empresa de Alcoa manifestara o seu optimismo pola presenza deste posible comprador, cuxa identidade non foi coñecida ata este xoves, e pedíralle á Xunta de Galicia que verificase a súa existencia e fiabilidade. Tamén esixían contar coa posible oferta por escrito e a garantía de que se ía deter o Expediente de Regulación de Emprego presentada. Alcoa ampliou ata o vindeiro 4 de agosto o período de consultas do ERE. Pola súa banda, este mércores o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, instou á Xunta a "remar todos xuntos" para protexer o complexo industrial de San Cibrao.

Mentres, o comité de empresa de Alcoa convocou para este venres unha concentración familiar nocturna na Praza do Obradoiro de Compostela baixo o lema 'A Mariña sálvase loitando'. A convocatoria será ás dez e media da noite e convídase a todas as persoas participantes a portar algún tipo de elemento luminoso para alumear a praza, ademais do chaleco de Alcoa ou chaqueta de traballo e do casco.

Mobilización nocturna de persoal de Alcoa e veciñanza contra os despedimentos CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.