A Dirección Xeral de Patrimonio Natural advertiu de que o depósito de residuos perigosos requirirá de "mantemento activo" de "maneira indefinida", pero a Consellería de Economía e Industria limita a 30 anos a responsabilidade da empresa
A balsa de residuos perigosos de 100 metros de altura que Alcoa ten en Xove, a carón da súa fábrica, requirirá dun "mantemento activo sine die" e "de maneira indefinida", segundo estableceu hai uns meses a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta. Malia esa constatación, a Consellería de Economía e Industria vén de autorizar este martes, ás dez menos dez da noite, a súa ampliación con outros catro metros máis de altura. Faino remitindo as actuacións de control que habería que realizar no depósito se Alcoa pecha a un futuro "proxecto de peche" que debería presentar a empresa "no momento de finalizar a explotación da balsa e solicitar a súa clausura".

Os lodos ou barros vermellos froito da transformación da bauxita en alumina que se fai na fábrica de Alcoa de San Cibrao veñen acumulándose desde hai catro décadas nunha balsa construída nun antigo val ao noroeste da instalación industrial, xa no concello de Xove. A base desa balsa sitúase a uns dez metros sobre o nivel do mar, pero a súa altura foi aumentando progresivamente para dar cabida a cada vez máis residuos. Primeiro construíuse ata a cota 26, cuns 15 metros de altura, pero en 1986 xa acadou a cota dos 64 metros, en 1995 elaborouse un novo proxecto para elevala ata a cota de 85 metros e en 2006 outro máis ata a cota de 100 metros.
Coa balsa case chea, hai dous anos Alcoa iniciou o proceso para pedir unha nova ampliación doutros catro metros, ata a cota 104 sobre o nivel do mar, que permitiría "incrementar de xeito temporal (3 anos) a capacidade" de almacenamento. A empresa presentou a actuación como "imprescindible para a actividade da planta" xa que sen un lugar para verter os seus residuos "debería pechar a corto ou medio prazo".
Ante esa petición a Consellería de Medio Ambiente emitiu o pasado outubro a súa autorización ambiental, proceso no que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural deixou constancia de que a balsa precisará de mantemento e control indefinidos cando Alcoa peche sen que o proxecto de ampliación os contemplen.
Porén, sobre a "fase de abandono da actividade" a autorización da Consellería de Medio Ambiente só estableceu que un ano antes da "finalización da vida útil das instalacións" a empresa deberá remitir un "proxecto de selado, clausura e rehabilitación das mesmas". Será ese futuro plan de peche o que deba "adaptarse as cautelas indicadas pola Dirección Xeral de Patrimonio natural".

Tras ese permiso ambiental, agora é o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen outorga, nun documento asinado ás dez menos dez da noite deste martes 18 de febreiro, a autorización definitiva da ampliación da balsa e o seu "plan de restauración". Porén, o documento volve remitir ao futuro as actuacións concretas para a restauración ou control da zona cando Alcoa peche.
A Dirección Xeral de Minas fixa un aval de 27 millóns, cifra que obtén do custo de execución da ampliación e non do que custaría o seu mantemento indefinido tras o peche
Segundo se sinala na autorización, "nesta fase estase a aprobar un anteproxecto de peche e clausura" mentres que "o momento de concretar con precisión as medidas a aplicar para a clausura definitiva da instalación será no momento de finalizar a súa explotación". Unhas medidas que Patrimonio Natural considerou que serán necesarias "de maneira indefinida" pero que agora a Consellería de Economía e Industria limita como responsabilidade da empresa a "un período de trinta (30) anos tralo peche da instalación".
A autorización de Economía e Industria, contra a que alegaron sen éxito as asociacións Adega, Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde, está condicionada a que Alcoa presente antes do inicio dos traballos unha actualización dos seus plans de emerxencia interior e exterior e un aval de 27 millóns de euros como garantía dos traballos de restauración que se deberían realizar no futuro, cifra que obtén do custo de execución da ampliación agora autorizada e non do custo desa hipotética e futura restauración e mantemento indefinido a calcular cando Alcoa decida pechar.